Tam de Anémona del Río é o primeiro manga en galego. Está publicado por Retranca Editora. Di a presentación editorial: "Un día Tam recibe un convite por email para unha cea de antigos alumnos. Hevin, o seu amor platónico tamén irá, pero as súas inseguridades e a presión dos canons de beleza impostos pola moda farán" e continúo: que dubide de se ir ou non, que tente probar mil e un conxuntos, que decida facer dieta... para rematar indo e retomando unha vella amizade de xeito natural. A min, persoalmente, o que máis me ten preocupada son as reaccións da súa amiga e acompañante nesta preparación, porque non está moi clara a súa axuda, e se non podes confiár nas amigas, que vas facer? Unha situación bastante común e ben reflectida, coa estética propia do manga. É un luxo contar con xente como Kiko da Silva que o mesmo dirixe unha escola que edita libros do alumnado ou revistas e realiza actos necesarios para o país e a cidade.
Animalia de Xosé Tomás, publicado por Edicións Xerais de Galicia.
Planas de humor para os pequenos arredor dos animais.
"Unha historia de historias, que comezan e rematan en cada páxina. E pouco a pouco imos coñecendo todo un mundo de personaxes terriblemente salvaxes e terriblemente humanos. Porque, non nos enganemos, os animais non son moi diferentes das persoas. Acaso non nos recoñecemos na memoria dos elefantes? ou na crueldade das hienas? ou na astucia dos felinos?" así comeza.
O humor de Xosé Tomás mostrándonos, a través dos animais, unha serie de aspectos sobre os que reflexionar, porque é necesario distanciarse para que non sexa tan terrible a realidade, porque hai que sorrir e rir con toda a boca sen esquecer que aí, detrás, estamos nós deixándonos manipular, vencidos pola soberbia e a vaidade, castigando ao diferente,...
Unha banda deseñada moi necesaria para a infancia. O primeiro dunha serie pola que agardamos con ganas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario