Ledicia Costas ganou por segunda vez o premio Lazarillo. Primeiro fíxoo con Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta e posteriormente, no 2017, con esta novela A balada dos unicornios.
"A Escola de Artefactos e Oficios acolle os mozos e mozas máis brillantes. Son capaces de crear casas motorizadas, sombreiros voadores e outras proezas abraiantes. Ágata McLeod é unha das mellores alumnas, pero hai moitas cousas que descoñece da institución... e do seu pasado. A inventora terá que viaxar á orixe do mundo nunha travesía ateigada de aventuras e perigos.Fantasía e ciencia mestúranse nunha loita sen cuartel que enfronta corvos e unicornios", dise na presentación editorial.
A loita entre os unicornios e os corvos; dúas maxias, a de Wendy, a raíña albina, e a de Cornelia, a directora da escola. Un tratado de paz asinado hai trinta anos que dá as súas últimas bocanadas. Finais do XIX en Londres, Jack o destripador, facendo das súas, e no medio eles: "Unha humana mecánica, un robot e dous irmáns de sangue máxico. Non sei como criaturas tan distintas poden quererse tanto" confesara un dos irmáns.
Unha fantasía a proba do divino e o humano, Unha tatuaxe que muda avisando á protagonista dos perigos que corre. Un robot que sente (ámote, da única forma que o poden facer os robots, inexplicable!). Os nenos amputados... "Todos os nenos amputados tiñan un don. Unha calidade que os facía brillar e ao mesmo tempo os convertía en diferentes. Mais un don pode acabar sendo unha verdadeira condena se non sabes manexar a túa propia luz" O Planeta dos Nenos a onde levar a aqueles que non teñen quen os coide. E... o amor, o amor é unha engurra no corazón, algo que nos volve vulnerables.
Unha novela homenaxe á revolución industrial e a fantasía, aos vellos clásicos, a Alicia e Roald Dahl, á diversidade en todas as súas formas e ao amor en todas as súas vertentes. Unha novela que ha ter continuidade
Ningún comentario:
Publicar un comentario