martes, 15 de outubro de 2024

Unha serie en BD

Nerea. O príncipe da sorte (Xerais, 2021), resultou gañador (xunto co guionista Miguel Rojo) do II Premio de Banda Deseñada O Garaxe Hermético. En 2023 publícase a segunda parte: «Nerea. A invasión dos trastos».

Pablo Prado xunto con Miguel Rojo retoman a serie.

Así se presenta cada unha das entregas: 

"Unha poza sen fondo, un príncipe que pide ser rescatado, uns monstros que non se sabe o que din... Ou pode que si? E todo por non facer caso dos consellos dos seus pais. Acompaña a Nerea nesta aventura chea de lambonadas, mocos e pingüíns, moitos pingüíns." 

"Tes mensaxes de no móbil pendentes de ler? Algún capítulo da túa serie favorita sen ver? Pasaches esa fase tan difícil do videoxogo de Súper Cario?... Que tal se miras o que está a acontecer ao teu redor? A invasión dos trastos comezou! Nerea regresa cunha nova aventura chea de humor sobre os excesos no uso das novas tecnoloxías."

O avó de Nerea está na residencia, obsérvao todo e descobre o que ninguén é quen de ver, por iso colle a neta da man e alá van os dous: destruír os trastes por medio dos que nos queren invadir. Ao final todo remata ben, puidemos co mal e os autores adxuntan un apéndice en branco e negro no que ante a queixa de Nerea que se aburre sen redes sociais e pantallas, o avó móstralle todos os xogos posibles, e Nerea     que é unha nena avispada queda feliz, de novo. Porque iso é o que ten Nerea, que tan pronto poden enganala como espertala da mentira para que colabore na loita polo común, niso anda...

A obra de Pablo Prado vai dende O derradeiro libro de Emma Olsen ou A batalla de Rande


domingo, 13 de outubro de 2024

Libro de artista, libro de artistas

Libro de artista, libro de artistas como todos os que publica Chan da pólvora na colección Udra de poesía para a infancia, como Nós outras de Marica Campo e Menchu Lamas, como Tinta de luz de Pepe e Berta Cáccamo. Neste caso estamos ente María do Cebreiro e Antón Lamazares co libro Quería contarche o que é unha casa. Unha obra que é deseño, fotografía, pintura, obxectos... e o verso sempre de fondo, a poesía tentando contarlle algo á criatura, algo tan fundamental como o que é unha casa, a casa, o fogar... ou é que o bebé / a bebé xa o sabe?

Bebe da natureza, da profundidade da creación, da fonte da vida, de máis alá do que se ve... chega ao corpo da nai, o niño do que foi peixe, os dous xuntos foron todo e máis... tempo despois a súa casa é o seu corpo, o propio, Agora que anda a rentes do chan pode ser moitas cousas, ata un caracol coa casa a costas e  a baba ronsel de prata, unha casa que se move como todo o que a crianza toca. Que pasará nun futuro? a nai xa ten a resposta! O artista plástico xoga coa súa casa, as cores e os obxectos que poden contelas, xoga co seu mundo, o que comparte coa infancia dende sempre. 

Un libro para ler e mirar, par remirar moitas mitas veces, un libro que permanecerá ao longo do tempo.

venres, 11 de outubro de 2024

Un novo álbum de Xerais: Uxía e o mar

Uxía e o mar de Paula Merlán e Terteres está publicado por Xerais. "Uxía tiña un soño grande, moi grande... Xigante! Ver o mar. Unha emocionante viaxe ata o mar; unha valiosa aprendizaxe para a vida."

Uxía sabía moitas cousas do mar: como arrecende, como é, como se escoita... pero quería velo por si mesma. Soña con velo e emprende a viaxe coa mochila ao lombo. Seguirá o camiño preguntando. Atopa unha árbore que lle explica ata onde ve (flores e abellas), cando chega ao campo de flores e pregunta ás abellas que tampouco o viron pero dinlle cara onde voan as gavotas; cando cansa e se bota a durmir nunha cova a osa cóidaa e á mañá seguinte lévaa ao carrelo buscando as gavotas ata que cansa e a ten que deixar ir, segue ás gaivotas e cando desespera e se bota a chorar descobre un olor moi peculiar e unha auga tamén salada. Métese nela e cando sae lembra a todos os que lle axudaron: colle area, enche a catimplora de auga salada e volve para visitar e compartir ese tesouro coa osa, as abellas e a árbore. Uxía estaba compartindo cos demais a felicidade que comezara a repartir cando abrazara á árbore ao despedirse (ninguén lle dera tanto agarimo), cando lle cantara unha canción ás abellas (ninguén lles dera tanta diversión), cando bicara á osa (ninguén lle dera tanto amor). Unha viaxe de ida e volta cun obxectivo que comparte e experiencias, mostras de afecto que reparte. O mar é inmenso pero é máis grande aínda se nesa busca coñeces a outros que che axudan e aos que axudas. Nada se perde máis que o que non se dá!

Fermosas ilustracións nas que o mar e o campo enchen casa, cama e roupas, a pequenez da nena e a grandeza da árbore, o campo de margaridas, o enxamio de abellas, a osa, a bandada de gavotas e o mar case infinito coas ondas e fauna, os pés dentro, a caracola que o leva sempre dentro, o mar que se extende polas gardas, por todo o libro e pola realidade: o desexo tras do que hai que correr!

mércores, 9 de outubro de 2024

A nova novela xuvenil dun autor, Pere Tobaruela

A nova novela xuvenil de Pere Tobaruela, sempre é agardada porque el nunca escribe en van. Un autor querido de noso porque chegado de fóra sempre escribe en galego, porque defende a lingua e o país sempre que lle é posible e escribe moi ben. 

Na cerna da selva está publicada en Costa Oeste de Galaxia

Preséntase así: "Xiao, un rapaz de dezaseis anos, escribe un traballo sobre xabarís co que gaña un premio convocado polo Zoolóxico de Barcelona: unha estadía de cinco semanas en Ruanda en compaña de Dian Fossey, investigadora famosa polos seus traballos de protección e divulgación dos gorilas de montaña. Unha oportunidade única que permitirá que viva en primeira persoa o encontro entre dúas civilizacións, a moderna Europa fronte á descoñecida África, un mundo primitivo, cheo de segredos ancestrais, lendas e coñecementos máxicos. E neste mundo, na cerna da selva, unhas circunstancias alleas a el levarán a Xiao a descubrir cal é a esencia do medo, como se forxa a maldade e a que cheira a morte, vivencias límite que afrontará con Nzigui, un pigmeo co que forxará unha forte amizade."

Traer á nosa literatura xuvenil a Dian Fossey é un acerto, traela da man de Joseph Conrad e o seu O corazón da tinieblas son palabras maiores e con esas cartas xoga Tobaruela. Polo medio a denuncia do colonialismo europeo, a situación extrema das tribos africanas, as perigosas mafias con todas as redes de poder, o ben fronte ao mal e este vencendo case sempre dende que o mundo é mundo.

luns, 7 de outubro de 2024

Un e sete, que poden ser 70 ou 700 ou 7000 ou 7 millóns

 

Un novo libro de Gianni Rodari que nos chega da man de Kalandraka, na colección Tras os Montes, con ilustracións de Beatrice Alemagna e traducido por Carlos Acevedo.

Un e sete vainos contando que o autor narrador coñeceu unha vez un rapaz que era un e sete a un tempo, porque eses sete "sempre eran o mesmo rapaz de oito anos que xa sabía ler e escribir e andaba en bicicleta sen agarrar o guiador" e aínda que cada un tiña o pelo ou a pel dunha cor e vían as películas en linguas diferentes, "rían na mesma." O autor quere concluír cunha esperanza "Agora  xa creceron todos, e non poderán facerse a guerra, porque os sete son un único home."

Si, o activista de Greenpeace, á pregunta dunha rapaza: como eras quen de ir nunha zodiac e plantarte diante dun barco enorme para paralo? el explicáballes "pensaba que quen levaba o timón nese cargueiro tamén era un home e non ía matarnos" pero si afundiron o Rainbow Warrior e ao membro da tripulación Fernando Pereira con el. A humanidade é así: metade anxos e metade demos, unha parte buscando a luz e a outra a escuridade, pero hai que manter a esperanza, especialmente cando traballamos con crianzas, elas deben confiar nos adultos que coidarán delas e nos iguais que non deberían actuar como depredadores. Niso estamos, en sementar esperanza sen ocultar a verdade.

domingo, 6 de outubro de 2024

De avoas e heroínas

A miña avoa, a miña heroína de Sabela Fernández Trelles está ilustrado por Blanca Millán e publicado por Xerais na colección Merlín.

En primeira persoa a nena vai contando como se sente, como lle cambiou o humor nos últimos tempos e como vai superar ese bache.

"Un emotivo relato sobre a ansiedade na infancia e a fortaleza de sentirnos acompañados polos nosos seres queridos." "Laura sempre foi unha nena alegre, forte e valente, pero ultimamente as cousas non lle van demasiado ben: sente que cada vez son máis os días grises e comeza a dubidar de todo, incluso dela mesma. Menos mal que conta coa complicidade da avoa Carmela, con quen vai realizar unha viaxe ao pasado para entender por que se sente así e decatarse de que pertence a unha saga de mulleres loitadoras. Un emotivo relato sobre a ansiedade na infancia e a fortaleza de sentirnos acompañados polos nosos seres queridos."

Nada que dicir... ou si, cómpre non querer poñer tititas cando se racha o equilibrio psíquico das criaturas, igual o que cómpre é traballar as causas por parte de toda a sociedade e cómpre compromiso por parte das autorías para non seguir xogando co tema das emocións que semellan pagadas por entidades financieiras.

xoves, 3 de outubro de 2024

Variedade: O libro secreto da Filosofía, Caderno de cores e cancións

O libro secreto da Filosofía de José Carou está ilustrado por Sara Valcárcel e publicado por Galaxia.

Así se presenta: "Atréveste a pensar?  Queres morrer de risa dando unha volta pola antiga Atenas con Sócrates, o home máis feo, sabio e bondadoso da Grecia Clásica? Tes valor para correr aventuras, pasar medo e namorarte  no santuario dos animais salvaxes con Alexandre Magno e Aristóteles?  Deixas que Simone de  Beauvoir che explique por que “inventou” o feminismo…?

Se contestas que si, abre O libro secreto da Filosofía e comeza a ler. Viaxa con Eila e Breixo, os dous rapaces protagonistas, a través do tempo e doutras dimensións e vive aventuras onde coñecerás os filósofos e filósofas máis importantes da historia e poderás achegarte á orixe do coñecemento. "

Unha historia contada pola rapaza na que aparece acompañada polo rapaz, o gato e o can. Viaxes no tempo. Encontro do filósofos e contada en modo fácil. Libro adornado para facelo ameno e atraínte, xogos coas cores e as iconas, as letras e as orlas.

Caderno de cores e cancións de Magín Blanco co ilustracións de Sonia García está publicado por Galaxia na colección Sonárbore. Participación do alumnado de Primaria do CEIP da Carrasqueira e tamén das usuarias de APAMP (Asociación de Familias de Persoas con Parálise Cerebral).  Un código QR lévanos ás cancións. Preséntase como "Un diálogo entre as músicas, os instrumentos, as rimas e as sonoridades. Unha invitación a participar nunha viaxe onde as emocións son as protagonistas."

Unha cata: "A simboloxía das cores": O branco da inocencia. / O negro do misterio. / O amarelo da alegría. / O vermello da paixón. / O azul dos ideais. / O laranxa (vermello + amarelo) do entusiasmo. / O anil (vermello + azul +branco) da sensibilidade. / O violeta (vermello + azul) da creatividade. / O verde ( azul + amarelo) da saudade e a natureza. 

Nas ilustracións altérnanse as que utilizan todas as cores e aquelas outras en branco e negro. Interesantes
pero coa dúbida de se son demasiado semellantes ás de outra ilustradora, ou é ela mesma?