xoves, 16 de marzo de 2023

Outro álbum de Kalandraka...

O outro álbum de Kalandraka é Terra de ninguén "porque estes lugares son os que lles quedan para ocupar aos excluídos, aos máis desfavorecidos da nosa sociedade". Falamos dun lugar, dun dos poboados das Comunidade de Madrid onde aínda permanecen activos focos de marxinación porque a situación non está resolta. Aí, na Cañada Real, o asentamento chabolista máis grande de Europa, onde chegaron a vivir ata trescentos cativos e as súas familias en condicións insalubres, sen electricidade... Diso vai a historia, porque, seguen a contarnos que un terzo da poboación urbana mundial vive na periferia das cidades en chabolas, favelas ou slums. Así se presenta: "álbum impactante,emocionante e imprescindible que mostra
a pequenos e maiores unha realidade próxima, pero a miúdo invisible. Un relato valente, contado dende a mirada infantil, que revela que a dignidade, o amor e a esperanza tamén habitan nas circunstancias máis difíciles." Diso sabe moito a rapazada, esas crianzas que aparecen nas ilustracións de Federico Delicado: a nena co irmán pequeno no colo, o que só leva un pantalón curto, a nena da camiseta amarela, o que viste un chandal e que semella ter a voz... e o galgo esquelético que os acompaña. Viven coma nun circo, camiñando sobre cristais, esquivando as xeringuillas, facendo acrobacias, correndo riscos que non deberían corresponderlles, vivindo entre a necesidade e a ilegalidade. Unha "bombilla" rachada é a imaxe alegórica desa terra de ninguén a onde chega o frío que o lume non quita, un coello saíndo da chistera que nos fala do Gran Truco (dese soño de adulto que cre nas ganancias doadas), pero eles, os nenos e as nenas, aínda nas circunstancias máis adversas fan teatro, xogan e rin. Sobreviven e teñen conta da alegría.

O texto é da xornalista e escritora Maria José Floriano e a tradución de Manuela Rodríguez.

martes, 14 de marzo de 2023

Libros que acadan premio en castelán

Alma de elefante foi premio Anaya. Unha novela de Andrea Maceiras, ilustrada por Jordi Solano e publicada por Sopa de Libros en Xerais.

Da presentación editorial: "Suy e Lawen son dous irmáns xemelgos que viven na aldea de Sat Naapa, un remoto lugar do sureste asiático. As súas tranquilas vidas cambian o día no que a velliña Champey le as súas almas e lle di a Suy que el ten alma de bolboreta, mentres que a súa irmá Lawen posúe o espírito do elefante. A Suy parécelle imposible porque el é máis forte e sempre coidou da súa xemelga. Lawen é distinta das outras nenas: cústalle expresar os seus sentimentos e ponse nerviosa coas situacións descoñecidas. Así que Suy conta unha pequena mentira. Di que el é o elefante. O que non pode sospeitar Suy é que axiña se van cruzar con Tep, un elefante real que necesita desesperadamente a súa axuda e por quen emprenderán unha incrible aventura. E é que ás veces as cousas non son o que parecen.Ás veces os tesouros teñen catro patas. E só as bolboretas voan o suficientemente alto para atopalos."

Eu, recollería un fragmento "O feito de que Sat Naapa sexa un lugar tan bonito tamén ten as súas desvantaxes. Ás veces tallan zonas de bosque moi extensas. Outras, traen planos para levantar edificios e fábrias nos arredores, malia que aínda non construíron ningún. No pasado foi peor. Papá di que, hai anos, a xente de Sat Naapa vivía con moito medo de que viñesen para destruír todoou levar persoas. Por iso, durante a guerra, algunhas familias soterraron as súas posesións máis valiosas na selva. E sábese que non as recuperaron todas." Han quedar tesouros agachados que poden amañar a vida dunha familia." A responsabilidade dese neno que quere ser elefante e non bolboreta para coidar da súa irmá (esa que ten un corazón e unha cabeza que lle funcionan de forma diferente), as aventuras que corren os dous para salvar a un elefante ao que maltrataban convertíndoo en diversión para turistas (porque o turismo trae esas consecuencias), o encontro con xentes de todo tipo (a familia de estranxeiros que lles axuda ou a muller que os denuncia), os mahouts ou gardiáns de elefantes, a selva sempre a selva, Ru o lugar da utopía onde cada un pode sero que queira... 

 

"

sábado, 11 de marzo de 2023

De inuits

 

Entre os LIG (libros infantís galegos) contamos con, polo menos, tres obras relacionadas cos inuit, os habitantes do Ártico. A serie de Nunavut de Xoán Abeleira (O nacemento de Nunavut, Un día de caza, O caribú namorado e Sedna, a deusa do mar), Akna. Os mariñeiros da terra de xeo publicado por Galaxia e o que agora se presenta.

A vida dos inuit, un libro informativo de Silvia Álvarez, publicado por Edicións do Cumio. Dividido en  apartados: O Ártico, A natureza, Así se alimentan, Caza e pesca, Traballos no fogar, Como se desprazan, As súas crenzas, A familia, Xogos tradicionais e música, A arte inuit, Algúns mitos ancestrais, Hoxe en día, Cambio climático e perigos e Exploradores do ártico. E un último capítulo: Sabías que?

