Iso fai El Hematocrito: recoller os personaxes de sempre e poñelos a facer outras cousas. Xa leva varias entregas: Axente Riciños, Feliz feroz e agora a continuación en O lobo con botas. Xa non se trata de cambiar a personalidade dos personaxes senón tamén de mesturar uns contos con outros. Lembramos que o pequeno lobo é pacifista e o que a el lle vai é facer pasteis, de tal maneira que remata montando unha pastelaría. O seu tío que abandonou a ferocidade pola convivencia co sobriño e montou unha xastrería, que é un fracaso porque os animais prefiren ir espidos.
Tío Lobo vai descubrir, de novo, a través do pequeno lobo, unha maneira de superar o problema. Cada peza que lle poda colocar ao gato con botas será un éxito. Un traballo de publicidade e marketing, merchandising, un negocio que terá que dividir co Gato igual que se fai sempre cos deportistas anunciadores, pero mentres todo isto sucede quen se enfronta ao xigante é o pequeno lobo que quedou sen amigos porque todos eles andan cargando con obxectos e esquecéndose de xogar.
O consumismo paira sobre o libro, pero tamén a idea de que non hai maneira de divertirse con moitos xoguetes, o bo é xogar cos amigos e compañeiras, ou non?
Pena que El Hematocrito teña este nome e escriba en castelán; está visto que non se pode ser perfectos, a pesar de ser d´A Coruña.
Ningún comentario:
Publicar un comentario