"Cando escribimos un poema de catorce versos, rimados con xeito e agrupados en dúas estrofas de catro versos e outras dúas de tres, facemos un soneto" di, Cortizas no prólogo prosaico.
Zoonetos son sonetos que falan de animais, pero sobre todo, son exercicios que demostran a pericia do seu autor.
Un escritor cun dominio impresionante do idioma e da versificación, capaz de xogar coas palabras e as rimas ata onde non teríamos pensado nunca. Pode facer un zooneto ao can, a latidos, ou sexa con monosílabos, e soa así:
Ben sei que o can non ten o don de ler
mais dá moi ben no quid coa voz que di
que non é por non ver, vai ser que si,
pois é que o can non le xa que non quer.
Ou o que escribe ao rato, trisilábico:
O rato,
pequeno
burato
cacheno.
Ou o xogo cos son e a súa repetición, cando se trata do peto:
Petando un peto pica nun piñeiro (...)
Ou do caracol:
-Bótalle os coros ao sol, caracol (...)
Ou do corvo, nun soneto monovocálico:
O corvo tocón son, tócocho todo,
todo corpo chorón, como o roncón,
sobo os novos bongós, coco o trombón,
todos os tons dos sons son con bon modo.
Se comezara o libro definindo a poesía (de moi boas maneiras), remata cun índice onomástico dos animais citados agrupados por especies e cos seus nomes científicos ao paso. Polo medio estes poemas que só Cortizas podería ter escrito e unhas marabillosas ilustracións de Sonja Wimmer.
Un libro de referencia a nivel de texto e imaxes. Un bo agasallo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario