domingo, 22 de outubro de 2023

Un cómic de Queipo & Primitivo

 

O paso do Noroeste de Queipo & Primitivo é unha boa banda deseñada desas de debuxo clásico, só coas elipses necesarias, e branco e negro, publicada por Galaxia.

Preséntase así: "No século XVIII un buque francés ao mando do capitán Duchesnoy inicia unha épica travesía na procura do mítico paso do noroeste, unha ruta entre o Atlántico e o Pacífico a través do Ártico. Un relato pleno de aventura, emocións, descuberta e coñecemento."

Unha novela gráfica que bebe da novela do mesmo título coa que ganou o premio García Barros en 1996.  Expedición científica, a honorabilidade dos antigos capitáns que levan unha carta sen abrir ata chegar a un lugar determinado e alí, ao lela descobren que as ordes levan outra dirección e a misión cambia, pero máis alá de todo iso está o naufraxio e a volta a Europa para atopar que o mundo cambiou e xa non hai lugar para alguén coma o capitán Duchesnoy.

venres, 20 de outubro de 2023

Novo premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola Igualdade

O novo premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola                    Igualdade acaba de publicarse.

 E que vai ser? de Adelaida Vidal, ilustrado por María Montes e publicado por Baía. Despois de A reconquista e Vermella, de O país do Gran Furado e A pita xefa, chega agora E que vai ser?

Así se presenta:"Unha bebé escoita desde o inicio da súa xestación como a nai ten que responder da forma máis sorprendente a familiares e amizades as preguntas que lle fan sobre que vai ser ela unha vez naza. Tanto importa? Obra gañadora do IV Premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola Igualdade (2023), polos motivos que indica o xurado: E que vai ser? é unha historia divertida, contada en verso, que posibilita o diálogo entre a familia e as crianzas nas primeiras idades.
Empregando maxistralmente a linguaxe inclusiva e facendo un hábil uso do humor e a retranca, esta obra fainos reflexionar sobre os estereotipos de xénero que proxectamos nas e nos bebés desde o momento da concepción. Cun final inesperado, E que vai ser? mantennos ao longo das súas páxinas un sorriso cómplice e esperanzado que nos fai repensar como nos enfrontamos aos estereotipos antes mesmo de nacer e lembra que somos persoas e non tanto xéneros."

As ilustracións achegan unha riqueza que parte da imaxe ao pé da letra para avanzar nun imaxinario propio de adobíos e telas, plasmación visual de metáforas, asociacións e introdución de novos personaxes, un mundo propio e recoñecible no que a imaxe dese bebé do que non sabemos o sexo se proxecta en cada páxina, o peluche aparecendo cando a nai lle di "Que ganas de coñecerte!". So daquela, cando remata o conto sabemos que é unha nena, pois a linguaxe foi tan escollida que en ningún momento o puideramos adiviñar. 

domingo, 15 de outubro de 2023

Novela xuvenil de Félix Caballero e conto rimado de Ramón Romero

O tesouro do casqueiriño de Félix Caballero está ilustrado por Evaristo Pereira e publicado na colección Árbore de Galaxia. 

Da presentación editorial: "A procura dun tesouro agochado polos mouros na praia ribeirense do Baluarte, levará a un feixe de rapaces a descubriren a historia e a paisaxe da zona e, sobre todo, o valor da amizade. Guiados por O Ciprianillo, un vello libro que se tiña por máxico, explorarán algúns dos lugares máis misteriosos da contorna."

Unha familia monoparental de profesora e fillo adoptado, unhas vacacións en Palmeira, o grupiño de amigos e O Ciprianillo que se pon a man para facelos ricos. O libro dos tesouros fala dun tesouro que está agachado perto, só hai que conseguir as catro chaves que o poden abrir, unha está na congostra da Carballa, outra na Pedra das Cabras, outra na Pedra da Ra e a última no castro da Cidade. Unha busca fatigosa que os distrae e un tesouro que, terán que interpretar porque non só é rico quen ten moitos cartos.

Unha novela infantil coa que viaxar pola zona do Barbanza, o territorio dos mouros e a prehistoria, as lendas e mitos dunha comarca.

O seu autor é un xornalista experto en humor que te realizado a súa tese sobre Xaquín Marín. 


A abelliña que perdeu as ás é un conto rimado de Ramón Romero Nogueira está ilustrado por Uxía Pin e publicado na colección Merlín de Xerais.

Que disgustazo ten a abella!!! Perdeu as ás. Anda na súa busca por toda a casa, polo bosque... pregunta a quen atopa: unha vermiña que lle manda que pregunte á ra, esta diríxea ao can e este ao gato, este mándaa xunta o xabarín e este á loba, ata que a araña lle di que lle pregunte á nai "Miña naiciña querida, / non sabes que me pasou! / Teño as miñas ás perdidas / e ninguén as atopou." A nai ben sabía onde estaban...

O autor iniciou o proxecto de audiolibros en liña Léocho. Audiolibros en galego.

venres, 13 de outubro de 2023

Unha nova obra de teatro

Os contos do Lobicán de Eva Mejuto obtivo o XV Premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques 2022. Aparece agora publicado por Baía con ilustracións de Sofía Venzel

Da presentación editorial: "Os contos do Lobicán é unha proposta estética adaptada con rigorosidade ao teatro de monicreques; unha historia en verso, áxil, divertida e atrevida que busca darlle a volta ao conto, que combina personaxes e universos temáticos propios dos contos clásicos con temáticas de actualidade, nomeadamente o respecto pola natureza e a convivencia pacífica e respectuosa entre os seres humanos e os animais."

Personaxes dos contos tradicionais (lobo, avoa, carapuchiña ou Xiana...) nunha historia contada doutra maneira porque agora é o lobo quen vai á casa do avó e debe ter coidado cos humanos que poden aparecer no bosque. Xogos de palabras, rimas, cancións... fan da obra unha representación feliz. 

xoves, 12 de outubro de 2023

Parque de atraccións. A fábrica da caca

Parque de atraccións. A fábrica da caca. Bo menú da boca ao cu de Marja Baseleer e Annemarie van der Brink con ilustracións de Tjarko van der Pol está traducido por Antón Vialle e María Alonso Seisdedos e publicado na colección Preparados, listos... xa! de Hércules de Ediciones

Da presentación editorial: "Catia e Caio converten a Fábrica para a Investigación da Caca e os Intestinos nun parque de atraccións, para que poida permanecer aberto. Un libro no que descubrirás todo tipo de datos sobre alimentación saudable e todo o relacionado co teu estómago, intestinos e caca. Ten moitas ilustracións a cor, tarefas e cuestionarios. Para ler con axuda a partir dos 5 anos aproximadamente, autolectura a partir dos 8 aos 10 anos aproximadamente."

Nas gardas temos un catálogo a modo de vocabulario visual de todo tipo de excrementos. A historia dun neno e unha nena que teñen o pai traballando na fábrica da caca, vaille mal e eles despois de visitala, tramo por tramo, deciden axudarlles converténdoa en parque de atraccións. Un xogo,pois hai uns elementos que debemos buscar en cada ilustración: paxaro, can cagando, esqueira, peixe e rato. Un concurso con catro alternativas para cada pregunta. Unhas explicacións que aparecen ao final a modo de hipervínculos. Un traxecto, da boca ao ano para entender como funciona a dixestión. Un divertido libro de ficción e información.

Gusto polo escatolóxico

luns, 9 de outubro de 2023

Un libro divulgativo

Pícache a curiosidade? de María Canosa e Ro Ledesma, está publicado por Edicións do Cumio e preséntase así: "O queixo procede dun líquido, o cacao dunha semente, o algodón obtense dunha planta e a la dun animal. Tanto o queixo, como o chocolate ou a la, poden viaxar nun avión, pero tamén fan viaxes polo mundo a auga e a electricidade. E a túa mente... ata onde é capaz de viaxar?

Din que o mellor das viaxes non é o destino, senón o propio camiño. Velaquí un libro no que descubrirás a andaina que el mesmo fixo para chegar ata ti, pero non só iso, senón que tamén te guiará na viaxe de obxectos, materias ou enerxías que habitan ao teu redor. Quizais non sexas consciente de cantas travesías marabillosas acompañas. Queres descubrilas? Non necesitas cinto de seguridade para esta viaxe, nada máis que unha mente inqueda que che permita descubrir a orixe das cousas."

Interesante, non? Un percorrido pola auga e a luz, a electricidade, a lan, o mel, o chocolate, os avións, as tormentas, os libros, o ouro, o noso corpo, o cerebro ou os tres RRR da sustentabilidade. Entender o funcionamento de todo canto utilizamos ou nos rodea é a finalidade deste libro, axudar a resolver as dúbidas: como viaxa a información polo noso corpo, como se fan os lingotes de ouro, por que se producen as tormentas, como pode voar un avión sen mover as ás, de onde sae a auga que utilizamos ou como chega a auga ás billas das casas ou a onde vai a auga dos baños... algo de todo e a promesa de continuar.

mércores, 4 de outubro de 2023

Dúas novelas xuvenís en Costa Oeste


Dúas novelas xuvenís na colección Costa Oeste de Galaxia.

A dona de Auria de Andrés Pombo Graña, que vén sendo a continuación da novela O segredo das Burgas, seguindo as aventuras do medio-demo Ciprianillo -Cip para os amigos-, a meiga Landelina
e a súa mestra (a meiga de meigas), dona Ádega. 

Meigas boas que coa axuda de Cip (o mangallón) e Rañacastañas (o demachiño) andan a investigar un caso de desfeitas no edificio Simeón causado por trasnos, e que os levará ao Ourense das sombras e ao encontro con todo tipo de seres de encantamento, obxectos máxicos, galiñas e pitos de ouro... todo relacionado cun antigo mal que está a piques de retornar.  

Ourense como espazo máxico e a Galicia encantada coas súas lendas percorréndoa.

Miss Antropía de Fernando Castro Paredes que se presenta así: "Noe está anoxada co mundo. Non encaixa. Todo se esboroou tras a morte do pai e séntese atrapada e sen horizontes. Odia a súa nai. Odia canto a rodea. A súa furia interior acaba envorcándose na creación dun perfil falso nas redes sociais: “Miss Antropía”, no que inventa a vida dunha rapaza que está morrendo de cancro.
A nai de Noe decide mudarse. Un cambio radical. Un novo comezo. Calquera cousa que permita fuxir dos erros do pasado e reconstruír unha existencia feita anacos. Pero a vida da rapaza non cambia. A mesma soidade. A mesma rabia.
De pronto, na nova casa, os soños de Noe comezan a poboarse de persoas ás que non coñece, de mortos, de situacións violentas que non acaba de entender. Emprenderá unha investigación para dilucidar se hai algo de real neses soños ou se dunha vez por todas se volveu tola, como moitos lle din que está.
O que descubrirá será algo terrible, que a cambiará para sempre e que a axudará a atopar o seu lugar no mundo."

Unha historia contada por narradores múltiples que a fan avanzar achegando outras miradas ao relato da protagonista. Pola novela van pasando diferentes temas como a adolescencia, suicidio, acoso, relacións familiares complicadas, amores tóxicos, homosexualidade, centros educativos, profesorado e a súa profesionalidade, outra visión das mulleres...