Compostela queda na casa ofrece alternativas para estar no fogar.
Todos os recursos dispoñibles vinculados a programas do Departamento de Lingua do Concello de Santiago están na súa web: delingua.santiagodecompostela.gal. Actividades para horas de ocio como:
- ATOPANDO COMPOSTELA (atopando.santiagodecompostela.gal).
Trátase dun xogo en liña para coñecer a riqueza que encerran os nomes
de lugar mentres nos movemos virtualmente polo municipio compostelán.
Para xogar en grupo ou individualmente, na casa ou a distancia.
- CONTO VIAXEIRO (contoviaxeiro.santiagodecompostela.gal).
Libros dixitais escritos e ilustrados colectivamente dende as aulas dos
centros de Santiago, historias en vídeo e máis propostas para facer na
casa con nenos e nenas de primaria.
- ENREGUÉIFATE (enregueifate.gal).
Destinado á mocidade, co obxectivo de encher a rede de regueifas e, ao
mesmo tempo, preparar algunha para a convocatoria do certame deste ano.
Tamén están os vídeos dos participantes en edicións anteriores. E para o
profesorado que está a traballar co alumnado a distancia tamén se
inclúen propostas didácticas.
- YOUTUBEIR@S (youtubeiras.gal).
Creatividade audiovisual en estado puro e sen límite de idade. Os
saberes, as ideas ou ocorrencias, as creacións musicais... teñen unha
comunidade youtubeira en galego. Dende a páxina deste proxecto podedes
ver o moito que deron de si as edicións anteriores e ir preparando,
mesmo con consellos e titoriais, o material para concursar este ano.
- APEGO (apego.gal). Para as parellas que están agardando un bebé, propoñemos, que visitedes a páxina apego.gal.
Nela atoparedes información sobre o ben que lles fai falarlles en
galego aos vosos fillos e fillas en galego, dende o berce; e recursos
para apoiar a crianza en galego, ademais de propostas de nomes. Os que
xa son pais dun cativo ou cativa, a través da sección "recursos" poden
atopar arrolos, recitados, xogos, etc. Unha porta aberta a un mundo de
propostas, entre as que hai unha ampla selección de música, series, ou
ligazóns a páxinas sobre recursos infantís. Todo está en apego.gal/outros-recursos.
No apartado de descargas desta páxina pódese atopar unha chea de
material para imprimir na casa e usar cos vosos nenos e nenas. Por
exemplo, "De como se chaman" inclúe bits para aprender xogando os nomes
das cousas do universo infantil e máis unha selección de animais que
podemos atopar calquera día de paseo polo noso medio natural. E "Das
cousas do tempo" contén os elementos para construír un almanaque diario,
co que aprender números, nomes dos días, dos meses, das estacións, o
tempo meteorolóxico..., e tamén un pasatempo para ir familiarizándose
coas horas e os reloxos.
Departamento de Mocidade
Pola súa banda, o Departamento de Mocidade, a través dos seus perfís
oficiais en redes sociais e os perfís do Centro Xove da Almáciga lanzou a
iniciativa #CompostelaCreanaCasa para animar á mocidade
creativa de Santiago a compartir o seu bo facer en música, poesía,
ilustración, pintura; sempre cunha vocación lúdica e formativa. A acción
leva en marcha dende o venres e xa acadou máis dunha decena de
participacións.
As persoas interesadas en participar poden poñerse en contacto coa Concellería de Mocidade en Facebook , Twitter ou Instagram e enviar o seu vídeo a través de sistemas para compartir contidos como WeTransfer, Dropbox ou Google Drive.
O Centro Xove ofertará diferentes plans, contidos e mesmo cursos durante
o estado de alarma. Ofrecen unha proposta diaria con luns culturais,
martes de faladoiro, mércores de artes, xoves de encontro e venres en
liña, cun curso de iniciación á guitarra incluído. A información sobre
todas estas actividades pode consultarse na web centroxove.com, en concreto no apartado #euquedonacasa, pero non sen plan!.
Compostela Cultura
A Axenda C, de Compostela Cultura, difunde semanalmente distintas actividades para todas as idades e gustos. Propostas como Rede musical,
con obradoiros e actuacións en directo de distintos artistas, entre as
que se atopan gravacións da Real Filharmonía de Galicia e da Banda
Municipal de Música de Santiago de Compostela. Ou como Ler en liña e liñas para ler, unha proposta a través da cal se pode acceder a Galicia le,
a plataforma de préstamo de obras en formato electrónico, pertencente á
Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, que permite ler sen saíres da
casas.
Outra opción para pasar o tempo de ocio é Palabras en rede, na
que se pode acceder a creacións narrativas e poéticas de distintos
autores. Dende aquí tamén podes acceder ao salón virtual que puxo en
marcha o Salón do Libro de Pontevedra, con contos, cantigas, obradoiros,
malabares, kits de supervivencia poética, etc. E aos recursos de kalandraga.tv: contos contados e cantados, vídeos musicais, entrevistas con ilustradoras e ilustradores e animacións de libros.
Outras das iniciativas incluídas nesta proposta é o Festival Atlántica de Narración Oral, con contos para toda a familia dos que e pode gozar a través de Facebook ou Youtube. E os eventos que está a pendurar Hay festival, un dos socios do Auditorio de Galicia no proxecto Wom@rts. Cada día, a organización do certame pon en aberto conversas entre figuras destacadas da literatura mundial.
A cuarta proposta da Axenda C é Na punta do pé, un
obradoiro de baile con perspectiva de xénero co que a xente de
Ardelloeixo amosa distintos modos de bailar e de pensar o baile. Tamén a
través desta canle, podemos atopar Un punto ao día con Luís Prego,
unha serie de vídeos nos que este bailarín nos ensina puntos de baile
galego, para que vaiamos practicando, o mesmo que outro bailarín,
Antonio Prado.
E a quinta proposta vai de cinema. Novo cinema galego, o Arquivo das
Novas Prácticas Cinematrográficas na Galicia, o colectivo Crea
(Asociación Galega de Profesionais da Dirección e a Realización) e os
organizadores da Mostra internacional de Cinema Galego que tiña que
celebrarse esta semana, poñen a disposición das familias distintos
filmes, así como arquivos con textos académicos e divulgativos sobre o
sétimo arte, aos que se pode acceder a través do apartado E ti que ves? da Axenda C. A Axenda C conta cun boletín que informa da oferta cultural da cidade, e no que as persoas interesadas se poden suscribir.
Alguén que respira
O festival de poesía Alguén que respira, organizado polo
Concello de Santiago, foi cancelado fisicamente, pero non virtualmente O
completo programa de recitais pódese escoitar na web alguenquerespira.gal.
Poesía contra a violencia, poesía contra o confinamento, poesía contra a
intransixencia ou poesía de confinamento, na voz dos seus propios
autores.
Área de Deportes
A empresa Xade, que xestiona o Multiúsos do Sar e o complexo deportivo de Santa Isabel, habilitou na súa web, multiusos.net, o apartado Euadestronacasa,
no que as persoas deportistas poden atopar vídeos titoriais de clases
en directo, e as familias poden manterse en forma sen saír da casa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario