martes, 8 de abril de 2025

VI Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil

 

O VI Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil recaeu na obra Cartas na escuridade de Lois Pérez que aparece con ilustracións de Blanca Vila na editorial Cuarto de Inverno.

Da presentación editorial: "Olivier lembra a partida do Call of Duty ao entrar no estadio. É enorme. Non pode crelo! Vai asistir en directo a un partido do Mundial para ver a Mbappé! A algúns quilómetros de alí, nun barracón ás escuras, Denis, namentres as súas compañeiras dormen, escribe á luz da candea unha carta para seu irmán Moses. Poderán volver algún día a Uganda sen caer nas mans das bestas do LRA? Salman percorreu o deserto en autobús e agora mira en fite ese feixe de cartas. Farán un bo lume. Aluma, a estrela mundial do reggaeton, ensaia o seu novo hit antes da gran final. Mentres tanto, súa noiva Ann Drolla Ice fai globos coa goma de mascar mirando o teito. Amira camiña cara á universidade. Sabe que non hai moito tempo, pero a revolución non agarda. É o momento. Os fíos da esperanza e o medo entretécense nas historias desta xeografía dos afectos, como a calixe do deserto. Acompáñasnos?"

Hai rapaces que fan a guerra con videoxogos e outros con armas convertidos en nenos soldados. Vivir en Uganda e aparecer en Qatar, das chozas aos edificios imposibles dun país árabe que consume a riqueza en chamar a atención, dunha vida normal a converterte nun monstro sen conciencia e pasar a ser explotado en calquera país nas condicións máis extremas e exclavas. Un mundial de fútbol, as negociacións corruptas para conseguilo, as edificacións feitas a golpe de explotación absoluta, o traballo das mulleres nos hoteis baixo presión sin un minuto de descanso sen unha alimentación que a manteña. O mundo dos ricos e o dos pobres, o dos países occidentais e o dos árabes, a loita das mulleres dispostas a todo para non perder esa oportunidade de liberarse a si mesmas e a todas as que o son, un adolescente francés descargando a rabia inxustamente ou fuxindo dos problemas pero namorándose e actuando a favor da Historia, un vello ao que a conciencia o obriga a colaborar coa inocencia... Porque o mundo é amplo e dispar e todo se pode atopar nel, neste momento, todas as épocas e todas as maneiras de resistencia... o que máis traballo nos dá crer é nun final feliz, nun encontro gozoso, na bondade nomedio do horror, na revolución acosada pola convención.    

domingo, 6 de abril de 2025

A ducia de traballos de Hércules vistos por Carlos López e Siro

Os doce traballos de Hércules de Carlos López está ilustrado por Siro e publicado por Hércules de Ediciones.

Da presentación editorial: "Hércules, fillo do deus Zeus e da mortal Alcmena, tiña desde neno tal forza que xogaba ás bólas cos planetas e ao aro cun dos aneis de Saturno. Xa de adulto, e a través do oráculo de Delfos,a  deusa Hera ordénalle realizar doce traballos dificilísimos que lle imporía o terríbel rei Euristeo.

Xa verás que, para ti, ler este libro non será o traballo número trece, porque é ameno e porque está cheo de tanto humor que ata o malvado Euristeo se botaría a rir. Nel veremos a historia dun Hércules moi peculiar: semideus do estrafalario, heroe do disparate, e cun aspecto físico diferente do aspecto ao que nos ten afeitos.

Agora mesmo é un bo momento para que mergulles nesta versión dos doce traballos de Hércules e coñezas o león de Nemea, cuxos cairos eran dúas medias lúas crecentes. E a hidra de Lerna de nove cabezas, que intentaba volverte tolo falándoche de nove cousas distintas a un tempo. E as eguas de Diomedes, que cos seus cascos de cortiza podían galopar sobre o mar. E o xardín das Hespérides, onde as mazás eran de ouro e o ouro era de mazá. E tamén o can Cérbero de tres cabezas, que ladraba en tres idiomas diferentes."

Diso se trata, das loucuras esaxeradas de Chinto, de estremonías sen fin, humor a "mansalva", do imposible máis alá do imposible porque xa que se trata de case deuses todo pode ser posible, así non imos quedar no máis común, iremos máis alá do máis alá! 

As ilustracións de Siro son o contrapunto aos textos, humor con humor!

venres, 4 de abril de 2025

Dúas traducións: BD e narrativa

En camiño de José Ángel Ares e Paco Hernández, unha banda deseñada traducida por Isabel Soto está publicado por Galaxia.

Así se presenta: "Emma, unha debuxante de cómics na trintena, acaba de romper coa súa parella e, guiada por un impulso, preséntase en Roncesvalles coa mirada fixa en Santiago de Compostela.
Co paso dos días -e acompañada dalgunha que outra bocha inesperada-, irá decatándose de que o camiño que percorre achégaa e afástaa de todos os que a rodean, que o peso da mochila non só o enchen os vinte quilos de roupa e as dúas tixolas que leva, e que o que cría que sería simplemente poñerse a andar e botar quilómetros ao lombo, converterase en toda unha aprendizaxe, non só pola xente que cruzará no traxecto, senón por todo o que descubrirá sobre ela mesma."

O camiño de Santiago realizado por unha autora de banda deseñada e contado por dous autores. Semella o resultado dunha experiencia de facer ese camiño, de encontrar a xente que acostuma facelo e de contar as cousas que poden pasar, o percorrido cos debuxos dos lugares polos que se pasa, as arquitecturas... Eses encontros coa xente en crise, cos persoanxes que seguramente se repiten, as situacións ou as conversas. Vidas en contacto nun camiño que desemboca nunha das cidades máis fermosas do mundo, ou nun pobo da costa que foi o fin da Terra nos tempos antigos. Toda a maxia envolvendo un relato.  

Tres contos para nenas malas de José Ovejero ilustrado por Miguel Robledo e traducido por Mariña González e  publicado por Aire editora.

Da presentación editorial: "Este libro recolle tres contos que lle dan a volta por completo ao sentido da tradición. As nenas protagonistas demostran grande enxeño e valentía para esquivar os problemas que lles pon diante a vida. O texto de José Ovejero e as ilustracións de Miguel Robledo lévannos a un universo cheo de humor e crítica social sobre temas como o patriarcado, a monarquía ou o capitalismo. Unha delicia pequena que se desfruta ao grande."

"O señor Crocodilo e a nena negra" conta a historia dese crocodilo chorón ao que escoita o paxaro dentista sen pode facer nada, por medo a que o trague coma ao avó, mentres se alimenta limpándolle os dentes. O crocodilo tenta enganar á nena negra que vai mexar á beira do río pero sae burlado.

"Conto da leiteira e o cántaro de leite" fala da diferenza de trato entre a nena e o neno, peor tamén da ahabilidade desta para saír vitoriosa da proba á que é sometida. Ir vender un cántaro de leite ó mercado, ir negociando polo camiño de forma que vai mercando diferentes animais por unha porcentaxe do que vai ganar co leite e acabar realizando unha caridade á cota dos demais...

"O sapo é un príncipe e viceversa". Cando a nena atopa o sapo que lle pide o bico acostumado, ela non se fía e esta é esa historia.

mércores, 2 de abril de 2025

Como nos sacamos os temores?


Sacapenas de Browne, Anthony traducido por Chema Heras e Pilar Martínez está publicado na colección Tras os Montes de Kalandraka.

Cando es un rapaz preocupado calquera cousa é motivo de inquedanza. No caso de Bieito cóntannos que se desasosega pensando nos sombreiros (que parece que non usa), nos zapatos, nas nubes, na chuvia,  nos paxaros xigantes... Non se pode vivir tan desacougado, así non dormes nin descansas. Os país tentan tranquilizalo dicíndolle que todo está na súa cabeza, que nunca lle vai pasar porque eles están aí... pero iso non o tranquiliza. Vai ser a avoa quen o faga por medio dos sacapenas, eses pequenos bonecos guatemaltecos que axudan a metelas debaixo da almofada. O máis importante, é que Bieito descobre que lle preocupan os demais e non quere que tampouco estean inquedos e atopará a maneira de resolver tamén ese problema. Agora Bieito xa sorrí e vai pola vida tranquilo!   

As diferentes culturas teñen maneiras distintas de resolver os problemas que nos preocupan, beber desas civilizacións é unha riqueza que non podemos perder. Anthony Browne recolle esta costume ou lenda  nun lugar afastado de Gran Bretaña, o seu país de orixe, e divúlgao da maneira máis fermosa contándollo á rapazada de todas partes do mundo. Por iso, os sacapenas teñen as cores e os tecidos de Guatemala e sempre que contamos a historia ou construímos un sacapenas nos acordamos da civilización maia. 

As cores das ilustracións obrígannos a pensar nas emocións que embargan a Bieito: as páxinas en branco e negro son como pesadelos e o surrealismo fai acto de presenza nun universo onírico. O resto da obra está realizado en cores vivas. A imaxe da cuberta é case a mesma que a da primeira páxina pero cambia a expresión, de tal maneira que a rapaz semella máis pequeno nunha delas. Vémolo tamén máis pequeno cando está cos pais que parecen enormes. A habitación da casa da avoa é espectacular: o papel pintado dun barroquismo extremo, o cadro "O camiñante sobre o mar de néboa" de Friedrich fainos pensar no romanticismo. A avoa é quen lle vai dar a solución, pero aí non remata o conto e nesa "continuación" está para min a meirande riqueza e o punto de empatía e solidariedade que vai salvar a Bieito para sempre. Así achéganos unha ensinanza que non debemos pasar por alto: contar o que nos preocupa a outros axúdanos pero non podemos cagar aos demais con esas preocupacións, temos que axudarlles a levar as nosas e as súas.  

Que sabias son as avoas! Que marabillosos os grandes autores de álbum!  Podemos recoñecer a man de Browny nas cores, nas figuras, nas expresión que nos achega aos pais simios, na cantidade de chiscadelas que nos obrigan a repensar todo o que vemos porque nada é gratuíto e canto máis o miremos máis detalles imos descubrir (por exemplo que o papel pintado do cuarto de Bieito vai cambiar co obxecto que lle preocupa en cada ocasión, o poder das sombras e as enrugas nos medos, as manciñas do neno aguantando das sabas cando está temeroso... a min atráeme esa imaxe do neno de costas construíndo sacapenas para os sacapenas que relaciono coa de Friedrich polo xogo coa pirámide e o contraste entre a luz e a sombra porque ese home que sobre a montaña mira o mar de néboa (aquilo sobre o que non ten poder) é agora un neno que dende a luz constrúe pequenos obxectos que se converten en amuletos para enfrontar os seus medos.

Neste caso, o libro vai acompañado dun boneco sacapenas de comercio xusto, pode pedirse máis? Kalandraka sempre indo un pouco máis alá, engadindo valores, sumando causas.

PARABÉNS por tan bo facer!

martes, 1 de abril de 2025

Unha nova novela de Conchi Regueiro

 

Meigallo_98H de Conchi Regueiro aparece publicado na colección Meiga Moira de Baía.

Da presentación editorial: "As cousas prometíanse felices. Cambiar ao instituto Vicencio non tiña por que ser tan malo como semellaba ao principio, se alí ían estar tamén esas novas amizades do campamento de verán. 

O que Constanza nunca esperara é que precisamente entre bromas e risos naquelas vacacións puideran ter invocado esa presenza arrepiante que agora pon en perigo todo o mundo. Ten que facer algo, e só Amelia, esa misteriosa amiga da que nunca lle falou a ninguén, entende o risco.

