xoves, 2 de maio de 2019

Banda deseñada para ler e mirar, para documentarse e falar.


A tumba de Breogán de Abel Alvis e Esteban Tolj, publicada por Demo editorial.
Unha boa publicación de banda deseñada que imita un vello libro de pastas duras e lombo do coiro. Debuxo de boa calidade e ao servizo dunha interesante historia.
A presentación editorial explícao moi ben:
“No ano 1870 realízanse varias reformas na Torre de Hércules. Durante eses labores atópanse unhas vellas táboas de madeira escritas polo arquitecto do faro. Isto revelará un segredo ancestral relacionado co lendario líder castrexo Breogán e coa antiga cidade de Brigantia. O poeta Eduardo Pondal e o intrépido bandoleiro Antón Dedo d´Ouro coincidirán nesta perigosa aventura, enfrontándose a un sinistro grupo de carlistas e membros da igrexa que agochan algo en relación co descubrimento. Conseguirán Pondal e Antón desentrañar o misterio da tumba de Breogán?

A Coruña, a torre de Hércules lembrando a Ith e o pai, Breogán.
Pondal, Murguía e Pardo Bazán formando parte da historia.
O carlismo, representado por uns curas dispostos a todo por conseguir o tesouro para a causa ou para si mesmos.  
Un bandoleiro, traendo todo o romanticismo, colgado do pano que leva á cabeza.

mércores, 1 de maio de 2019

México e Daniel Goldin. Non hai descanso




Hai uns meses o novo goberno mexicano sorprendíanos coa destitución / dimisión de Daniel Goldin como director da Biblioteca Vasconcelos. Así o explica Juan Villoro: "O seu prestixio rebasou o marco da la lingua española de forma que o autor e inglés Anthony Brown lle dedicou un dos seus libros. Despois de traballar no Fondo de Cultura Económica, de crear  a mítica "A la orilla del viento", Goldin dirixiu en editorial Océano unha colección sobre a cultura da letra. Volveu a ser pionero e convenceu aos autores para escribir libros que non tiñan pensado facer. No prólogo a Una infancia en el país de los libros, a antropóloga da lectura Michèle Petit confesa que a súa autobiografía como lectora foi unha idea de Daniel Goldin" pois  creou proxectos nacionais como Red de Animació a la Lectura e a colección Espacios, tamén o fixo co selo Océano Travesía dedicado á LIX dentro da editorial Océano, formou parte da Encuesta Nacional de Lectura do Goberno Mexicano, fundou o selo Abnracadabra dentro de ediciones Serres... O seu papel na formación de lectores e lectoras é recoñecido a nivel internacional, pero iso non impide que en calquera momento alguén rache esa carreira por razóns inconfesables e deixe orfo ese campo. Grandes referentes que poden perderse por unha decisión política se non hai unha sociedade civil que o impida, que busque outras maneiras de darlle apoio á seu labor
Máis información tamén no seguinte enlace.


domingo, 28 de abril de 2019

Os libros "...gamia" de Ramón Caride

Caride é un dos autores que comparten LIX con literatura de adultos, pero sobre todo, é un dos autores de vén do mundo das ciencias. De aí, dos eus estudos e profesión saca moito da súa temática, tal como ocorre nos títulos de Exogamia 03, Endogamia 02 e neste, Singamia 1.1
Libros, todos eles, de relatos que compoñen a serie AKTUAL, que se definen como "relatos moi documentados, suxestivos, abertos e polémicos sobre os temas máis candrentes do noso tempo".
Neste volume atopamos seis relatos: "Procurar &Anular" sobre o poder dos drons para unha guerra a distancia na que te podes permitir ser profesional aséptico, sen sentimentos. "Financiar os instintos" sobre a maternidade de última xeración con todos os beneficios e ningún problema das anteriores. "O ceio dos pretos" ou o poder da música para espertar as lembranzas e botar abaixo a manipulación neste caso en relación a razas superiores. "Carnívora" a máquina e aplicación que permite que sintas, en primeira persoa e en realidade total, o placer do asasinoe cazador, do sádico. "Tempo comprimido" a viaxe total nun mínimo de tempo, os recordos vivos para sempre... pero, faríala certamente? "MNP, meu amigo" onde coñecemos as dúbidas cunha moza ante a posibilidade de optar ou non a unha palicación tremendamente cara aque lle dará acceso á poesía porque "Agora a poesía só estaba ao dispor de mi poucos. As contadas persoas, escasísimas, que podían asumir o custe dun MINP feito a mantenza".
Este último é o que menos interese ten para min, que me doblego ante aqueles contos nos que a realidade lle dá a volta ao futuro dos personaxes, onde se xoga cos dous polos do medo entre quen o produce e quen o sofre ou os inais inesperados.

venres, 26 de abril de 2019

Un novo libro de Iria Collazo: "A casa do paralelo 54"

 A casa do paralelo 54 de Iria Collazo López, publicada na colección Árbore de Galaxia.
Iria Collazo xa leva publicado un par de libros: a novela Coma uha áncora e o libro de relatos A soidade das medusas. Ningún deles deixa indiferente pois sempre nos sitúa ante unha fantasía propia e especial, unhas veces máis clara e outras máis escura.
Neste caso, estamos ante un libro infantil e a imaxinación desbórdase. Unha nena cóntanos en primeira persoa a historia do sucedido a partir do momento no que a súa cama barco sae voando da casa dos pais situada no paralelo 54. Menos mal que a acompañan o seu mapache Morde e o amigo señor Smith (un rapaz da súa mesma idade que a trata de vostede). As aventuras dos tres guiados polo vento son realmente tan imponentes que Gris chega a presentarnos os lugares polos que pasan a modo dunha guía de viaxe cos apartados de "Que é", "Que ver", "Onde comer" e "onde durmir".    
Unha imaxinación desbordante leva aos tres viaxeiros polo mundo pasando mil apuros, correndo moitos riscos pero, sobre todo, mantendo unha relación entre eles e cos seus medos preñada de tenrura e afecto "porque só precisaos cariño e contos" é a afirmación que dá título a un dos capítulos. Tan importante é o afecto que pode converterse nunha arma coa que neutralizar ao neno matón que acosaba ao señor Smith na escola. A el derrotárono a base dunha malleira de apertas e bicos. 
As ilustracións de Luz Beloso conseguen unha altura admirable en determinados moment dos como aquel no que a nosa protagonista vai ser devorada por un oso, porque pasar a imaxes estas criaturas tan especiais como Smith coa súa chistera permanente ou unha casa situada sobre un paralelo terrestre ou unha cama barco. 
É de resaltar, tamén, a naturalidade coa que son tratados determinados asuntos como as dúas nais de Smith, o respecto pola forma de ser de cada un deles e a creación de personaxes tan afastados de prexuízos de xénero. 
Un libro a ter en conta!

martes, 23 de abril de 2019

Día Mundial do Libro 2019


Hoxe mesmo, martes, 23 de abril.
En Cataluña agasallarán libros e rosas.
Semella que seguiremos lendo, soñando, creando.
A chuvia molla o outro libro: a natureza.

domingo, 21 de abril de 2019

Novas (de libro) e non tan novas

PREMIO FERVENZAS LITERARIAS 2018. Pódese acceder a través deste enlace da wikipedia, aos premiados nos últimos anos (tamén no 2018) 
O premio anterior (Fervenzas literarias) 2018 no relativo ao libro infantil e xuvenil, atoparalo neste enlace de GALIX.
O Día da Ilustración, celébrase seguindo o calendario do libro e da lectura, o 30 de xaneiro, coincidindo co día de nacemento de Castelao. Un enlace.
A Consellería de Cultura fixo público o seu Calendario do Libro e da Lectura 2019
Convocatoria de premios Muíño do vento
Convocatoria do Permio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil
Día de Rosalía 2019: Libre o meu pensamento!
Rosa Aneiros gana o II premio Agustín Fernández Pa de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade
Paula Carballeira gana o premio Manuel María de Literatura Dramática do AGADIC con Somos os monstros. É a terceira vez que o consegue.
1 de febreiro, Día da Lectura en Voz Alta, na páxina de Bibliotecas Escolares de Galicia
...

 

 

domingo, 14 de abril de 2019

Día da Arte Galega dedicado a Luís Seoane


Desde a Rede de patrimonio Cultural, chéganos a seguinte información:
"O día 1 de abril celébrase o Día das Artes Galegas, unha celebración instituída pola Real Academia Galega de Belas Artes. 
No ano 2019, o homenaxeado é o pintor, Luís Seoane, un dos artistas máis relevantes do século XX.
En xaneiro, a asociación Roxín Roxal, adherida á Rede do Patrimonio Cultural, fixo un chamamento, apoiado por todas as entidades, para  difundir o legado do artista nos máis novos.
Conscientes de que o mellor camiño para a conservación do Patrimonio é o coñecemento, na Rede do Patrimonio Cultural, facemos nosa a súa inquedanza e sumámonos á celebración deste día, cun documento sinxelo, ameno e con rigor que achegaremos a tódolos centros de ensino do país.
O documento pretende achegar aos docentes e alumnos maiores das escolas e institutos a figura do homenaxeado.
O texto do folleto foi elaborado pola experta na obra de Seoane, Rosa Espiñeira Pan. 
Adxuntamos tamén unha pequena ficha sobre o cadro As Mariscadoras que celebra 50 anos no 2019 para que sexa compartido nas aulas dos máis pequechos e pequechas." Os seus materiais pódense descargar directamente desde o enlace.
Desde a Asesoría de Bibliotecas Escolares lembrábase, tamén, o libro editado polo Museo de Bellas Artes coa historia de Marilar Aleixandre arredor dunhadas obras deste autor. Da súa web recóllese a imaxe inicial desta entrada