luns, 29 de abril de 2024

Álbum ilustrado de diferentes marcas: OQO, Flamboyant, Excellence

 

Mirando aos monstros de Max aos ollos, aparece Isto non é unha selva de Susanna Isern e Rocío Bonilla na editorial Flaboyant. A nena dia a todo que non: a limpar, a recoller, a ordenar ata que a nai lle di "Isto está a piques de converterse nunha selva". Daquela comezan a aparecer os animais e a facer máis desorden (o seu) e ela vai estando cada vez mçais incómoda. Cando quere saír da casa atopa a selva, quere negalo pero ata a ela lle sae unha cola, así que asustada comeza a poñer orde en todo o que antes non fixera e cando organiza a casa esta comeza a ser a súa. Por iso, cando ao día seguinte súa nai a esperta todo volve estar no seu sitio... acabouse o pesadelo, agora é ela quen quere recoller proque "Isto non é unha selva."

Corazón de oso de Armando Quintero e Laura van Husen publicado por OQO. A historia dun oso e unha osa pequeniños, encóntranse, míranse pero non se atreven a falarse. A osa vai deixando follas con formas de corazón e o oso vainas seguindo. Así, vanse facendo grandes xuntos. Con frases ben medidas e unhas ilustracións fermosas, unha historia cargada de silencios e símbolos. Unha historia de amor. 

Con ás de bolboreta de Irene Gómez Marin e Laia Carrera Crespo publicado por Excellence Editorial. Neste álbum asistimos á espera dunha eiruga que se apura porque non se dá convertido en bolboreta, ve como todos os demais o fan e ela vai quedando atrás. Ten tantas ganas de metamorfosearse que vai á árbore da transformación e agarda... A avoa dille que non hai présa, que cada unha ten o seu ritmo, é máis... que só o fará cando sexa feliz vendo como voan as demais... e así sucede, despois de axudarlle a unha amiga. Porque si, o verdadeiro cambio sucede dentro de ti.

domingo, 28 de abril de 2024

As Sentinelas do Silencio (e outras obras) de Beatriz Maceda

As Sentinelas do Silencio de Beatriz Maceda, ilustrado por Laura Veleiro está publicado por Xerais na colección Merlín.

Así se presenta: "Iria ten que deixar a cidade onde vive, as súas amigas, o colexio, a praia das tardes do verán... para mudarse cos seus pais ao campo, a un lugar chamado Malvela. Alí a súa vida semella perder todo o sentido. Mais, pouco a pouco, irá coñecendo unha comunidade de persoas especiais que, dotadas de cadanseu don, van ensinarlle outra maneira de estar no mundo, moito máis consciente. Todas elas teñen en común unha curiosa característica: calzan un zapato de distinta cor en cada pé. Iria descubrirá que ese distintivo é o que identifica os membros dunha sociedade creada en Malvela: «As sentinelas do silencio».
Unha emotiva novela ecoloxista; un canto á natureza e á defensa do medio rural."

O paso do mundo urbano ao rural, a retirada para que os pais lle dean unha nova oportunidade á relación, o encontro cun mundo idílico no que a solidariedade, o respecto polos demais, o ecoloxismo, o respecto polas artes e as diferentes maneiras de ser, a mirada sobre a diversidade funcional e a diversidade sexual ou familiar, a descuberta da natureza como o ser dos seres... todo iso ben envolto nunha narración que nos vai levando silenciosamente, tal como funciona a vida en Malvela, tal como len os pais de Iria (editor e crítica) e tal como viven  os veciños que viñeron de París. Unha mirada ás sufraxistas e os seus procedementos de loita, unha sociedade organizada autoxestionada no rural, unha loita para a defensa da natureza e contra todo o que a ataque.  

