mércores, 19 de novembro de 2025

Álbums ilustrados

A colleita de ratiño de Leticia R. Gancedo & Mar Ferrero está publicado por OQO na colección O

Da presentación editorial:"Achegábase o final do verán, a terra estaba seca e os froitos escaseaban. Entón Rato atopou un garavanzo e pensou que podería preparar un bo guiso, pero un tropezón inesperado e, máis tarde, unha divertida cadea de sucesos entre os habitantes do campo, fixeron desaparecer “o seu pequeno tesouro”."... Tempo despois chegou a primavera e todo espertou, o ratiño púxose a buscar o garavanzo e oh sorpresa! o que atopou foi a planta con moitos garavanzos, con eles puideron facer o guiso para toda a cadea de animais que andaban polo medio; así que ao final todo saiu ben, moito mellor do que se agardaba. Unha historia ben levada!

Maruchi e o gancho de Laura Cid Rascado conta co premio Alberte Quiñoi de álbum ilustrado 2023 e está publicado por Galaxia. O xurado destacou que "é unha historia que se entretece perfectamente a través de texto e imaxe, tecida con ritmo, claridade e ollada poética. Presenta un nó que a protagonista ten que desenredar o cal se vai enfiando de xeito equilibrado, tenro, humorístico, perspicaz. Trátase, ademais, dun álbum ilustrado perfectamente apto para todos os públicos." É inverno, a galiña abúrrese porque non pode saír da casa polo frío, como ve que todas as demais teñen frío decide facerlle algunha roupa de abrigo aproveitando que ten unha madeixa de la, pero todo lle sae mal... ata que aparece o can coas gafas e... as cousas cambian.

Ningún comentario:

Publicar un comentario