martes, 16 de decembro de 2025

Premio Roberto Vidal Bolaño de teatro para mocidade 2025

O Premio Roberto Vidal Bolaño do 2025 recaeu en Os rapaces só se tocan para darse de ostias de Iván Caloto. Está publicada na colección Bitácora de Galaxia.

Da presentación editorial: "Esta peza nace inspirada nun caso real, acontecido nun instituto de Vigo en 2024. O texto fala dunha realidade que continúa a afectar os nosos adolescentes, intentando atopar as raíces sociais, psicolóxicas e culturais dun tema como o bullying ou acoso escolar. A peza recolle personaxes da vida diaria, amosando que unha persoa pode ser vítima ou agresora, dependendo das súas circunstancias, e salientando a necesidade de pertenza ao grupo ou a relación coa masculinidade." 

O problema da masculinidade asumida dende o patriarcado, a inmigración co que supón de descoñecemento das convencións sociais, o acoso escolar, o racismo, o odio aos inmigrantes, a resistencia á diversidade sexual, o machismo, a violencia de xénero, a loita pola mellora social, a política represiva e a maneira na que un ou outro goberno inflúe sobre a sociedade tanto a nivel de medidas como de propaganda ideolóxica, o fútbol como posibilidade de encontro...

Dividida en tres apartados: Antes de nada, Despois do partido e Despois da agresión, que, á súa vez se dividen en cinco, seis e sete partes.

A raíz da morte da nai, Dato (con quice anos) vén para Galicia con seu pai. É de Brasil e xoga moi ben fútbol (esa debe ser unha boa porta de entrada á socialización, non?) pero ten dificultades para facer amigos. As súas reflexións acerca de como os homes só se tocan cando se pegan, de como bota de menos o seu país e a familia ou as da súa amiga acerca dos homes e a súa violencia, son parágrafos que merece a pena comentar. Da mesma maneira, é interesante observar como o compañeiro acosador é fillo dun home cheo de prexuízos e agresividade, un pai co que non quere estar pero se ve obrigado cando lle toca compartir vivenda despois do divorcio, a situación na que este vive... 

Ben está o que ben remata é un dito e pode ser unha conclusión. Todo se pode amañar pero a realidade non é tan doada, de calquera maneira hai que tentalo, igual que ler e representar este tipo de obras (para a segunda opción pode resultar complicado memorizar parágrafos demasiado longos pero o teatro lido é unha boa opción, sempre).

domingo, 14 de decembro de 2025

A nova novela de An Alfaya

A nova novela de An Alfaya leva por título Irracionais e está publicada na colección Costa Oeste de Galaxia. 

Da presentación editorial:"Unha novela que convida á reflexión sobre o respecto á diversidade fronte á intransixencia de quen rexeita as distintas identidades.  A obsesión do neurólogo Vicente Barbosa polo número áureo, coa complicidade da publicista Alexia Velasco e do cirurxián plástico Bruno Rodas, lévaos a tramar un plan macabro cuxa cerna agroma da discriminación sexual e de xénero. O slogan da páxina Web de Perfect Models: “A diversidade sexual non é ningunha barreira, senón unha ponte”, sérvelles de cebo para captar a mocidade vulnerable; a Nave será o espazo creado para a experimentación, e Andrea, Marcia, Maxi, Gladis e Iván, converteranse nas súas cobaias. Mais, non estarán sós, pois os actos perversos dos tres instigadores sementarán sospeitas ao seu arredor. Conseguirán ser desenmascarados?"

A familia monoparental dunha nai e unha filla que acaba de rematar o bacharelato. Dúas mulleres que teñen unha boa relación e asumen a transexualidade da moza. Unha tentación, nese anuncio de axencia de modelos, no verán anterior á universidade. Unha trampa que tenden aqueles aos que a diversidade lles molesta... porque alguén anda á caza do diferente para experimentar e demostrar que a súa ideoloxía é a boa... En tempos de neofascismos o coidado debe extremarse, porque non todo o mundo está disposto a aceptar a realidade: hai quen a quere facer á súa medida!

Unha novela sobre a transexualidade, a homosexualidade, a marxinalidade e a súa persecución por parte de quen non acepta a diferenza. 