Continúa a súa autora pola deriva que encetou en Lúa en Ningures e Ardora, un camiño de bo facer que a rapazada lle agradece. 


venres, 26 de abril de 2024

Unha novela traducida e outra escrita en galego

Como lágrimas na chuvia de Jordi Sierra i Fabra foi premio Lazarillo 2019 e aparece publicada por Galaxia en tradución de Xesús Domínguez Dono.

Da presentación editorial:"Grace é unha adolescente que coida da tumba do seu pai, Leo Calvert, unha lenda da música falecido nun estraño accidente uns anos antes, e á que acoden en peregrinación fans de todo tipo. Un deles, Norman, crúzase no camiño da moza e desata nela un remuíño de preguntas sen resposta ao redor da morte do pai e das cancións que deixou gravadas, gardadas no soto da súa casa, e que a súa nai, Rebecca, se nega a publicar. Pero a solución a estes enigmas tena unha única e insospeitada persoa.(...) A través dunha linguaxe moi próxima á mocidade, e coa outra paixón do autor como marco, a música, retrata o fracaso, o éxito, a traizón, a fama e a amizade; en definitiva, a condición humana"

A cita que dá comezo á novela:"Vin cousas que non creriades. Atacar noves en chamas máis alá de Orión, cin raios C brillar na escuridade, preto da porta de Tannhauser. Todos estes momentos perderanse no tempo, como lñagrimas na chuvia. É hora de morrer." (Blade Runner). 

Dubidas acerca do dereito ou non a facer público ou ocultar a obra do músico morto por parte da familia e dos siareiros, acerca da causa dunha morteen accidente, quen trae ao outro a estar contigo, a razón pola que rematan as relacións, os intereses económicos coqueteando coas relacións de amizade, as drogas e o alcohol como vía de escape a unha violencia extrema, a arte e as súas inseguridades, a familia e o éxito... e no medio de todo isto, unha escena chea de meirande violencia resolta por quen menos esperammos.

Unha boa novela, que camiña soa dende o primeiro parágrafo e construída cos fíos da narración xuvenil.  

A gruta  da torre de Lois Pérez acadou o premio Agustín Fernández Paz pola igualdade. Está publicada por Xerais e da presentación editorial: "Rematado o curso, Lois viaxa coa súa familia a pasar outro verán en Ribadeo. Quique, Greta e o resto da cuadrilla agardan por el, e ese ano hai tamén unha nena nova. Non a coñece, mais morre por falar con ela... Na vella biblioteca da Torre dos Moreno, Quique encontra un libro e, no interior, un misterioso documento que fala dun pasadizo. Onde estará? Deciden que teñen que atopalo. A investigación vese sacudida pola aparición dunha foca, Cuquita, e tamén por uns estraños sucesos no faro da Illa Pancha. Quen os persegue? Por que un home lles amosou unha pistola? Quirina e Estrela tamén procuran a resposta. Namentres, Marquiños escoitou a voz de seu pai no mar... Unha aventura trepidante, atravesada pola forza da amizade, os primeiros amores e o valor dos libros, no Ribadeo de 1990." Os primeiros namoros, a aventura na que se mestura o perigo porque o mundo da corrupción irrumpe (ex policía e narcos, fareiro vendido, planadoras...), o racismo (xitana e moreno), a escritora coa súa carga cultural e de memoria, a defensa da lectura, a lembranza da represión do 36 para diante, ecoloxía con esa foca que lle transmite unha ensinanza (Non perdas a túa luz, poñerante en situacións complicadas unha e outra vez. A ti e a todos. Pero debedes conservar o voso lume, por pequeno que sexa)...

Un bocado:"descubrira que existían dúas vidas. E existían dúas vidas porque existían dous mundos, feitos de mundos moito máis pequenos, inmensos e marabillosos ao mesmo tempo (...) unha era a vida normal, aque se vía, respiraba e sentía no día  día -as persoas, os lugares, os traballos e as rutinas que poboaban de obrigas e de horarios a pequena existencia- e outra era a que estaba alí dentro, en silencio, na biblioteca: mundos e vidas que agardaban a ser vividas (...) fora descubrindo que un fío de luz se coara aos poucos no seu pensamento, inzando de claridade os confíns máis remotos. Nada do que acontecía en ningún deses libros era escravo desoutra vida "real". En cada libroo que acontecía abondaba por si mesmo e no respondía a máis regras ca ás daquel mundo oculto. (...) Por eses mundos aprendera que o máis importante eraa valentía e a amizade; a lealdade aos amigos, o amor pola vida e polas demais persoas. Non renderse nunca e pelexar unha e outra vez contra "os malos". E aprender a distinguilos, poisos libros amosaban tamén os lados escuros do mundo real,  súa dobre cara. Así fora como aprendera a fundir realidade e fantasía na súa vida, facendo que o mundo reale o undo en que vivía se parecesen o máis posible aoundo dos libros e das hsitorias. (...) Os libros están entre eses dous mundos. Son portas. Se os miramos pechados, estamos vendo o lugar que ocupan neste mundo noso, o real. Pero se os abrimos, estamos estamos mirando o seu reverso, o mundo deles. Un mundo non tan real, pero só aparentemente. Ou non son reais o medo, a excitación, o temor, a angustia que destilan certas palabras se se len colocadas na orde axeitada? E o que acontece ou se conta nos libros infflúe enormenmente no que sucede no mundo real. Agora ben, só lles cambian a vida a quen os abren. A ninguén máis.(...)No fondo, a chave de todo son as palabras. Con elas cobraba forma e podía quedar na memoria todo o que nos rodeaba, o visible e o invisible" 

En relación á memoria histórica pódense recoller algúns fragmentos e un par de cartas que a nai lles deixa escritas: "Gardara para sempre na súa memoria o so dos disparos, os berros e os choros, as carreiras e as fuxidas, as desaparicions e os encontros furtivos no monte, os anos da posguerra e as estreiteces". As cartas que a nai escribe para deixarlles de forma que as xeracións futuras podan saber o que pasou."

martes, 23 de abril de 2024

O camiño urbano. Natureza no km. cero

El Patito editorial publica tamén libros semellantes a cadernos de campo, libros artísticos pois son de ilustradores, produtos derivados dos encontros de Compostela ilustrada. 

Neste caso, catro mulleres participan nunha publicación que ten algo de libro de postais da Compostela na que derivan diferentes camiños. 

Trátase de O camiño urbano. Natureza no km. cero no que xuntan natureza na capital de Galicia e mulleres que a representan, con guión e debuxos de Celia Burgos, Maru Godas, Ana Luisa Frazao, Nanda Cabaleiro.

domingo, 21 de abril de 2024

"Nós estamos aquí. Apuntamentos para vivirmos no planeta Terra" de Oliver Jeffers

Nós estamos aquí. Apuntamentos para vivirmos no planeta Terra de Oliver Jeffers, publicado por patasdepeixe.

Así o presenta a editora: "Oliver Jeffers escribiu este libro para o seu fillo Harland antes de que nacera.
Sentiu a necesidade de escribirlle unha guía sobre o que había atopar no mundo nada máis chegar a el. É unha guía que nos leva desde o máis afastado, o espazo e os planetas, ata o máis íntimo, os afectos, pasando polos mares, paisaxes, corpos e demais fundamentos da vida. Debuxado e escrito co humor e beleza que caracteriza a Jeffers, este libro fainos reflexionar sobre as esencias da vida, e a importancia de coidarmos o planeta para podermos coidar entre nós. É unha lectura divertida, fermosa e fundamental
que non debe faltar en ningún fogar." Dende a mesma cuberta se nos presenta o planeta e se explica onde estamos e onde non. Nas gardas, sobre un fondo azulde firmamento na noite explícase, por medio das estrelas, como podes facer para atopar o teu camiño cando te perdas (no hemisferio norte e no hemisferio sur, pois para todos vale).