A ameaza está máis próxima, e cada vez son menos. Serán capaces de salvarse, e salvar os demais?

Esta novela xuvenil non só combina as características da novela de misterio con elementos clásicos da narrativa de terror, do horror de corte lovecraftiano, ou das presenzas inquietantes propias das películas de slashers. Nas súas páxinas tamén se mesturan recursos tan actuais como os creepypastas, nun diálogo entre as vellas e as novas formas de asustar."

Pois si, unha novela de terror e pantasmas, de adolescentes que cambiar de instituto a colexio privado de clase alta, cambios de amizades tamén, novos ricos que buscan estar perto dos ricos de sempre porque as relacións sociais son un valor... e no medio de todos isto un campamento de verán, un xogo de invocacións que ten resultados inesperados. Diferentes clases en contacto pero sin mesturarse, emigrantes buscando o medio de sobrevivir da maneira máis rápida e produtiva, casas que levan algo dentro, sociedades secretas que perviven no tempo, a informática cos móbiles e as buscar en internet ao lado das máis vellas lendas, o valor da amizade, a descuberta do amor... e case no punto final unha descuberta inesperada que amplía o campo achegando novos valores.   

domingo, 30 de marzo de 2025

Galegas na música

 

Galegas na música de Isabel Blanco con ilustracións de Maria Lapido está publicadopor Belagua.

Da presentación editoriasl: "Escolma de biografías de mulleres galegas dedicadas á música, dende a primeira xoglaresa ata as máis recoñecidas músicas contemporáneas. É, ademais, unha reivindicación da música tradicional galega, que, representada de xeito especial polas cantareiras e pandeireteiras, está presente en todas elas." 

Di a autora: "O día que comecei a traballar no libro Galegas na Música pensei en completar con el unha triloxía que comezara, anos antes, con Galegas na Ciencia e Galegas nas Artes afondando nun traballo de recuperación da vida de mulleres galegas que debían estar nos libros e ser, dese xeito, estudadas e divulgadas como ocorre cos varóns nas mesmas circunstancias profesionais. Guiada pola man experta do meu querido amigo o pianista, académico e catedrático Alejo Amoedo, xurdían, unha tras outra, unha chea de mulleres galegas que dedicaron a súa vida á música. As múltiples disciplinas amosáronme un universo, vasto e brillante. Infindo. O mundo da lírica foi especialmente sorprendente e revelador. A carón del, as instrumentistas e intérpretes (pianistas, violonchelistas, guitarristas, violinistas, acordeonistas, gaiteiras, arpistas, pandeireteiras…), as cantantes, compositoras, editoras, docentes, académicas, musicólogas, cupletistas, directoras de orquestras, bandas e corais, xoglaresas e cantautoras. Por iso, a orde de aparición non segue en todos os casos a cronoloxía de nacemento, senón as afinidades entre elas.
No eido da música folk e tradicional galega, presente en case todas elas dun ou doutro xeito, resoan as voces inconfundibles e únicas das cantareiras. A elas dedícalles a Real Academia Galega o Día das Letras Galegas 2025. Homenaxeándoas a elas, ríndeselles xusto recoñecemento á lingua galega e ás nosas raíces. Ao que somos. E con elas quixen abrir este libro. Unha vez máis, a editorial Belagua, como ocorreu con Galegas na Ciencia e Galegas nas Artes, fai posible este traballo reivindicativo do lugar das mulleres na historia. María Lapido, pola súa banda, encárgase de que todas as mulleres galegas deste libro estean vivas."

Un empeño. Un traballo sempre necesario pero nunca se sabe ata onde é obxectivo porque os parámetros non poden estar definidos neste momento e traballamos sacando á luz os nomes que acoden ás nosas mans cando as metemos no pozo do silencio... persoalemente, a min non me gusta que falle a orde cronolóxica na presentación das músicas e apéname a dispar representación visual dalgunha delas  e o feito de que non se recoñezan. Non pasaba nada por utilizar fotos no caso das que puideran ser representadas desta maneira aquelas que non acadan o parecido no debuxo. Hai que dicir que algunha delas está moi ben, incluso recollendo o xesto (como no caso de Sés) pero non pasa o mesmo con Mercedes Peón ou Uxía (non o cito porque suceda só nesta publicación senón porque igual estou un pouco farta de ver este tipo de problemas por exemplo nuns óleos que no auditorio da biblioteca Ánxel Casal representan a mulleres escritoras). Da mesma maneira non podo entender a razón da orde ou desorde de colocación, que a min, me despista e agardo que non o faga con ninguén máis. De calquera xeirto agradezo infinitamente estas tres entregas de Galegas na Ciencia, Galegas nas Artes e Galegas na música, un traballo (como dicía) necesario e de xustiza.

xoves, 27 de marzo de 2025

Un álbum sobre a guerra e a continuación dunha serie

Que é a guerra de Eduard Altarriba está traducido por Moisés Barcia e publicado por Sushi Books. Da presentación editorial: "Este libro está pensado  para responder de maneira sinxela todas as preguntas que se nos ocorran despois de ver noticias sobre a guerra. Comprender como funcionan as guerras, as súas causas e consecuencias é o primeiro paso para a paz."

Para tempos escuros, de guerra e sen razón, igual o mellor é acceder a libros de coñecemento que nos enfronten a ela.  Plana a plana con deseño, texto e ilustracións moi interesantes vainos introducindo nese mal universal baixo títulos como Conflito, Quen é quen, Actores internacionais, Poder, Negociio, Armamento, Tecnoloxía, Propaganda e ciberguerra, A guerra na historia, A guerraxusta, DIH, revolución, Guerra entre estados, AGuerra Fría,Mísiles, Potencias militares,A OTN e o Pacto de Varsovia, A fin da guerra entre estados?, Como son as guerras actuais?, Intervencións militares, Como remata unha guerra?, Paz e mediación, Consecuencias dunha guerra, Informa:Corea do Norte e Dossier: Ucraína (as claves, as operacións militares).

Unha nova entrega dos Minimortos: Falso aniversario. Ledicia Costas continúa a serie, con Mar Villar nas ilustracións, e dentro do selo Xerais. Asi se presenta: "Maya está nerviosa porque se aproxima o seu aniversario. Cando chega o día, os Minimortos prepáranlle unha festa sorpresa onde non falta de nada, mesmo hai uns impresionantes fogos de artificio que preparou Dinamito no seu laboratorio. Vai ser un aniversario imposible de esquecer, sobre todo porque o Outro Barrio aparece ateigado dunhas eirugas de luz que formaban parte do espectáculo pirotécnico. A luz que emiten é insoportable e todo o mundo está enfadadísimo, ata o punto de que alguén denuncia a Dinamito e a Policía Esqueleta lévao preso. Que poden facer os demais Minimortos para axudar ao seu amigo? Conseguirán liberalo?" A historia é contada por Curuxa, a ave viaxeira entre mundos. 

Os minimortos fan bromas bastante pesadas, son un tanto inconscientes das consecuencias dos seus actos o que esta vez lles vai traer problemas porque Dinamito vai ser detido e levado á prisión. Daquela os seus amigos van liberalo, para iso terán que atravesar o Bosque das Calamidades e utilizar todosos seus recursos.

Os marabillosos nomes de Petunio (que adora coidar as flores do seu xardín e finou cando lle caeu na cabeza un testo de petucias dende a altura dun quito piso), Maya (a nena alérxica ás abellas que morreu despois de botarlle unha pedra a un panal e come flores desesperadamente), Dinamito (o apaixonado á ciencia e os inventos que morreu saltando polos aires nun experimento), Penoso (o oso de peluche que morreu de pena cando o deixaron abandonado) e Pochiña (a que vai dunha noutra enfermidade ata non saber a causa da morte pero adora os relatos de medo)