sábado, 12 de xaneiro de 2019

Libro ganador do I Certame de textos teatrais Roberto Vidal Bolaño 2018

O Certame de textos teatrais Roberto Vidal Bolaño foi convocado pola editorial Galaxia e o IES Ribeira do Louro.
Estes premios convocados por institutos están a chamarnos a atención. Estamos nunha situación tan débil, que terán que ser o centros de ensino os que convoquen premios que saquen á luz textos? Lembremos que nesa situación está tamén o de Relato de Aventuras Avilés de Taramancos (convocado pola revista A casa da gramática do IES Virxe do Mar de Noia e o concello).
Tamén nos sorprenden aquelas outras convocatorias, a nivel galego, coma o Certame Escolar de podcast e relato radiofónico Xosé Mosquera Pérez (o Vello dos Contos).
Ao que iamos... o premio de textos teatrais RVB foi acadado por Fernando Castro Paredes coa obra de teatro A derradeira bala.  
Un xoguete tan absurdo como a guerra que é o seu tema. 
Unha traxicomedia cuns diálogos marcados pola retranca e a ironía, dise na presentación editorial.
Poucos personaxes: Luciano Cardone, as xemelgas Ramírez (Michelle e Mabel) o sarxento Unamuno e a comandante Cienfuegos. Alguén que toma a decisión de abandonar a guerra, os que o acusan de traidor, a dúbida de se o inimigo está aínda aí, detrás da outra barricada ou o silencio é a mostra de que xa a guerra rematou e... para fusilar ao desertor ou para facer a guerra só queda unha bala, a derradeira.
Riámonos da guerra, mentres nos deixen!


.

Ningún comentario:

Publicar un comentario