luns, 29 de decembro de 2025

O premio Arume de poesía para a infancia do ano 2024: Latexos

O premio Arume de poesía para a infancia do ano 2024: Latexos de Beatriz Dourado está na rúa. Ilustrado por Irene Sanjuán e publicado por Embora.

Lembramos que o xurado destacou "a sonoridade acorde co ritmo da vida e a poesía; a utilización de recursos variados como as onomatopeas, anáforas ou metáforas, enriquecidas con fórmulas coma os caligramas e as adiviñas, que van construíndo un universo engaiolante para o lectorado máis novo; a unidade temática que xira ao redor do “corazón” coa tenrura envolvendo os versos e establecendo un diálogo co lector e a lectora a través do xogo que se facilita cun ritmo áxil que nace de versos curtos que nos conducen ata o rap."

Un poemario ao redor do corazón, hai unha razón para que sexa así e sábea ben a autora cando se emociona ao lembralo. Dedicado a Bruna "que latexa sempre en min" e "á Unidade de Cardioloxía Infantil, UCIN e UCIP do CHUAC, polos latexos que sumades ás nosas vidas". O produto que entrega Embora é un luxo. Un álbum ilustrado que xoga especialmente con dúas cores: o azul e o ocre, ben especiais as dúas e nunha combinación marabillosa. Un libro xeneroso que non escaquea esforzos por parte da editora, dende a gramaxe do papel ás imaxes que acomapañan cada poema.. Feito con todo o corazón. As ilustracións estás realizadas cunha sensibilidade extrema que, nalgunha das imaxes consegue resultados espectaculares como na que acompaña ao seguinte poema:

"A CUADRILLA DOS CONTOS

Pinocho, corazón de piñeiro; / Sereíña, corazón de sal; / Soladadiño, corazón de chumbo; / Polgariño, corazón de pan.

Porquiño, corazón de manteiga; / Brancaneves, corazón de inverno; / Pincipiño, corazón de estrela; / Alicia, corazón de nubeiro.

Conta que conta que contarei, / do de3reitiñó e do revés, / tyantos corazóns dentro da pel." 

Un magnífico libro para agasallar neste tempo de inverno! 

sábado, 27 de decembro de 2025

BD para mocidade


Adelina de Sandra Lodi obtivo o premio Castelao de Banda deseñada  2024 na modalidade xeral. 

Así se presenta:"Despois de publicar Papóns, gañador do IV Premio Alberte Quiñoi de Álbum Ilustrado e recoñecido cos Premios Follas Novas do Libro Galego 2025 na categoría de Libro Ilustrado, Sandra Lodi volve con Adelina, Premio Castelao de Banda Deseñada 2024.

En Papóns, Lodi ofreceu un canto á identidade propia, ás nosas raíces e á diversidade real dos corpos e das vidas. A través da historia de Inés, unha nena que escapa das convencións e conecta coa súa esencia máis profunda, este álbum constrúe un espazo de representación onde a nosa sociedade pode sentirse reflectida.

Con Adelina, a ilustradora mantén a mesma forza narrativa. Adelina é unha muller maior que escapa da residencia na que está internada (contra a súa vontade) cun propósito tan teimoso coma ela: volver á súa casa. O resultado é unha obra que combina reivindicación, humor e crítica social cun estilo divertido e irreverente. Unha historia que defende a dignidade, a liberdade persoal e o dereito a decidir como queremos vivir, rompendo cos prexuízos e cos discursos idadistas.

Adelina chega agora ás librarías para reafirmar a voz singular dunha creadora libre e potente."

Esta Adelina ten algo que ver cos heroínas de Sálvora? Puidera ser! Por ese principio e final de barco, naufraxio e rescate por parte dunha muller moza que se atreve a todo na súa pequena dorna. Adelina é unha muller brava e non podemos entender como alguén pode crer que o seu sitio está nunha residencia da cidade. Dános pena o coidador novo ao que engana unha e outra vez pero que tamén loita pola liberdade desa muller que sabe o que quere e á que axuda aínda que perda o traballo. Afirmacións como as que ela lle fai "pois se queres axudar, préndelle lume a todo". Porque ela non cala e di sempre o que pensa, fuxe da residencia, enfróntase ao novos que pretenden rirse dela ou timala e volve ás orixes, ao lugar de onde nunca tiña que ter saído.

