domingo, 15 de setembro de 2024

XVII Premio Castelao de Banda Deseñada Modalidade Infantil e Xuvenil

Contando estrelas de Quico acadou o XVII Premio Castelao de Banda Deseñada na Modalidade Infantil e Xuvenil. 

O xurado menciona “a súa delicadeza e coidada ilustración”, así como o interese por “tratar temas cos que todas podemos sentirnos identificadas, a través das metáforas coas estrelas e por traballar con elementos do imaxinario colectivo”. A obra está composta por relatos curtos, todos eles protagonizados por estrelas, que van tratando temáticas contemporáneas e comúns da sociedade actual como a soidade e a perda.

Francisco Pérez Villanueva (Noia, 1975). Asina os seus traballos coma Quico e estudou o curso de Gravado e Técnicas de Estampación na Escola de Artes e Oficios Ramón Falcón de Lugo. Ten traballado para distintas editoriais con traballos de ilustración e portadas.

Delicadeza é a palabra que me nace vendo Contando estrelas.  Esmero no deseño, na presentación, na dedicatoria: "A ti (e, aínda así, seguro que me olvido de alguén)." Tenrura en cada figura, en cada historia, en cada inocencia e inxenuidade do protagonista. Coidado no minimalismo co que asume cada relato, na síntese perfecta, na dúbida tan galega que deixa no aire (eu non sei). Lírica nese unión das estrelas do ceo e da terra, na personalización da noite, nese empeño por amañar con agulla e fío as perdas do universo. Consideración, reflexión... porque non é o mesmo a estrela no ceo que domesticada, porque cando subes buscar a estrela perdes o da terra e estás só.

Narrativa con protagoista xitana

Como escorrentar un lobo de Antonio M. Fraga está publicado en Cuarto de inverno con ilustracións de María Brenn.

Preséntase así: "Ano 1944. Nunha Polonia ocupada polos nazis, Noncia rescata dúas crianzas xudeas do seu tráxico destino e agóchaas na súa casa. Para as axudar a combater o medo, relátalles unha incrible aventura que viviu na súa infancia, cando percorría os camiños acompañando o tabor xitano ao que pertencía. A historia trasládaos ao corazón do misterioso bosque de Białowieża, onde a familia de Noncia, tras extraviarse no medio dunha treboada, chega á vila secreta de Polana Wilków, o fogar dos Neuri. Alí coñecerá as distintas criaturas fantásticas que se agochan no bosque e aprenderá a mirar o medo cara a cara. 

Como escorrentar un lobo é unha aventura chea de misterios co arrecendo das lendas contadas baixo a luz dunha candea."

No medio do horror hai que facerlle fronte ao medo, pode ser aos nazis ou aos lobos, sempre está aí. E como di Nuncia: o medo pode axudarnos a sobrevivir, pero non podemos deixarlle que nos trabe, haino que irar aos ollos coma se fose un lobo que quixeses escorrentar, porque lle podes ter medo a algo que está no medio da xente ou ao que está no máis profundo do bosque. Diso vai a historia, de fuxir do medo aos fascistas contando unha historia que nos sitúa ante o misterio, os pobos descoñecidos, as nenaspaxaro, os lobishomes que poden comernos, os meigos que poden transformarnos en árbores e o poder da amizade, a solidariedade entre as vellas e as nenas, o amor polo outro e a necesidade de atopar a alguén que nos axude a levar a soidade. Dúas nenas que se axudan, uns pais aos que perden os seus intereses, o perigo de quedar sós no medio do bosque, unha vella disposta a sacrificarse para axudar. Seres que teñen parte vexetal ou animal. Unha historia na que o mundo xitano sae ao encontro.    

sábado, 14 de setembro de 2024

Banda deseñada. Premios da Deputación da Coruña

O bico da Serea de Uxía Larrosa e Siqi Luis Yang é a obra ganadora do XVII Premio Castelao de Banda Deseñada na modalidade Xeral.

Preséntase así: "A obra narra a historia da relación entre unha rapaza preadolescente e unha serea no que se van entrelazando a vida cotiá coa súa rutina diaria con aspectos fantásticos e mitolóxicos." O xurado destacou a poética e a gráfica da proposta, cun guión que toca diversas e interesantes temáticas cunha gran carga literaria deleitando os ollos e estimulando a imaxinación.

Pais separados, avoa na casa, serea que se vai facendo presente na auga e os cristais, historias ao redor da temática da auga (a balea varada que dá lugar a un acuapark, a das dúas mulleres que leva o mar en Galicia e Irlanda e aparecen na costa contraria, a da serpe e o polbo, a illa dos plásticos, a razón pola que as buguinas saben cantar coa voz do vento...). Unha das historias acaba facéndose real no personaxe da avoa, outra contaraa a nena protagonista: a das sereas e Ulises

Un mito africano conta que o mundo comezou pola auga e a partir de aí foi evolucionando. Tal vez por iso temos esa querenza polo mar e as correntes de auga.

Cos cadrados iguais (seis por páxina), sen a utilización de cores... cos mínimos recursos e unha boa historia!

xoves, 12 de setembro de 2024

Banda deseñada: A adaptación dun relato de Stefan Zweig

A adaptación do relato de Stefan Zweig, Os ollos do irmán eterno, é de Borja Dierez e está publicada por Galaxia na colección Novela gráfica.

Así se presenta:"Esta é a primeira novela gráfica de Borja Dierez, unha adaptación da novela homónima Die augen des ewigen Bruders. Eine Legende, de Stefan Zweig (Austria, 1881-1942, Brasil). Os ollos do irmán eterno é unha alfaia rescatada das cinzas dun século, escrita en forma de lenda, narra a vida do seu protagonista, Virata. Deixando unha poderosa mensaxe entre liñas: “As decisións acertadas nacen de sintonizarnos co noso corazón. Escoitar o seu silencio como un mandato fronte ás mil voces do mundo, denota a presenza dunha intelixencia que  nos conducirá inevitablemente, de ser mantida coa forza da vontade, á sabedoría. A unha paz cimentada no valor da coherencia entre pensamentos e actos”.

Cores fortes, ambiente oriental, debuxo dixital... moi diferente a maneira de mostrarse nas cubertas a facelo no interior. As gardas representan un ollo e axudan a dar esa impresión de obra pop.

Antes de Buda, un rei (Rajouta), un nobre guerreiro (Virata) que o salva da maior das traizóns, pero este home que é o máis xusto descobre que na loita contra os inimigos do rei matou ao seu propio irmán, a partir de aí buscará a xustiza máis absoluta pasando por diferentes probas e atopando en todas elas grandes dúbidas e dificultades a pesares de facelo da mellor maneira posible: administrando xustiza, converténdose en ermitán... pero sen atopar nunca a paz pois faga o que faga sempre hai alguén que sente que lle fixo mal. Remata pedíndolle ao rei que o deixe ser o gardián dos cans de palacio e así morre sen que a súa historia permaneza nas crónicas.

martes, 10 de setembro de 2024

Unha nova serie de cómics comeza...

A Brigada Iridescente de Elena Andrés presenta a súa primeira entrega "O labirinto dos inchables" na editorial Galaxia dentro da colección Banda Deseñada. 

Certamente estamos de sorte. Unha das eivas que tiñamos dentro do sistema editorial galego, no que respecta ao lectorado infantil en relación á banda deseñada, estase a cubrir por parte de varias editoriais. Faino Xerais cos máis pequenos e faino Galaxia. Certamente non todos os produtos son de calidade, pero non nos queda outra máis que darlle a benvida a todos eles para que sexan as persoas mediadoras e a rapazada quen escolla.

Neste caso, temos un cómic clariño no que as elipses son as que corresponden de maneira que non nos perdemos e podemos seguir a historia sen perder detalle. Por outra banda o debuxo é claro, os personaxes están moi ben definidos (aínda que o deseño dalgún deles poda lembrar outros anteriores), as familias da rapazada son case recoñecibles e con valores de igualdade e diversidade e a historia ten a súa dose de orixinalidade, misterio e medo. Non nos imos aburrir con esta brigada!  

Preséntase así: "A Brigada Iridescente é un grupo de amigos que cada día procura unha nova aventura. Nas festas de verán da súa vila, e tras visitar moitos postos e atraccións, acaban nos inchables. Un momento, onde está a saída? E quen é ese home tan raro?  Serán capaces de saír ilesos do labirinto dos inchables os nosos cinco amigos? Todo isto e máis nesta aloucada historia!"

domingo, 8 de setembro de 2024

Álbums e pequeno libros informativos

 

A ovella 19  de Blanca Lacasa e Jorge Martín, traducida por Iria Carballo e publicada por NubeOcho.

Da presentación editorial: "Todas as noites a señora Ofelia conta ovellas para durmir. Ovella 1, 2, 3, 4… e así ata a ovella 18, na que queda completamente durmida. A ovella 19 fica sempre coa gana. Pero decide non cruzarse de brazos e pon en marcha numerosos plans. Que poden facer ela e as súas compañeiras, a ovella 20, a 21, a 75… para conseguir saltar o valo e axudar elas tamén a señora Ofelia a durmir?" 

Saltar de dúas en dúas, saltar comezando a conta polo final, saltar todas á unha... conseguirano? Todas por igual, a participación de todo o rebaño, a colaboración e a creatividade para ver novas solucións. Será que só os marxinados ven o problema e tentan buscarlle solución?  

O ladrón de follas. Os números e O ladrón de follas. As cores de Ediciones Jaguar son pequenos libros infromativos con fiestras detrás das que aparece parte da información, unhas veces para confirmar o que xa se dixo e outras para ampliala. Da autoría de Alice Hemming e Nicola Slater. Preséntanse así: "«Aprende a contar con Esquío e Paxaro.» Cantas abellas hai no panal? Que é o que está a facer ese son que se oe de lonxe? Esquío e Paxaro volven cos seus divertidos e característicos diálogos para ensinar aos máis pequenos da casa para contar." e "«Aprende as cores con Esquío e Paxaro.» De que cor é o chapeu novo de Paxaro? E as follas no outono? Esta parella de amigos regresa para ensinar aos máis peques as cores"

sábado, 7 de setembro de 2024

Unha novela xuvenil con moitos ingredientes

Poder non é querer de Noela Rivas Cantelar publicada en Costa Oeste de Galaxia.

Da presentación editorial: "Mariña esperta aos seus 17 anos nun hospital e non lembra nada do que pasou na tola festa do Samaín da noite anterior. A través das interesadas confesións dos amigos do instituto e dos familiares que a visitan, vai apañando os anacos do que aconteceu e da espiral autodestrutiva en que estivo inmersa nos últimos meses: un remuíño de desexos reprimidos, adiccións, descubertas sexuais, veladas ameazas, segredos inconfesables… e unha misteriosa caixa de zapatillas de ballet que forma parte da súa historia familiar. Mariña decatarase de que o sacrificio que por ela fixeron durante anos os seus seres máis queridos non merece esmorecer a causa do odio que se profesa a si mesma.

Noela Rivas debuta nas nosas letras retratando con brío e fidelidade a mocidade galega actual sen ambaxes, tal e como son, pensan, desexan e actúan."

Unha novela xuvenil con moitos ingredientes: drogas, sexo, anorexia, inseguridade, problemas familiares... e moita xuventude por parte da autora. Cal é a diferenza entre as obras escritas por persoas mozas e as escritas por adultos? Seguramente non está na linguaxe, a estas alturas hai moita xente que escribe ben sendo estudante... Seguramente podemos pensar que están máis próximas ás xeracións que van ler esta literatura e polo tanto os temas tratados son os que corresponden, seguramente. Pero o tratamento dos mesmos igual precisa un pouco máis de madurez, pode ser... Un día deberiamos pensar en todo isto, deberiamos comparar estas novelas coas escritas polos docentes comprometidos (como Agustín Fernández Paz ou Mª Victoria Moreno) ou polos escritores do século XXI que coñecen a demanda e saben entrar neses límites para vender e ser premiados. Un día teremos que reflexionar sobre todo isto.

xoves, 5 de setembro de 2024

Teatro e cans

Animais de compañía de Fernando Castro Paredes é unha obra de teatro publicada por edicións Fervenza na colección A Pinguela. Fernando Castro Paredes pon no centro da historia a relacións cos cans e a violencia de xénero, Unha nena á que o pai non trata ben, nin a ela nin aos cans que ten para a caza. Esa nena medra (orfa, pode dicirse) e cando casa, o home tampouco respecta o can que ela leva ao matrimonio nin a ela. Dezaoito escenas nas que a presenza dela e dalgún can é central, lévannos por un camiño que percorre a perda e o acollemento. Así remata, cando a muller recolle a cadela vella da canceira e a leva á casa; antes aprendera a buscar un traballo "porque só pode tomar decisións quen paga as facturas". 

Os nenos son personaxes dos que se fala pero que non aparecen na obra, seres nos que hai que pensar aínda que non estean presentes. A diferenza entre os personaxes masculinos e femininos case fire. Os cans sempre ocupando un lugar: o cachorro facéndose querer, o macho impoñendo presenza, a cadela vella xa desesperanzada mirando todo con distancia e relatividade (vén de volta), o can da casa que acompaña sempre... quen maltrata un can pode maltratar persoas, quen non ten empatía polos animais tampouco a terá polos semellantes... Cítase unha intervención do home que mete medo:"Sabes en que se parecen unha muller e un can? En que os dous son animais de compañía." 

mércores, 4 de setembro de 2024

Sobre sexualidades e autoaxuda

Sexualidades de Isa Duque e Lyona é unha guía inclusiva sobre sexo, placer, diversidade e consentimento publicada por Savanna books.

Da presentación editorial: "Libro sobre educación sexual para adolescentes sobre sexo, placer, diversidade e consentimento. Sexualidades é o primeiro libro para adolescentes de 13 a 16 anos da editorial Savanna Books, editado en galego, castelán e catalán e forma parte dunha colección con enfoque eco-social que irá medrando nos próximos anos. (...) Ou lles contamos toda a verdade, ou o porno contaralles toda a mentira. Nunca antes, en toda a historia da humanidade, tivemos ao noso alcance maior cantidade de información, incluíndo todo tipo de contidos sobre sexo. E nunca antes foi tan complicado quedarnos coa información adecuada. Quen filtra?, como sabemos cal é a adecuada? Como distinguir a verdade e a mentira nun mundo dominado por algoritmos? Nun momento no que falar de sexo “vende” e hai moita xente creando contido sen unha mirada crítica ou formación específica. Escrito por Isa Duque @lapsicowoman e ilustrado por Lyona @lyona_ivanova. Isa Duque é sexóloga e psicóloga especializada sobre todo na Xeración Z, cunha longa traxectoria de formación, talleres e charlas en institutos. Lyona Ivanova leva anos publicando sobre sexualidade cunha mirada que desterra os mitos da cultura dominante. Autora do libro SEX’OH!. Así que, acabáronse os #SexFake ou os bulos sobre sexualidade , os prexuízos, a teoría aburrida, as vergoñas ou a información que queda a medias. Falemos con naturalidade sobre os xenitais, o consentimento, a masturbación, a aceptación do corpo, a diversidade, a virxindade, o pracer, as prácticas sexuais con nomes raros, os cheiros, os fluídos, as medidas, os pelos, os desexos… Todos os temas que xurdiron nos obradoiros de Isa con mozos reais e con familias reais. Ilustrados con ese estilo único, natural, cheo de detalles e de personalidade." 

Moi interesante o que se conta e o enfoque co que se fai pero o valor aumenta moito se temos en conta a cantidade de enlaces á web onde podes acceder a outro tipo de información que complemente a que aquí se achega, que pode servir de ampliación, que aporte referencias de moita calidade nas que tomar unha consulta ou rachar dúbidas. Unha guía que é resultado de oitos anos de traballos e experiencias, que parte da autenticidade para tratar cada unha das preguntas que a adolescencia fai, que tamén ten ese valor engadido do cultural ao poñer en contacto con libros, películas, música que forma parte do acervo desa xeración e da cultura. 

domingo, 1 de setembro de 2024

Bea Gregores. Banda deseñada para peques

Avelaíña e o camiño á illa de Bea Gregores é unha banda deseñada especial. Lírico nas cores e o deseño, cun aire modernista para falar dos animais que forman parte dese mundo no que os gorros son flores ou os pendentes obras de arte, onde a natureza se debuxa fermosa e curva, vexetal e en proceso de creación, os camiños son simbólicos e os encontros son aprendizaxes. 

O diálogo entre dous xogadores de xadrez dá comezo á historia dunha avelaíña que nace dunha planta, quere seguir ás outras avelaíñas que marcharon detrás dunha luz. Os xogadores discuten pero non queren separarse porque sempre estiveron alí... da mesma maneira irá atopando máis personaxes que non se apuntan ao seu camiño por seguir facendo o que fixeron sempre: mulleres xigantes con flores na saia que a levan sobre o seu ombreiro mentres destapa as plantas para que se enraícen (cando medran demasiado protexidas adoitan ter as raíces moi febles e pouco profundas porque coidar algo non significa evitar todas as desgrazas senón axudar cando algo malo ocorre). Semella que todo o mundo atopou o seu lugar mentres ela busca o seu: a illa; hai xente que só camiña, canta e baila divertíndose, sen destino, hai xente que atopou o que buscaba e isto se lle converte nun problema e ha de buscar un novo para seguir...

Dous bechos que se pelexaban, unha muller invernadoiro, un desfile cunha serpe, un home que cazou unha estrela e agora alguén que se ri de que xa non hai camiño, ela axúdalle a construír unha barca pero non a acompaña porque se perdeu tantas veces que pensa que o sitio ao que quere ir xa cambiou, pero antes de irse dille que non esqueza que ten ás para voar; e si, farao, nese intre déixanos coas ás estendidas... 

Unha historia chea de simboloxía e un cailo de aprendizaxe!

Tebeosfera define a banda deseñada como de aventuras, bruxería, fabulístico e fantasía.