Na capa do libro aparece a sua relación co ODS 15 Vida dos ecosistemas terrestres.

venres, 10 de marzo de 2023

Filosofía en 28 conversas

Miguel Vázquez Freire é filósofo, pero no só, tamén escritor de ficción, tamén crítico literario e de arte, tamén innovador educativo, tamén home de teatro... Neste caso, baseándose nun programa de radio que levou a cabo no seu Corcubión natal ao longo da pandemia, divulgando filosofía, saca a luz este libro que se sitúa na colección Seica de Xerais.

O moucho voa preséntase así: "Un libro pensado para introducir a mocidade na filosofía. Está constituído por 25 conversas, amenas e desenfadadas, organizadas nos catro temas principais dos que se ocupa a filosofía tradicionalmente: o Ser, obxecto da ontoloxía; a Verdade, obxecto da teoría do coñecemento ou epistemoloxía; o Ben, obxecto da filosofía moral ou ética; e a Xustiza, obxecto da filosofía política. A filosofía ocúpase dos asuntos que nos preocupan a todas as persoas e proporciónanos instrumentos para pensar con maior rigor, para facer das nosas vidas unhas vidas plenas. Porque as grandes ideas filosóficas tamén interesan ao común da xente. Porque calquera persoa, espontaneamente, ten preocupacións relacionadas coa filosofía".

Non hai mellor maneira de falar del... As conversas simuladas cun par de persoas: unha moza e un xubilado achegan a inxenuidade das preguntas ás que o filósofo ha de dar resposta. 

luns, 6 de marzo de 2023

Unha tradución

A casa da Moira de Sergio Sánchez Benítez con ilustracións de María Montes, traducida por Xosé Duncan  e publicada por Bululú.

Así se presenta: "Aquela casa de cor gris, atrapada no medio do tráfico, sempre chamara a miña atención. Quen podería vivir rodeado de asfalto, sen comunicación ningunha? Estaba convencida de que alí só podía habitar unha bruxa. Unha tarde de inverno decidín cruzar a autoestrada e, malia que non coñecín ningunha meiga, si descubrín quen son as moiras.» Daniela é unha rapaza moi imaxinativa e observadora, un día decide descubrir quen vive nesa casa, atravesa a autoestrada e algo sucede... é atropelada? atravesa aproveitando que o castelo baixou a ponte levadizo por medio dun camión que envorcou? O caso é que coñece a unha dos Moiras e que este decide axudala, así se salva e para demostrar que o que sucedeu foi certo, anos máis tarde atopou os sinais.

Mitoloxía ao servizo das historias actuais.


sábado, 4 de marzo de 2023

Un novo título da colección Fora de Xogo para un problema que non se resolve

Un novo título da colección Fora de Xogo enfronta un problema que semella non ter solución: Bulllying de Álex Alonso.

Esta novela acadou o XVII Premio de Narración Curta Ánxel Fole. Preséntase así: "Mergullándose en temas que centran o universo adolescente, como as redes sociais, a homosexualidade e, sobre todo, o acoso escolar (...). A mellor reflexión sobre a novela está nas palabras iniciais do seu protagonista: «Cada vez que entro ao instituto penso no inferno, e, sinceramente, preferiría mellor estar aí embaixo, no subterráneo, ardendo nas chamas. Mamá di que o inferno existe e que o ceo tamén. O do ceo está ben claro que existe porque levanto a vista e velaí o está, pero o inferno, de o haber, non creo que sexa tan terrible coma este onde estou».

Diferentes voces van dando a súa versión dos feitos, como se estiveran ante o xuzgado, a policía, o lectora/a que pregunta: a de Antón (o protagonista), Nai, Pai, O monstro, Venres, Compañeiro na instituto da Coruña, Tía Marga, Director do instituto da Coruña, Anxo, Xiana, Psicóloga, Outro compañeiro do instituto da Coruña, Un terceiro compañeiro do instituto da Coruña, Alicia, Un profesor, Pai de Xiana, Jenni... É dicir, unha pléiade de personaxes que estaban aí e non fixeron nada, simularon que non se enteiraban, viron e non quixeron actuar... Só Monstro o acolleu para levalo con el. Os acosadores: o gran acosador, os seus secuaces, os que apoiaban de lonxe, os pasivos que miraron indiferentes, os que quixeron actuar pero non o fixeron... E cada día ha de estar sucedendo. Esa é a mensaxe. E todos se salvan, ninguén carga coa responsabilidade dunha situación tan atroz, coa transformación do mundo nun inferno. Unha obra para recapacitar, discutir ata o berro e... ACTUAR!!!  Xa está ben de tanto ir ao de cada un, de abandonar funcións, de non atender a parte humana e educativa.

xoves, 2 de marzo de 2023

Roxín Roxal. A daga do conde. Un cómic para lectorado autónomo

Roxín Roxal. A daga do conde. Un cómic para lectorado autónomo con guión de Manel Cráneo e debuxado por Brais Fierro, publicado por Demo editora na colección Eumedievo.

Retoman o heroe do imaxinario medieval que dou a coñecer Carré Alvarellos e que Novoneyra nos trouxera a través dos seus contos. Agora, un cómic fala das súas aventuras heroicas, dun amor imposible pola inxustiza das desigualdades de orixe, nunha linguaxe clara e comprensible na que as elipses son as necesarias pero non obrigan ao lectora ou lectora e adiviñar senón que levan o ritmo natural e... agardamos que sexa a porta de entrada a novos capítulos que, seguramente, leran de bo grao os lectores e lectoras de oito anos en diante. Parabéns!