Dá máis pena o mozo bondadoso nun mundo que non respecta á boa xente.  

xoves, 25 de decembro de 2025

Un novo libro para a colección Pequena Memoria

Un novo libro para a colección Pequena Memoria: Alicia e a mestra de Oza de Paula Carballeira con ilustracións de Iván R. está publicado por Xerais. Un álbum ilustrado coas características de todos os anteriores: gardas con documentos e fotografías que demostran a autenticidade da historia, un texto mecanografado ao final que contextualiza o que se conta, neste caso situándoa no maxistertio, no papel das mestras republicanas seguidoras da Institución Libre de Enseñanza que foron represaliadas despois do Golpe de Estado.

Así se presernta: "Agora as mestras non baten nas alumnas, pero daquela... canto máis duras eran as mestras, máis ríxidas e estritas, mellor sona tiñan. Pero tamén estaban as tolas, as que cantaban, as que tiñan unha maneira diferente de aprenderlles a vida." Esas eran as que desaparecían, tiñan que deixar as escolas ou incluso eran asasinadas. O papel de mestres e bibliotecarias era fundamental na República, eles achegan a cultura ao pobo, alfabetizaban, dábanlle valor á lectura e con el a todo o que significaba pensar e ser crítico, xustamente o máis deostado pola ditadura, por iso había que sacalos do medio. Por iso foron substituídos por xente do Réxime aínda sen formación, para adoctrinar a rapazada.

Alicia, unha na rapaza vainos falando dos diarios (que xa non se escriben), de recoñecer o valor das mulleres,  dos arquivos, das placas que lembran o valor de alguén, as preguntas á veciñanza, a importancia dos nomes ("son poderosos, fan que existas"), das cartas (que tampouco se escriben xa), as mestras e os problemas coa ditadura, os fuxidos, a recuperación da memoria, a xente que ten placa e aquela outra que nunca a vai ter...  

Afirmacións como estas, póñennos a pensar: As mestras que piden palabras e aquelas outras que piden silencio. O silencio non deixa que curen as feridas. 

martes, 23 de decembro de 2025

Pedra a pedra


Pedra a pedra de Giuliano Ferri é un libro silente, de pastas duras, publicado por Kalandraka

Para derrubar muros e construír pontes (di a presentación editorial) e non hai maneira de explicalo mellor.

Un muro e nel unha planta que nace, o ratiño quítaa e sae unha pedra de forma que se ve un anaco de paisaxe. O gato axúdalle quitando outra pedra (agora é máis doado) e aumenta a vista da natureza que hai detrás do muro., vén o porquiño e colabora, ñlogo o coello e a ovella. Xa non hai muro e vese o que hai do outro lado: un mono, un león, un elefante, unha xirafa... Cando se ven ao auga polo medio separándoos, deciden utilizar as pedras para construír unha ponte e poder atoparse, abrazarse, facerse amigos!

Para os tempos que corren non hai mellor ensinanza. Mentres os adultos se portan como maleducados, os pequenos móstrannos o camiño. Haberá alguén que escoite?  

sábado, 20 de decembro de 2025

De cando os animais tamén eran xente


De cando os animais tamén eran xente, un magnífico título de Manuel Lourenzo González. Volve este autor que ten ofrecido tan bos libros á nosa literatura, volve contando tal como se facía noutros tempos. Comeza o libro con tan bo pé que nos engaiola, situándonos outros tempos que semellan medievais pero poden ser atemporais porque unha muller sabia pode converter os homes en animais e pode resolver un problema social de moito calado con esta meiga no seu laboratorio, botando un cabo ás persoas que non queren ser sometidas por unha ditadura afagadora. 

Ilustracións de Iago Torres Paris e publicado por Boadicea nun formato pequeno dentro da colección A carrilana dos soños. Felicitamosao autor e tamén á editorial por un texto que non semella actual pero que moito nos pode dicir porque non sempre os burros se mostran coa súa verdadeira faciana, porque o mal hai que enfrontalo da maneira de sexa, poque a bondade debería ter premio sempre e porque nos encanta recuperar as historias dun nobre cun filla y un servidor leal con tres fillos, nobre e vasalo con dignidade fronte a un mundo que a esqueceu, mulleres boas fronte a malignas (como houbo sempre) e mundos que é posible cambiar.

Esta é a boa fantasía! Igual non é necesario seguir facendo experimentos con gasosa e buscar esas bocas da literatura das fala Rivas, porque non só se trata desaber escribir (que, a estas alturas, hai moito quen o faga) senón de que o contido acompañe ao continente. 

xoves, 18 de decembro de 2025

Máis álbums


Avelina es divina de Gracia Iglesias e Sara Sánchez está traducido por Vanessa López e publicado por Miau de Jaguar.

