mércores, 7 de outubro de 2020

Un novo libro da colección "A igualdade conta"


Prefiro as dechocolate de Cristina Justo, ilustrado por MaríaBrenn, na colección “A igualdade conta” de Embora edicións.  Dous xemelgos van nacer: unha nena e un neno, Icía e Xiao.
Imos seguíndoos dende a barrigola de mamá ata que cumpren seis anos. A distribución de cores, xoguetes e expectativas por sexo, aparece unha vez máis, pero con eles non se cumpre, porque semella que medran dándolles a contraria aos estereotipos. A Icía gústalle correr, é moi activa, quere ser piloto de avións e, de preferir unha cor, será a verde; Xiao é tranquilo, quere ser mestre e debuxar paxaros, a súa cor preferida é o violeta... o mesmo pasa cos xogos da tableta, ela prefire os de carreiras e el case prefire o de maquillaxe.
Pero, resulta penoso e demasiado duro que a rapazada teña que seguir a enfrontarse coa publicidade e os roles que unha parte moi conservadora da sociedade lles ten asinados.  Son boas horas da liberdade, de que cadaquén escolla libremente e incluso poda ter un par de xemelgos sen necesidade de alianza no dedo anular. De paso, déixase caer a necesidade de medir o tempo dedicado ás pantallas, porque as de chocolate tamén están moi boas. Combinar o de antes e o actual, defender unha ecoloxía a todos os niveis que o mesmo conserve a natureza que as linguas...
Si, estamos no tempo de facer algo para mellorar o mundo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario