Se algo definiu ao autor ao que se lle dedican as Letras Galegas deste ano foi a humildade. Esa tamén é a súa ensinanza: unha vida humilde (que aínda así foi reprimida "cando chegaron os malos"), unha obra froito dun traballo constante e entregado (nos campos da xeografía, a historia, a historia da arte e a etnografía) e unha actitude humilde coa que se enfrontou a todas as circunstancias.
Cando lemos o seu discurso de ingreso na RAG, en 1951 "Quero en primeiro lugar agradecer o inmerecido honor que se me fixo nomeándome para vir ocupar un posto que non merezo. Fago esta sincera afirmación con profunda dor pois ben quixera traer aquí, neste intre solemne, de viva emoción, unha obra cumprida, guía segura de activas manifestacións culturais. Non teño no meu haber máis que boa vontade, e falto doutros méritos, pídolles que perdoen a quen me nomearon e teñan para min unha indulxencia total". Ben é certo que ía ocupar a cadeira de Castelao e iso impón, pero tamén que outros se terían sentado nela sen o menor pudor.
Don Antonio como sempre lle chamamos as súas alumnas, tamén mantiña esa actitude de humildade franciscana cando nos trataba e nos ensinaba, ás veces cunha pregunta, como a que me fixo no exame de ingreso, cando debía contar eu con dez anos e despois de estudar os ríos de España con afluentes e as cordilleras de máis alá, me mirou e dixo: como se chama o río da túa aldea?
Esa pregunta chega na década dos sesenta.
Coma ese río e o seu nome, así de humildes eran os estudos e ensinanzas, a súa maneira de exercer as responsabilidades que lle corresponderon no Seminario de Estudos Galegos ou no Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento, no Museo do Pobo Galego... un museo tan humilde coma el a pesar da súa grandeza. Porque a humildade é unha actitude fronte á soberbia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario