mércores, 10 de maio de 2017

Carlos Casares. Os seus libros de LIX, no seu ano (III)




Carlos Casares é un pioneiro no mundo da literatura infantil e xuvenil. Demóstrao con ese primeiro premio certame de Contos O Facho e no primeiro premio no certame de Teatro. Continuará facéndoo cando enceta o xénero das series literarias. Algo que agora nos semella tan natural, despois de todo o que fixeron Os Bolechas acompañando os nenos galegos de varias xeracións. 
Casares creou un personaxe, Toribio, que mantivo ao longo de varias entregas: Este é Toribio, Toribio contra o profesor Smith, Toribio e o contador de contos, Toribio ten unha idea e  Toribio revoluciona o tráfico. Ilústraos Penélope Ares e preséntase Toribio coma un neno de oito anos que fai inventos, leva un Lapis das Cousas Imposibles no peto do pantalón e no seu cuarto atopamos a Ra dos Recados (que percorre a Terra), a Pantalla Universal Chismorrosa (para observar o que pasa no universo mundo), o Telebrazo Global Laserizado (para chegar a todas partes), o Lingú (Lingua Autónoma Universal Dixitalizada coa que pode falar en calquera lingua)... É fillo dun publicista e unha profesora de música, amigo de Sara (que tamén inventa, pois dela é o Contador  de Contos de Efecto Retardado) e mantén contacto co profesor Papafigovich de Moscú, co profesor Pardau de Lisboa e non lle queda máis remedio que estar atento ás tolerías do profesor Smith de Nova York. 
Unha serie para primeiros lectores, pois pertence á colección Árbore con esa especificidade.


Ningún comentario:

Publicar un comentario