venres, 14 de novembro de 2025

Lela, a superavoa

Unha nova banda deseñada autoconclusa de Xosé Tomás: Lela, a superavoa, publicada por Xerais na colección Merlín cómics. 

Unha nena, un neno, seu pai (o xenro viúvo) e unha avoa que vai demostrando viñeta a viñeta que é unha superheroína da vida real, facendo o que fan moitas avoas na realidade, sendo como elas son, capaces de todo. Humor, retranca, crítica, loita contra o idadismo... Unha muller chea de enerxía e disposta a enfrontar todo tipo de problemas e reveses, porque conformarse non é a opción cando se ten a experiencia, o sentido común e o poder pero tamén todo aquilo que caracteriza a infancia (por iso cre que se erstá infantilizando). Porque Lela, se puidera volver nacer o que quixera é ter o control e... outro galo nos cantaría (ou galiña).

Cando o humor é a bandeira, o ilustrador busca os seus personaxes preferidos, os animais (Animalia), as situacións escolares (Manual de Escola) ou as avoas (Lela a superavoa).

Da presentación editorial: “Lela non é unha avoa calquera. Cos superpoderes da retranca, da astucia e da experiencia, pode resolver calquera obstáculo ou situación da vida. A súa familia sabe que non hai medo que a deteña, aínda que ás veces acabe metida nalgunha enleada das súas! Un divertido cómic con breves historias autoconclusivas que, a través do humor, lles rende unha homenaxea ás avoas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario