venres, 7 de agosto de 2020

Libros silenciosos

 
Libros silenciosos en Suecia inspirado polo traballo de IBBY Italia, comezaron a súa propia versión do proxecto libros silenciosos. Un folleto con ideas e métodos acerca de como traballar con libros ilustrados sen palabras. Corneliusson Cay de IBBY Suecia adquiriu libros silenciosos de todo o mundo e a colección difundirase xunto co folleto ás bibliotecas que traballan con albergues de refuxiados en Suecia.  Cren que libros silenciosos poden ser un dos moitos proxectos que axuden a tender pontes. )

Traemos esta noticia, simplemente para animar á construción de coleccións deste tipo, para atender a determinadas diversidades funcionais, que poden ser momentáneas ou non.
Os libros silenciosos permiten crear historias, máis alá das que o autor ou autora, pensou cando as debuxou. Obríganos, a poñer todo o empeño en descifrar, o que se agacha detrás das imaxes e realizar unha lectura que corre paralela á das palabras cando estas existen. A lectura de imaxes é algo imprescindible nos mundos que corren.
Traémola tamen, porque no último premio Compostela de álbum ilustrador a obra ganadora é, xustamente, un libro sen palabras, unha obra silenciosa.

luns, 3 de agosto de 2020

Naturizo, unha serie coa natureza como protagonista

Un ourizo cacho que vive na Serra de San Mamede coas suas amigas: raposa, loba... vai pasando polas dferentes etapas do ano e os perigos aos que hai que enfrontarse no mundo actual: un plástico que atranganta á raposa ou un can que é abandonado polos seus donos. Unha mirada á natureza, unha mensaxe... uns textos en letra caligráfica e unhas ilustracións dixitais, actividades ao final de cada título e unha canción. Moi dirixidos á escola. O interesante sería que a rapazada puidera continualos con novas aventuras que poidan suceder no bosque e solucións a esas problemáticas desde o seu propio quefacer persoal.
Autores: Alba de Evan e Javier Domínguez

martes, 28 de xullo de 2020

Álbumes ilustrados

Pequeno botón de Paula Merlán e Lucía Cobo, publicado por Narval.
Esta é a historia dun pequeno botón que semella invisible, porque ninguén fai caso del e o xastre que non é outro que o Teixugo non llo coloca a ningunha peza de roupa. Nun despiste cae na caixa de costura que o xastre leva ao faiado, pero os seus berros fan que acuda a araña a botarlle unha man... outros virán a axudar e outro obxecto aparecerá tamén no chan para que todo se resolva ben e os dous sexan colocados onde corresponda para que cada existencia teña o seu valor.
Xa o dicía a dedicatoria "A todos aqueles que se senten pequenos e aínda non descubriron o grandes que son".
Chámanos a atención un listado de "argumentos de venda" que se difunden a partir da folla voandeira:
"Oficios esquecidos: xastrería
Elementos da vida cotiá: botóns, alfinetes, fíos...
Conexión coas cousas pequenas que pasan inadvertidas
Temas: amizade, autoestima, axuda, solidariedade, traballo en equipo.
Abórdase a excesiva atención aos defectos, sen apreciar as virtudes.
Descuberta do bo que hai en cada persoa, animal, obxecto."
A verdade é que fixeron unha verdadeira disección da historia.
Son de destacar, tamén, unhas ilustracións moi interesantes, especialmente as de obxectos.

luns, 27 de xullo de 2020

Libros, case, de imaxes


Os nosos bosques de Diego García, Judit Santos, Clara Cervizo e Andrea Soto. Publicado por Miudiño, Sociedade Cooperativa Galega. 
Trátase dun libro de gran formato no que se nos amosa a riqueza de vida que agochan os diversos bosques galegos, invitándonos a esculcalas  para coñecer as fragas atlánticas, as devesas luguesas, as carballeiras e soutos repartidos polo territorio… para descubrirmos a realidade que cubre boa parte do país. Asi se presenta e asi o vemos.
Unha boa oportunidade de mirar e aprender, de gozar e recoñecer unha riqueza medioambiental que hai que coidar.
Parabéns á editora e ás autoras e autor.   
Moitos libros destes fan falla, sobre todo despois de ter desaparecido A Nosa Terra.

venres, 24 de xullo de 2020

"Xa vooou!"... A ver se damos chegado

Xa vooou! de Susana Peix e Romina Martín, traducido por Maruxa Zahera Landeira e publicado por Bululú.
Un peixiño distraído que sempre di: Xa voooou, pero ten pouca memoria e polo camiño esquece o que lle piden e el promete facer. Regálanlle un caderno para que apunte, así o fai, pero agora esquece o caderno con todo o anotado.
Con ilustracións vistosas, todo escrito en maiúsculas, retratando unha situación moi común e coa que moitos e moitas se van sentir identificados.  

xoves, 23 de xullo de 2020

Atrapar a mirada que se vai á pantalla


As crianzas son esas persoas que, por estar nun estadio determinado de evolución, andan máis dispostas a comunicarse. Con elas podes entenderte coa mirada. Sen coñecervos, sen que medie presentación nin compromiso podedes facervos sinais, botar uns sorrisos, dicirvos adeus coa man ou mandarvos bicos ao lonxe. Elas, cando non lles meten na man, tamén, unha pantalla, búscanse entre si, conectan entre elas, relaciónanse moi ben  con todo, tamén coas cousas ou cos animais. Os ollos desa rapazada están moi vivos, mostran a vitalidade e o interese pola vida coma os de Picasso ou Díaz Pardo  
Atrapamiradas vai diso, do que vemos no día a día; diso que hai un tempo nos daba a risa e agora asumimos como normal. A xente atrapada polas pantallas, sen prestar atención ao que a rodea fóra delas.
Vera, a nena que protagoniza a historia, sae á rúa a buscar o que non atopa na casa: as miradas dos outros e das outras. Pero alí, igual que aquí as olladas foron capturadas polas pantallas, que os atraen coma o mel ás moscas. As imaxes dino todo: vanse enganchando uns nos outros porque non se ven nin ven por onde van. As criaturas lánzanse mensaxes desesperadas. O irmán máis vello xa está inducido, tamén; só Vera, o pequeno e o can se salvan da peste. E a pequena sente medrarlle algo escuro no peito...
Relacións interxeracionais, afectos e entendemento sen barreiras, tenrura e miradas que atrapan miradas.
Un álbum de Marina Núñez con ilustracións de Avi Ofer, traducido ao galego por Manuela Rodríguez e publicado por Kalandraka, na colección Demademora.

martes, 21 de xullo de 2020

Morre o protagonista dun cómic e... algo máis


O tesouro de Lucio foi publicado por Demo en galego.
Nel cóntasenos a vida deste anarquista navarro que foi quen de humillar a un xigante da banda mundial. Unha vida chea de ideoloxía e experiencias impresionantes, un home valente que na etapa final fai reconto do que pasou.
Morreu este 18 de xullo, pero non poderemos esquecelo moitos lectoras e lectores porque a banda deseñada nolo lembrará a nivel popular, aí a onde non chegaba a Historia.
Unha obra  que non pode pasar desapercibida pola boa construción pero tamén pola riqueza do que conta, por ese percorrido vital que comeza na infancia da represión franquista que non só machacoou aos enfrontados ao réxime senón tamén á rapazada "que non sabía o que facía". Un libro imprescindible, hoxe e no futuro. 
Parabéns e agradecemento a Demo por traérnolo á casa, á nosa lingua.