Lede o ton:

Nós estamos aquí (sinala no mapa celeste cunha flecha). A ver... Ola! Benvido a este planeta. Chamámolo Terra. É o gran globo queflota no espazo onde vivimos. Que ben que nos atopaches! Porque o espazo é moi grande. Hai moito que ver e facer aquí, na Terra, así que, para comezar, imos dar unha voltiña. O planeta consta basicamente de dúas partes: terra (rocha e solo) e mar (auga). Imos comezar primeiro pola terra. É onde estamos pisando agora mesmo. Da terra sabemos un montón (e vainos ensinando dende os volcáns ás lagoas). Despois está o mar, que está cheo de cousas marabillosas. Do mar sabemos un pouquiño, pero xa falaremos máis do tema cando aprendas a nadar.  (un buzo, os galeóns afundidos e todo tipo de animais mariños, icebergs). Tamén está o ceo. Máis aquí a cousa xa che é algo máis complicada... moi ben, seguimos loguiño. No noso planeta hai xente. Unha xente é unha persoa. Ti es unha persoa. Tes un corpo. Vóidao ben, porque a maioría das partes non volven medrar. As cousas máis importantes que temos que lembrar as persoas son: comer, beber e estarmos quentiñas. A xente vén en moitas formas, tamaños e cores. Pode que o nosos aspecto sexa diferentes, nos comportemos de xeito diferentee soemos diferente... mais non te enganes, todos somos persoas. Tamén hai animais. E aínda veñen en maís formas, tamaños e cores. Non saben falar, pero iso non é motivo para non sermos bos con eles (e di un loriño pequerricho nunha esquina "eu si que sei"). Pode que ti tampouco saibas falar aínda , malia que teñas a cabeza chea de preguntas. Non teñas présa, has aprender a ausar as palabras ao seu tempo. Polo xeral, a cousa vai así: ando hai sol, é de día e facemos cousas. O resto do tempo é de noite, cando está escuro (de non ser pola lúa) e durmimos. äs veces as cousas poden ir amodiño aquí na Terra (paisaxe rural) pero as máis das veces van rápido, así que aproveita ben o tempo. Pasará antes de que te decates. malia o que avanzamos, aínda non o demos entendido todo, así que che quedas oito para faceres ti. Hai moitas cousas que descubrirás por ti mesmo. Só unha cousa: non esquezas deixar apuntamentos para os demais. Parece grande a Terra pero soos moitos os que estamos aquí (7,327,450,667 e subindo). Así que sé bo e xeneroso. Hai abondo para todos. Pois así, este éche o planeta Terra. Asegúrate de coidares ben del, porque é todo o que temos. E se precisas saber algo máis... ti pregunta. Non che vou andar lonxe. E se non estou... sempre lle podes preguntar a outra persoa. Na Terra nunca estarás só" (e tedes que ver que xente lle presenta, case en fila para que poda preguntar: buzos, apicultores, monxas, xentes de todos os continentes, gordos e flacos, con paraugas e sombreiros...)

De seu pai recolle unha frase: Só precisas tres palabras para vivir, fillo: respecto, consideración e tolerancia." Así se entende... non é?

sábado, 20 de abril de 2024

Libro ganador do Premio Asubío. Infancia e Mocidade pola inclusión.

Palabras de pedra é o libro ganador do "Premio Asubío. Infancia e Mocidade pola inclusión". 

O premio de novela Fundación María José Jove (FMJJ) Infancia e Mocidade pola Inclusión é unha iniciativa de carácter bienal da FMJJ e de Hércules de Edicións que conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e que ten como obxectivos promover o fomento e a creación de obras literarias que aborden o tema da infancia e da mocidade en risco de exclusión social e que favorezan o coñecemento sobre este tema, nomeadamente entre a xente nova.

Así se presenta: "Palabras de pedra é a historia dunha decisión. O protagonista, un home con autismo de alto rendemento, decide realizar unha viaxe acompañado do seu fillo Guille —moito máis afectado—, o que suporá para el ter que tomar decisións en solitario, renunciando á seguridade de todos aqueles que sempre estiveran pendentes del (pais, irmáns, nai do neno e exmuller). A odisea que nos propón Palabras de pedra non é a viaxe en si, senón todas as vicisitudes que o personaxe principal debe sortear ata que chega o momento mesmo de atoparse fronte a ese mar (océano Atlántico) co seu fillo.

O relato está narrado en primeira persoa, o que obriga o lector a mirar tanto o contorno coma o resto de personaxes a través da pupila dun home con autismo, con todo o que iso supón: literalidade na linguaxe, problemas de socialización ou nivel baixo de empatía. Ao mesmo tempo, invítao a entender que o mundo pode ser visto e vivido doutras maneiras igualmente enriquecedoras.

Palabras de pedra pretende visibilizar a realidade de todas as persoas con Trastorno do Espectro Autista (TEA) e das súas familias, nun mundo que non está deseñado para elas e ao cal deben adaptarse, ás veces dende a soidade máis absoluta e a pesar da incomprensión e mesmo do rexeitamento.

Trátase dunha novela acerca do autocoñecemento, da asunción das propias limitacións e de como é posible aceptar o risco que supón atreverse, a pesar delas, a soñar".

Unha boa novela, da que aprenderemos todo tipo de lectorado. A tradución é de María Fe Gonzñadez Fernández e aparece publicada dentro da colección sen fronteiras. A ilustración da cuberta de Marcos Viso. O seu autor Ginés Cruz. Cruz xa publicou anteriormente Rosas negras.

venres, 19 de abril de 2024

Dende o punto de vista dunha árbore

O outeiro do amieiro de Anjel Lertxundi, traducido por María Ramos Salgado e publicado en Costa Oeste de Galaxia.

Preséntase así: "O protagonista desta novela quere coñecer o mundo, viaxar dun lado cara a outro, gozar das paisaxes e cidades máis fermosas. E non é que sexa moi raro, moitos libros falan disto. Pero o protagonista desta novela non é unha persoa coma ti ou coma min. Non é nin sequera un rato ou un golfiño. Trátase dun amieiro, unha simple árbore. E unha árbore teno moi complicado para ir polo mundo adiante, aínda que sexa o carballo máis ergueito.
Mais a árbore desta novela sempre quixo deixar o lugar onde naceu. Sempre quixo moverse, camiñar dun lado ao outro, coñecer sitios novos.
E, daquela, a natureza ofreceulle unha apaixonante aventura. E aquí a tes, a narración do amieiro que quixo coñecer o mundo e o seu percorrido. Cada páxina é unha porta, e a chave para abrilas todas é a lectura."

É o que ten recibir visitas, apoiado no amieiro un rapaz le en voz alta novelas de aventuras (As aventuras de Tom Sawyer, A illa do tesouro...), unha muller aproveita a súa sombra para cantarlle ao bebé, un namorado grava un corazón con dúas iniciais, a xente fala de cidades afastadas... e a árbore ponse a soñar. Non lle chega co que ve dende a súa atalaia no outeiro. Quere máis. Na súa cabeza están os mares, os mundos das narracións, os afectos das anainas e aínda que non pode facer nada por moverse da terra na que están clavadas as súas raíces ponse feliz cando medran as augas e o levan con elas, daquelas  mostra toda a súa solidariedade salvando a quen pode (sexa animal ou surfista)... tamén el é axudado (as mulleres semellan ser as máis ecoloxistas) a vivir unha nova vida na que seguirá botando de menos navegar polo mar.   

O narrador en terceira persoa está atento aos sentimentos e emocións do amieiro. Cóntao todo para que nos fagamos idea de como o ve a árbore. As augas asolagan o val e as expectativas deseser vexetal as páxinas do libro.