domingo, 23 de novembro de 2025

Libro de información: Unha cidade en Marte

 


Da presentación editorial: "Os humanos somos animais curiosos. O desexo de coñecer e a procura de recursos novos empurrounos a escalar montañas, conquistar os polos ou cruzar inmensos mares. Esta procura incansable levounos ao espazo. Facemos foguetes que nos propulsan á órbita terrestre e nos permiten deixar a nosa pegada na Lúa. Máis alá, agárdanos a última fronteira: Marte. O Planeta Vermello, un espello onde mirarnos. O destino inevitable se queremos converternos nunha especie multiplanetaria. Será un proceso longo, que comezará con pequenas bases científicas ocultas entre cráteres e acabará con enormes cidades autosostibles. Como será a viaxe da Terra a Marte? Que atoparemos ao aterrar? De onde sacaremos o osíxeno e a comida? Neste libro atoparedes resposta a moitas preguntas sobre como será o día a día nunha cidade marciana"

Da autoría do profesor de Astrofísica: Guillen Anglada-Escudé, polo físico, farmacéutico e divulgador científico: Sheddad Kaid-Salah Ferron e polo físico, enxeñeiro aeronáutico especializado en propulsión espacial: Miquel Sureda Anfres; traducido pola multipremiada María Alonso Seisdedos e publicado por Embora.

Esta editorial conta cun par de libros máis relacionados co espazo: Cantos cosmos de Estíbaliz Espinosa, con poemas e astronomía para case bebés, tal como aparece no subtítulo. Debemos lembrar que esta autora leva a cabo iniciativas persoais de poesía, arte e ciencia en galego como O entrelazamento, A ciencia do poema, Curiosas na Lúa ou Novembro Estelar.  As imaxes son de Clara Cerviño, ilustradora científica e da natureza, bióloga e deseñadora editorial. Así di a presentación: "Poesía e conceptos científicos para bebés. Un experimento poético sobre o cosmos extraordinariamente ben construído"

E tampouco estaría mal, volver ao libro A marfallada toda da xornalista científica Floor Bal; un libro multipremiado e con versións en inglés, danés, noruego e chinés, cando menos. As ilustracións son de Sebastiaan van Doninck. Un libro divulgativo ilustrado, que nos conta "a fascinante historia de como chegamos desde o principio do universo á vida actual. Dende a teoría do Big Bang, asistimos a como se formou o noso sistema solar, como a vida na Terra comezou nos océanos e se trasladou á terra…"


Libros que alimentan a curiosidade da infancia, libros de coñecemento, libros informativos, libros de divulgación científica, libros de non ficción. Tres libros ao redor do universo, do espazo, dese infinito ante o que nos sentimos microscópicos a pesar da soberbia da humanidade. A primeira vez que nos deitamos no chan para mirar o ceo nunha noite afastada da contaminación lumínica das cidades e vilas; a primeira vez que entramos nun planetario e vemos o que hai máis alá de nós... a humildade que nos enche o peito e o temor máis grande que pòdíamos sentir. A admiración máis absoluta ante iso do que formamos parte e que nunca acabamos de entender... Por iso é tan necesario que observemos e leamos, que nos empapemos de astronomía en todas as súas formas, que sexamos conscientes da beleza e do inconmensurable, do tempo longo do universo. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario