domingo, 30 de xuño de 2024

Ao redor de Manuel María

 

 

O poeta Manuel María fala cos paxaros da Terra Cha de Pepe e Abraham Carreiro publicado pola Casa Museo MM con axuda da Deputación da Coruña.  O poeta fala cos paxaros da Terra Cha (van aparecendo anacos de poemas relaicoandos con aves). Por medio dos códigos QR pódese acceder ao canto do cuco ou á canción de Suso Vaamonde e aos poemas de Manuel Mª sobre eses paxaros.

O poeta Manuel María ten un barco de xoguete de Pepe e Abraham Carreiro publicado pola Casa Museo MM con axuda da Deputación da Coruña. A partir da situación na que o poeta está a tomar un baño cun barquiño de xoguete na bañeira, entra a información sobre a auga con todas as consecuencias na historia: o río máis longo do mundo, o máis caudaloso, vemos ao poeta navegar no barco polo mundo, naufragar e ser rescatado por Manuel de Paderne (o personaxe eterno do seu imaxinario e realidade).... igual todo foi un soño! 

Para adolescentes aparece o libro Manuel María sachando na leira común, non na de un, de Pepe Carreiro. Ao estilo dos seus libros informativos, con texto nunha páxina e ilustración na seguinte, moias veces a modo de cómic con bocadillos. Preséntase así: "Publicación divulgativa, escrita e ilustrada por Pepe Carreiro, para dar a coñecer a figura de Manuel María, en ton humorístico, e dirixido para públicos a partir de 15 en diante (incluído público adulto)."

venres, 28 de xuño de 2024

Para crianzas

 

Estou ocupado de R. L. Peralta, ilustrado por Blanca Millán e publicado por Cumio. A nai vai traballar, o pai queda na casa coidando dos peques ata que nun momento determinado necesita un descanso e vai ao baño buscando algo de paz. Daquela, todo é unha tolería e ao saír vai ter que amañalo todo. Cando volve a nai atópaos vencidos, cando pregunta as crianzas cóntanlle a historia á súa maneira: foron ao circo, portáronse ben, recolleron todo... semella que quen on o fillo todo como é debido é unicamente o pai.  Un cómic para primeiras idades sobre o balbordo, o letreiro "Estou ocupado", as diferentes formas de explicar a realidade, a necesidade de paz e tranquilidade...

As estacións de Margarita del Amo e Cecilia Moreno publicado por Júcar. Da presentaicón editorial: "Un libro de rimas para descubrir as estacións dirixido aos máis pequenos para que podan descubrir as cores, a natureza e as actividadesde cada estación do ano." 

O vermello non está enfadado. O azul non está triste de Luís Amavisca e Alicia Acosta, ilustrado por Anuska Allepuz e publicado por Nubeocho. esta editora recolle os seus libros en español, catalán, inglés e catalán pero non en galego, cando queremos buscar a imaxe ou información temos que facelo na páxina dunha libraría. Os animais atópanse no bosque e aínda que ao principio os tres concordan en que cada cor mostra un estado de ánimo (vermello, enfadado; azul triste; verde, calma), o raposo non vai estar de acordo porque el vístese como quere sen mirar como está o seu humor nese momento, de feito cando atopan un paxaro multicolor danse conta de que in siquera a expresión da cara mostra ás veces como se senten. Ilustración con ceras.

xoves, 27 de xuño de 2024

No centenario de Gianni Rodari

 

No centenario de Gianni Rodari, Kalandraka publica Era dúas veces o barón Lamberto ou o misterio da illa de san Giulio e Que fai falta? 

Gianni Rodari, o emperador da creatividade está de centenario. O pedagogo e escritor que creou a Gramática da fantasía está de aniversario. Kalandraka homenaxéao cun par de libros que levan o selo de 100 Gianni Rodari. Era dúas veces o Barón Lamberto (ou o misterio da illa de San Giulio), un clásico para lectorado autónomo. Ilustrado por Javier Zabala e traducido por Isabel Soto. Ler a primeira páxina fainos entrar nun mundo propio onde a creatividade e a imaxinación son amas e señoras. Un libro para primeiros lectores/s  

"O lago de Orta está no medio das montañas. No medio do lago de Orta, aínda que non xusto na metade, está a illa de San Giulio. E na illa de San Giulio está o pazo do barón Lamberto, un señor moi vello (ten noventa e tres anos), bastante rico (posúe vinte e cagtro bancos en Italia, Suíza, Hong Kong, Singapur etcéter) e sempre enfermo. Os seus males ascenden a vinte e catro. Tan só o mordomo Anselmo os lembra todos. Tenos numerados en orde alfabética nun pequeno caderno: asma, arterioesclerose, artrite, artrose, bronquite crónica, e así ata chegar ao zeta de pernas zambras. Á beira de cada doenza, Anselmo ten anotadas as menciñas que lle cómpre tomar, a que hora do día e da noite, os alimentos permitidos e os prohibidos, e máis as recomendacións dos doutores: "Controlar o sal, que sobe a tensión", Limitar o azucre, que non se leva ben coa diabetes", Evitar as emocións, as escaleiras, as correntes de ar, a choiva, o sol e a lúa". 

Que fai falta? Ilustrado por Silvia Bonanni. Os álbumes semellan sinxelos pero  seu texto pero sempre é rico. Con poucas palabras vainos introducindo na historia: Para ter unha mesa  - Fai falta madeira  -  Para ter madeira   -   Fai falta a árbore --  Para ter a árbore  -  Fai falta a semente  - Para ter a semente  - Fai falta o froito  --  Para ter o froito  -  Fai falta a ...  Para ter unha mesa  Fai falta unha... Deixamos detrás deses tres puntos a palabra clave, ao meu entender, porque esa conclusión é digna dun bo tratado mediambiental e dunha secuencia racional. Poucas palabras pero as xustas, poucas palabras pero unha lectura profunda.

As ilustracións son colaxes que ocupan as dúas páxinas. As gardas son flores. A mesa está posta co mantel, os servizos, pratos, ola, cubertos, cadeiras, o reloxo, os utensilios de cociña, ata o can e o gato comendo onde lle corresponde.

mércores, 26 de xuño de 2024

Álbum ilustrado e libro arredor de Ben Cho Shey

Quen espertou o Kraken? de Lucía Belarte e David Rodríguez Lorenzo publicado por Antela. Unhas magníficas ilustracións acompañadas duns pequenos textos: catro versos con rima asonante nos pares. As imaxes reproducen o mar co monstro e os personaxes que lle poden ser propios: navegantes, xente do litoral, viaxeiros/as, piratas, mariñeiros/as, pescadores/as, ... os personaxes mitolóxicos correspondentes (Neptuno, sereas, Leviatán), barcos de pesa ou de pasaxe, galeóns, o mundo subterráneo e os portos están presentes nas ilustracións que teen moi en conta a muller.

Aparece deste xeito:

"O kraken está anoxado
porque non descansa ben.
Axúdasnos a aclarar
quen o espertou esta vez?
O Kraken está alporizado, cal pode ser a razón? Un Neptuno despistado, unhas sereas desafinadas... Os cativos gozarán dunha historia divertida escrita en verso, mergullando a súa imaxinación ata descubrir o misterio." 

Os segredos do bosque de Ben Cho Shey está escrito por Francisco López Barxas, ilustrado por Acisclo Manzano e publicado por Galaxia.

Preséntase así: "Que segredos oculta o bosque de Ben-Cho-Shey nun día de néboa? Por que ten ese nome tan raro? A quen lle gusta xogar á billarda? En que falan os afiadores de navallas, tesoiras e coitelos? De que lugar saíron para percorrer o mundo detrás dunha roda? Que trasgos se agochan debaixo dun maio feito con musgo, flores e carrabouxos para non ser descubertos?
O bosque de Ben-Cho-Shey esconde segredos que ninguén coñece. Pero, cales son? Os segredos non se contan; descóbrense nestas páxinas, seguindo os pasos de Loaira e Lislé, dous dos protagonistas desta historia."

Ourensanía. O artista Acisclo Manzano. Unha historia de escola, cando a profesora dialoga co alumnado sobre o que foi profesor e inspector Ben Cho Shey (ao que case ninguén lembra co verdadeiro nome Xosé Ramón Fernández Oxea) o seu catón,  Enrique Gómez Pato, Vicente Risco, Otero Pedrayo, Benito Jerónimo Feijoo, Bernardo González del Valle, Cachamuíña... Un bosque, os maior e as lembranzas.

luns, 24 de xuño de 2024

Froitos variados

Froitos e verduras é un libro divulgativo con fiestras. Nel preséntansenos dous rapaces (Marga e Antón) que andan plantando sementes de tomate, asistimos a todo o percorrido do trasplante dos tomates dende a maceta ou semilleiro ata a horta. Con eles asistimos á descuberta de todo o que hai no horto, vexetais, verduras, legumes e os animais que andan ao redor: dende os que se moven polo subsolo aos insectos e aves, roedores e calquera animal de granxa. As fiestras fan que nos fixemos en determinadas imaxes, en cada páxina hai un xogo a modo de pasatempo: Busca e atopa que nos obriga a mirar con moita atención cada unha das partes da ilustración que abarca toda a plana.

Preséntase así:"Nesta historia podes aprender os segredos do cultivo de froitas e verduras con
Marga e Antón e poñelos en práctica. As ilustracións achegan moita información importante. Tamén hai que encontrar cousas agochadas en cada páxina, mentres recordas as cores e os números. Atréveste a plantar tomates na túa casa? Se non tes unha horta a man podes transpantalos a testos máis grandes. A
divertirse !.."  

De  Joli Hannah o texto e de Malgorzata Detner as ilustracións, publicado por Baía na colección Leo e aprendo.

Hermelindo esbirra poemas de Paula Señarís, ilustrado por Laura Romero Pereira está publicado na colección Árbore de Galaxia.