FINALISTA PREMIO XOSÉ NEIRA VILAS DE LITERATURA XUVENIL 2025

sábado, 13 de decembro de 2025

Dous libros de Miau


Déixame en paz! de Alicia Acosta e Marisa Morea, traducido por Vanesa López e publicado por Miau. Dous moniños: Tico, un barulleiro, que sempre está a dicir que se aburre e sempre mete en problemas a Tuco que continuamente lle pide que o deixe en paz. Tuco é tranquilo, le, xoga o xadrez, dorme, fai ioga... Son moi diferentes así que teñen que separarse, pero Tucob-ótao de menos mentres Tico se arrepinte de telo molestado. Búscanse e pídense perdón, fan un trato: unhas veces farán o que queira Tico e outras o que queira Tuco e remata "Desde entón, ambos os dous saben / que cun pouco de comprensión / sempre se atopa a solución". 

O libro fálanos das diferenzas entre uns e outros, de como ás veces case somos incompatibles pero como debemos aprender a convivir poñéndonos de acordo. As páxinas están cheas de palabras e onomatopeas destacadas, ao longo do relato: Ai, Ho, Ahhhhhhh, crrrrac, chof, catapún!

Na páxina de Jaguar podemos acceder a unha serie de pasatempos ao redor do libro.

Un traballo novo de Silvia García e Mamen Marcén traducida por Vanesa López e publicada por Miau. Da presentación editorial: "Tonttu é un elfo cuxo maior soño é traballar no Departamento de Inventos Élficos de Papá Noel, con todo traballa no Departamento de Correos. Un día decátase de que a zorra de Papá Noel está avariada e ninguén consegue arranxalo. Conseguirá este pequeno elfo arranxar a zorra?"

Contado en primeira persoa: preséntase o elfo, dinos que vive no Polo Norte, na cidade de Papá Noel e todo o que sucede despois que non podemos adiantarpero ben imaxinades porque acabará cunha medalla de campeón, o mellor do mundo! Non hai como perseguir os desexos para logralos, palabra de elfo!

Aquí, neste enlace, os pasatempos

mércores, 10 de decembro de 2025

Varios álbums

O Premio Alberte Quiñoi de Álbum Ilustrado 2025, Un porquiño polo San Martiño de Macarena G. Vicente e Iria Bermúdez está publicado en Galaxia.

Da presentación editorial: "Curro recibe grandes doses de aloumiños, goza de longos paseos coa granxeira e come as mellores landras. Ata que un día escoita algo que remata coa súa tranquilidade." 

Os díxomes díxomes son perigosos, porque semellan anticipar o final de Curro polo San Martiño, cando acostumamos comer ese manxar delicioso en variadas receitas, especialmente no cocido, pero a cousa non vai por aí e Curro case deixa de comer. 


 

O cascabel da gata de Pablo Albo e Guridi, publicado por OQO. Un álbum de 2013 que non vén mal lembrar.  A señora Xulia chama á gata Benita porque nonlle escoita o cascabel. Faino unha e outra vez, mentres ela o busca polo sofá, a escoba, a mesa... ata que o atopa pero cunha dificultade que ha de resolver. Farao, agora o problema pódeno ter os peixiños do acuario.. pero todo se resolve e ben. As repeticións e as ocorrencias van facendo avanzar a historia cunha chicadela final. 

luns, 8 de decembro de 2025

A panadería

 


A panadería de LucíaBelarte e David Lorenzo é un álbum realizado en branco e negro, con grafito. Representsa un mundo de animais nunha sociedade que funciona ao modo humano. Unha cidade, unha rúa, unha panadería, diferentes especies pasean vestidas, teñen os mesmos problemas que as persoas: a familia panadeira son lobos e non lles mercan o pan. Papá, mamá, e os seus dous filliños vanse ter que cambiar de residencia, recollen os bártulos e marchan tristes a outro lugar, a mirada do máis vello dos fillos pola ventanilla fala da tristexa da migración. Instálanse nunha vila, neste caso nunha casa que está nas aforas, no alto, pero pese a toda a ilusión que lle poñen en probar con novas estratexias tampouco teñen éxito, despois de baixar a ofrecer os produtos na praza pola que pasan todos e só os meniños os miran con ganas de probar... xa están pensando en mudarse outra vez cando sucede algo que cambia o futuro. Un ano despois están rodeados de veciños e xa amigos que ademais de ir mercar pan e doces van almorzar.

Toda a historia é contada pola máis vella das críaturas, tal como ve o mundo. Un universo no que hai que cvonseguir que a desconfianza se derrita para crear a fraternidade da que se falaba na revolución francesa, van alá dous séculos!

Así se presenta: “Unha historia de tolerancia e solidariedade cunhas sorprendentes ,ilustració,ns para gozar de ata o máis mínimo detalle.

Cando a familia Lobo traslada a sú,a panaderí,a da cidade á, vila ,coa esperanza de que o negocio mellore, pronto descubrirá, que ,tampouco alí, os lobos son ben recibidos. Pero unha enorme riada, fará, que todos os veciñ,os se unan contra a adversidade e que terminen aceptando e valorando os que acaban de chegar. ,

A panadería, é, un conto protagonizado por animais humanizados, que traslada aos máis pequenos o valor da tolerancia, o esforzo ,e a solidariedade. Un á,lbum escrito antes da recente riada que asolou Valencia no que a auga, como na realidade, leva con ela ,vidas e pertenzas mais tamé,n nos achega ao mellor da condiciónhumana. ,

As ilustracións, en branco e negro, feitas minuciosamente con lapis e grafito, completan á, perfección esta orixinal proposta, ideal para compartir con prelectores e primeiros lectores.

sábado, 6 de decembro de 2025

Poesía

 

Seis leiras e un piano de Claudia Castro está ilustrado por Laura Tova e publicado na colección Merlín de Xerais. 

Da presentación: "Poemas cheos de sentimento, ritmo e luz, para seren lidos en voz alta e tamén para reflexionar sobre o fondo que gardan". "Os poemas deste libro están ateigados de ritmo e de luz. De xogo, de música, de natureza e de aldea. De sentimento e reivindicación do noso. Como apunta o poeta Antonio García Teijeiro no epílogo do libro, «Son poemas para seren lidos en voz alta. Para cantalos e acompañalos con xestos e palmas. Pero tamén para reflexionar sobre o fondo que moitos gardan e comentalos posteriormente en animadas paroladas. É boa poesía. E diso se trata»." 

Poemas con rima e xogo. Cada un deles leva uha palabra en negriña que vai servir de comezo ao poema seguinte. Ao final, co título Análgama aparece un poema que as recolle todas a modo de imaxes ("Análgama de sentimentos / e pensamentos de mar. MAR, Á FIN, O MAR). Coma o título o sentido dos poemas. Ilustracións de nova figuración, cheas de simbolismo, situadas ao redor do feminino. Unha conversa de ela, escritora, a ti, lectora. Poemas que poden facer pensar, descifrar, adiviñar; poemas que permiten xogar e, como di o poeta que escribe o epílogo, recitar, ler en voz alta para poñerlle altavoz. 

venres, 5 de decembro de 2025

Novelas infantís, escritas en galego e traducidas

Benita e Malva e o crime do crítico gastronómico de Érica Esmorís con ilustracións de Ignacio Hernández está publicado en Ala Delta (Edelvives) para maiores de dez anos.

Da presentación editorial: "A Benita e Malva —dúas xemelgas idénticas só na aparencia— acaban de abandonalas os pais. Unha auxiliar de policía encárgase de levalas cun suposto tío, Eustache Chaillot, que rexenta un restaurante en París. Pero Chaillot foi acusado de asasinar un crítico que falou mal das súas célebres croquetas. As irmás, con Guillou (o pinche do restaurante) e Gioconda (a súa rata), vivirán múltiples peripecias para esclarecer o crime e coñecer o paradoiro dos pais." 


Pódese comezar a ler a historia neste enlace. Unha novla que seguramente teña continuidade porque nos deixa agardándoa, porque dous personaxes como esas xemelgas tan diferentes a nivel de personalidade ben o merecen e porque acaban de subri a un tren que debe levalas ao encontro dos seus pais, sempre coa axudante de policía que viaxa cunha enorme maleta un paso por diante.

Xertrudis busca traballo de Ana Meilán, ilustrado por Agustina Mattar, traducido por Xesús B. Tellado e publicado por Entrenubesycuentos para lectorado a partir de 7 ou 8 anos. Outra historia de bruxas, esta arruinada e chea de débedas que debe atopar un traballo o antes posible para poder facerlles fronte. Vive cun cobrador de morosos fronte á súa porta de tal maneira que chegarán a establecer unha relación. Ao longo do relato imos vendo como pasa de neneira a modista, de veterinaria a traballar nun parque de atraccións con Bradislavo xa co seu carné de maquinista e, por fin, poderá deixar de buscar traballo nos xornais e repetir desesperadamente "Necesito este traballo máis ca nunca". 

Así se presenta: "Desde que Gertrudis perdeu o seu emprego, as débedas non fan máis ca crecer. Cada mañá Bladislavo grítalle que acabará na fogueira se non paga o que debe. É hora de buscar traballo! Coidado con reírte ao tararear os conxuros, xa sabes que as bruxas e os nenos nunca se levan ben. Se queres acompañala, súbete á súa escoba e agárrate forte porque chega tarde ao primeiro traballo. Canto cres que lle durará?"