Os contos da avoa Pepa de Francisco X. Fernández Naval, publicados por Kalandraka e ilustrador por Manolo Figueiras, acaban de aparecer na rúa.
De novo, Fernández Naval opta por ilustradores pouco habituais, xa o fixera por Alí Alí nun conto anterior, agora faino con Muíños, un pintor ao que non lle coñeciamos traballo para a infancia.
Os relatos son contos da memoria. É ir acompañando á avoa Pepa e á súa memoria, ir recolléndoa para devolverlla, porque ela anda a perdela. Unha enfermidade négalle as historias do pasado, a ela que sempre os contou. Así que o autor non só conta as historias de avoa (con tanta dozura como autenticidade; como se nota!) senón tamén todas as que ela contou ao longo do tempo e que eles lle contan agora para darlle un fío ao que agarrarse. Un fío como o de Ariadna, co que saír do labirinto, unha historia que nos remite a outras e á enfermidade destes tempos. A enfermidade do "olvido" á que se refería García Márquez en Cien años de soledad, pola que acabaremos poñéndolle o nome á vaca e tamén: dá leite e con el faise o café con leite para o almorzo.
Recobrar a memoira da avoa Pepa, salvala, e ao tempo, salvar tamén a memoria dun mundo que está a desaparecer, o dos contos de tradición oral ou o dos xogos transmitidos de avoas a netos.
Unha historia triste que lles vai gustar aos lectores e lectoras e que entenderán -como o facemos nós- como unha homenaxe á avoa dos contos.
Grazas por tratar este tema con tanta delicadeza!
Ningún comentario:
Publicar un comentario