Da presentación editorial:"Pronunciar palabras bonitas está totalmente prohibido no mundo mecánico. Por iso Hermilindo ten un grave problema: debe ocultar que esbirra versos que lle saen do seu corpo de latón. Un día próelle tanto o nariz que esbirra un poema enteiro diante de todos! Pobre Hermilindo, bótano do seu país por este delito! Pero o que non sabe é que, no seu desterro, descubrirá seres fantásticos que lle axudarán a saber por que lle saen palabras fermosas."

Cando es un reloxo, vives nun mundo absolutamente dirixido no que non se permite ningunha desviación da norma, nada fóra do tic tac se pode articular e se esbirras e che saen outras palabras... que digo palabras? incluso versos e estrofas vas ter que converterte nun prófugo e percorrer outros mundos nos que vas atopando (coma o principiño) con personaxes ben orixinais pro que ademais demostran que as prohibicións son arbitrarias coma o flamengo ao que non lle deixan pousar as dúas patas, a muller forzuda que aguanta o indecible e vai camiño de conseguir unha medalla olímpica ou o cosmonauta que lle diagnostica unha alma de poeta, o lobo e os seus medos, o luceiro que o quere convencer de que o que el ten non é unha enfermidade senón un trazo de quen é, unha cualidade única,.. Volveu Hermelindo ao seu mundo e conseguiu crear unha célula de personaxes que defendían outras palabras e as colgaban a unha hora, un dúa da semana no tendal... e cando se sentía moi triste lembraba o luceiro que lle dera un pouco da súa luz.

venres, 21 de xuño de 2024

Novidades en Xerais: "O tren fantasma" e "Varetai. Protectora de espíritos".

O tren fantasma de María Oruña con ilustracións de Ana Zurita na colección Sopa de Libros de Anaya, para primeiras lecturas.

Na presentación editorial aparece a sinopse: "A Alan no lle gusta ir para a cama. Para axudalo a durmir, o seu pai decide lerlle un conto moi especial: «O tren fantasma». Cando Alan queda durmido con el entre as mans... esperta dentro do tren da historia! E as pantasmas serán o último dos seus problemas: montañas máxicas, tormentas terribles, amazonas con espadas... Vaia aventura agarda por el!"

A autora, coñecida, en galego, polo libro O bosque dos catro ventos ambientado en San Estevo de Ribas de Sil escribe por primeira vez un libro infantil. No conto entras no tren, no tren van os viaxeiros e o maquinista que dorme; o tren entra nun túnel no que pasan cousas, neste caso encontran un castelo na Idade Media e o peor é que cando ven o tren pensan que é un animal que comeu persoas ás que queren salvar... 


Varetai. Protectora de espíritos de Alba de Evan con ilustracións de Mara Méndez na colección Sopa de Libros de Anaya, para lectorado autónomo.  

Na presentación editorial aparece a sinopse: "Lía é unha rapaza especial, dende cativa é capaz de ver os Vareti, espíritos elementais que protexen o mundo. Cando as cousas comezan a se torcer na vila, decátase de que algo non vai ben. Quen está provocando desastres? Quen son eses seres que apareceron de súpeto? Xunto con Brisa, a súa inseparable amiga, tentará solucionar a desfeita antes de que cobre dimensións épicas." 

Vareti é unha nena valente que se enfrontará aos seres malignos, a eses que en lugar de protexer o mundo queren acabar co el. A pelexa entre o ben e o mal, esa capacidade de determinados nenos para entenderse con determinados seres están presentes nas historias.

luns, 17 de xuño de 2024

Obras traducidas (II) Unha novela xuvenil con premio

A lista das cousas imposibles de Laura Gonzalvo acadou o XI premio Carlemany para o fomento da lectura en 2021. Aparece agora na colección Costa Oeste de Galaxia traducido por María Alonso Seisdedos.

Escrita en primeira persoa, dela afírmase na presentación editorial: "Di Clara que cando Guim a deixou, só pouco antes do seu aniversario dos dezaoito anos, fíxoo porque tiña ganas de “facer cousas”. De vivir a vida. Que non sabía, que non podía saber, que só seis meses despois un accidente de moto o ía deixar en cadeira de rodas e que sería ela quen viviría a vida que el imaxinara. Di que a de Guim terminou sendo unha vida totalmente distinta. Unha onde o que desexaba eran cousas que non podería volver facer ou ter nunca. Ou, polo menos, iso era o que os outros dicían. A lista das cousas imposibles é a historia de Clara e de Guim. De Guim e de Clara. Unha historia de soños e realidades, de anhelos e de cicatrices. Unha historia de amor e de vida." 

Unha historia que presenta riscos porque unha moza vaise namorando daquel que di que a quere pero xustamente cando ela está segura el vaise; ela non entende e dá voltas pola vida dun xeito... non sei se errático ou experiencial. Poderiamos pensar que lle queda unha fixación que acaba resolvendo e tampouco sabemos se da mellor maneira posible aínda que a autora fai un adianto no epílogo que semella dar tranquilidade ao lectorado.