O mundo máxico de Lía de Eduardo Santiago, ilustrado por Marcos Calo e publicado na colección Merlín.
Lía é unha nena de dez anos que só fala con súa nai e que nunca chora. Seu pai é un maltratador, un home en situación de paro e afogando os seus fracasos en alcohol.
A historia cóntasenos en primeira persoa, faino Lía introducíndonos no seu día a día de rapaza acosada na escola, incomprendida e desprezada polo pai, que só atopa consolo na nai, que é presentada como unha muller moi especial que defende todos os valores cos que podamos soñar. Lía necesita traballar a súa autoestima, máis alá da relación coa nai, e para iso aparece Glok, o seu mellor e único amigo, un trasno co que comparte absolutamente todo e que lle vai avisando dos riscos.
Glok leva con ela catro anos, xusto os mesmos nos que o pai se descontrolou. El avísaa cando debe fuxir da casa, onde debe agacharse para que o pai -feito un monstro- non a descubra despois de ter golpeado a nai. Con Glok entra no mundo subterráneo, o mundo da maxia, ese que está nos bosques e debaixo das cidades. Aí entran os dous, para que Lía poda superar as probas e saír forte, capaz de enfrontarse ao mundo real.
O labirinto, os demos e as ratas, os pasadizos que atravesan o mundo da superficie, descubrir quen é un monstro ou quen ven sendo o líder das ratas, o poder das palabras especialmente dos nomes... todo iso aparece envolto nunha historia que me conduce a un punto no que quero determe e é a mala consideración que se ten das "chaponas" e que pode levar a certa demagoxia que anime á rapazada e non ser coma elas, coma as que traballan e estudan, como as que cumpren coa súa obriga. Sae aquí como podía ter saído en moitas outras historias, pero creo que é chegado o momento de denunciar esa minusvaloración posta na boca da cativada.
Ningún comentario:
Publicar un comentario