Así como foi o primeiro ganador do Concurso Nacional de Contos Infantís O Facho, cando en 1973 se covoca o Concurso Nacional de Teatro
Infantil O Facho resulta premiada a súa obra As laranxas máis laranxas de todas as laraxas.
Un divertimento, un
nonsense marabilloso que leron e co que xogaron nenos e nenas dun tempo no que
as obras de teatro dirixidas a eles eran moi escasas. Unha historia ambientada na aldea cos veciños
como personaxes que conservan ese nome ao que se une unha característica que individualiza: “Veciño da escopeta", "Veciño gordo"
ou Toneladita, "Veciña desdentada", "Veciña sabida", "Vecño torto"). Ao seu lado, os dous
protagonistas: Elías (pouco espabilado, bastante vago e despistado) e Anxa (traballadora
e decidida) acompañados polo Ovo, a galiña Petra e o can Paulino.
O sobrenatural
vai entrando en escena a través das inmensas laranxas que nacen no limoeiro e das
que saen moreas de cousas. O humor nos diálogos absurdos. A imaxinación facendo
voar os zapatos e as escopetas ou dándolle voz a galiñas, laranxas e ovos. A
confusión coa que cada un nomea as laranxas: limoeiros, bolas, toromelos,
lambetadas, cereixas, cirolas,... O poder dos contos para cascar un ovo,
para abrir as fontes ou para falar coas galiñas chocas.
No escenario dunha
aldea, cuns personaxes do rural, constrúe unha historia fantástica chea de
humor que ilustra Seoane (nos decorados e figurinos) dándolle carta de
identidade e valor.
Esta obra de teatro, que se publica na editorial Galaxia en
1973, foi levada á escena no ano 2004 polo Centro Dramático Galego, sendo a
primeira peza infantil que representa o ente público. Un enredo surreal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario