martes, 26 de maio de 2020

Poesía, sempre necesaria

 
De vez en cando hai que volver a ela. Reconfortarse, por exemplo, con O cuarto das abellas de Antía Otero. Reler uns versos...
"Non quixera morrer
sen antes imaxinar o enterro
a roupa coa que vestirán 
o estado do corpo
as mans do maquillador
cubrindo as causas do desastre 
a posibilidade que dista entre a provocación
e o azar.
(...)
Non quixera morrer
sen que unha muller paxaro
lene coma un vimbio
cante no meu oído agudos
aos que nunca puiden chegar
malgastar con Ela pólvora fina en pardais
e por un intre vivir por riba do posible
na nosa honradez de familia numerosa que
reciclou tódolos polos do curral para facer croquetas
e vestiu
toda a roupa dos irmáns maiores que nos precederon.
Non quixera morrer
sen colocar por orde os meus amantes
abrazalos pasándolles as mans polas engurras
sendo parte delas
anaco
dos seus músculos brandos e canas  quizais tinguidas
de tapicería dos seus coches
dos fillos fillas mascotas esposas que non son eu
nesta cama que constrúo para arroupalos a todos
na escusa de telos preto e darlles as boas noites
(...)"

Ningún comentario:

Publicar un comentario