martes, 13 de novembro de 2018

Premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola Igualdade, da editorial Baía

Hoxe fállase o segundo premio , así que mañá anunciaremos cal é o libro ganador, mentres tanto vaiammos lembrando o que pasou na primeira convocatoria.

Hai uns días entregouse o premio a Antía Yáñez por "A reconquista" e Sabela Losada, por "Vermella!"
O Xurado considerara as dúas obras merecedoras do premio en igualdade de condicións, manifestando que atenden a ámbitos moi distintos e complementarios e defendendo o especial interese de cada unha delas por distintos motivos.
A reconquista, destaca polo acaído tratamento da ocupación do espazo central, o liderado feminino e a solidariedade. Ademais, pola combinación de dúas voces narrativas diferentes, que aluden ao humano e animal, e ao ámbito da ficción e do libro divulgativo, o que fai da obra unha proposta literaria moi atractiva e interesante para as nenas e para os nenos, ao resaltar tamén por ser un exemplo de resolución positiva dos conflitos que xorden no propio contorno.
Vermella! destaca por ser quen de sacar á luz un tema tabú e pouco tratado na literatura infantil, como é o da menstruación desde unha perspectiva de indagación case que policial e de divertimento por parte da rapazada protagonista. Igualmente, a historia consegue manter a súa intriga, mesmo coa axuda de trazos do humor natural característico do mundo infantil, na procura da descuberta, que lle dá sentido á trama e que ten que ver coa propia e progresiva descuberta do corpo da nena».

Ningún comentario:

Publicar un comentario