Os esqueletos divertidos de Janet & Allan Ahlberg, publicado por Kalandraka. Tres esqueletos: o dun pai, un neno e un can dispostos a divertirse metendo medo pero como non conseguen facelo cos demais rematan asustándose entre eles.
"(...) E así é como acaba este conto.
Nun escuro, escurísimo outeiro,
había unha escura, escurísima vila.
Nesa escura, escurísima vila,
había unha escura escurísima rúa.
Nesa escura, escurísima rúa,
había unha escura, escurísima casa.
Nese escura, escurísima casa,
había unha escura, escurísima escaleira.
Nesa escura, escurísima escaleira,
había un escuro escurísimo soto.
E no escuro, escurísimo soto,
vivían tres esqueletos."
Dan ganas de pedirlle á rapazada que continúe utilizando esa fórmula para crear un novo conto.
Outra historia de medo, é a de Mortiña (que ten como subtítulo Unha historia para esmendrellarse de risa) de Barbara Cantini, publicada por Hércules edicións. Mortiña viven en Vila Decadente coa tía Defuntiña, co galgo albino Tristeiro e os retratos da avoa Nefasta, o tío avó Funesto, a tía Aceda ou o avó Féretro. Unha galería moi ben acuñada e disposta nesa casa da que semella que non vai poder saír, porque ninguén debe descubrir que alí viven alguén. O que máis desexa Mortiña é ter amigos así que ten unha grandiosa idea, o día de Halloween poderase disfrazar e saír cos nenos veciños que van de bruxa, vampiro, momia, home lobo e pantasma; o peor é que no medio do entusiasmo descóbrese... menos mal que Xanciño, o pequeno do grupo decide que o máis espectacular espectacularísima cousa do universo é ter unha amiga zombi, a partir de agora todo cambiará, pero será un segredo que tamén os lectores e lectoras deberán gardar. Un magnífico libro cheo de chiscadelas e información nas ilustracións, un libro diferente como diferente é a súa protagonista, pero tamén unha nena á fin.
Ningún comentario:
Publicar un comentario