Así se presenta: "A hipopótama Avelina está na casa morta de aburrimento, pero apareceranlle unha morea de opcións para ter cousas que facer. Saír da casa e dar un paseo? Dar unha volta en coche con Timoteo? Quedar coas amigas? Ler un libro ou quedar na casa calcetando? Neste libro-xogo terás que elixir que camiño tomará Avelina para ver que acabará facendo ao final." Unha historia rimada en pareados que ten pouco sentido, está aburrida e fai mil cousas pero non se ve o nó nin a historia...


Algo pasa na casa do lobo de Susana Isern e Ayesha L. Rubioestá traducido por Marisa Núñez e publicado por OQO. Da presentación editorial: "Amencía no bosque. Papá Marmote ergueuse e foi espertar á pequena Moti; pero na cama da súa filla só asomaban as orellas longas de Teo, o coelliño..." cando vai mirar á casa do coello na súa cama está a tartaruga, van á casa da tartaruga e na súa cama está o esquí pero aparece a nai do esquí con Moti (alí a atopou). Os peques non contan que pasou, ou non o saben ou non queren facelo. Noite a noite os pais van observando ata descubrir que os pequenos espertan e marchan detrás da chamada dos grilos e van á casa do lobo, alí el cóntalles contos e despois devólveos ás súas casas. Unha marabillosa historia acerca do poder das palabras, da bondade dos seres, dos contos contados doutra maneira e da amizade que nace grazas á rapazada, porque aos maiores tamén lles gusta escoitar as historias do lobo, así que alí se van xuntar todos noite a noite, convivindo. 

Por que será que as editoriais con historia nos ofrecen produtos de máis calidade? Así sucede con este álbum con algo que contar e ben contado tanto nas imaxes como nos textos. 

mércores, 17 de decembro de 2025

A historia de Brava Panadeira

 

A historia de Brava Panadeira de Alicia Borrás con ilustracións de Blanca Vila está publicado na colección Sopa de Libros de Xerais

Da presentación editorial:”Brava, unha simpática cadela do refuxio, só ten dous defectos coñecidos: roubar todo o pan que ulisca preto dela e saír lixeira tras as furgonetas que o reparten. Aínda así, Lira e os seus fillos, Alba e Xullo, queren adoptala. Por iso, cando o rapaz máis listo do mundo co nome do mes en que naceu abre os brazos para acollela, Brava lámbelle o nariz coma se fose un xeado mentres o seu rabo peludo abanea dun lado para outro. E aquí comeza esta historia.”

Unha estirpe de Liras: as mulleres da fmilia levan ese nome, tamén Alba (quen nos conta a historia) aínda que a ela só lle chama tamén por ese nome seu irmán. El ten outro nome (que s´ño se lle escoita algunha vez ao pai) pero todo o mundo o recoñece por Xullo (polo mes no que naceu, agás seu pai), ten TEA e escolle como mellor (e único amigo a cadela). Unha nai tradutora que traballa na casa e un pai investigador nunha uni versidade no estranxeiro que leva un tempiño fóra. O que se conta é a historia desta cadela e o rebumbio que monta na casa na que apenas está uns días, como cambia a vida da familia dende o momento no que deciden porfillala. O accidente da nai provocado pola cadela fai que veña o pai e a situación cambie. O que non varía é a consideración que do irmán ten a narradora: “o rapaz máis listo do mundo” que coñece o nome de todos os volváns do planeta e que a converte nunha especie de “coidadora” máis pendente del que de si mesma. Esta situación, así como a da voz narradora, lembra Teño un volván dentro, o libro co que María Canosa gañou o premio Carlos Mosteiro e que foi publicado por Galaxia.

A novela que comeza co capítulo no que a familia visita a perreira, remata con aquel  no que coñecen a familia orixinal da cadela e poden entender parte do seu comportamento. Un epílogo tranquilízanos en relación ao que vai pasar e serve para que a nena nos fale directamente ás persoas lectoras.

Nalgún momento as elipses dificultan algo a lectura obrigándonos a repasar o texto por se perdemos algo. Pequenos fragmentos que corre4sponden a un narrador externo aparecen en cursiva. 

A aparición de nenos con Asperger fannos ver que a súa presenza é cada vez maior no seo familiar e escolar, normalizar a súa situación semella ser tamén un obxectivo das escritoras que como irmás maiores nolos presentan para que lles axudemos a ter man.

As ilustracións de Blanca Vila acompañan o texto, algunha delas coma o plano de detalle no que as mans de ambos irmáns se agarran para camiñar xuntos e algúns máis curto teñen unha calidade á que xa nos aocstumou no libro de Abel Tomé.