X. H. Rivadulla Corcón escribe Cando soa a buguina que ilustra Viki Berre e publica Xerais na colección Merlín.
Unha obra ambientada en Muxía para tratar unha historia, que se nos conta en primeira persoa por parte dunha nena que acaba de perder ao seu pai no mar. Toda a novela é a dor desconsolada que se personaliza na rapaza e se estende ás mulleres da casa: a irmá maior, a nai e a avoa (tamén viúva de mariñeiro).
A Costa da Morte retrátase con toda a crueza nesa espera que vai perdendo a esperanza do retorno ata que xa deben despedirse desa ausencia sen defunto. Dura, non sei se excesivamente dura; a nena acaba facéndose moza do seu mellor amigo e non sei se isto se considera que abranda a historia, pero se pensamos que en toda obra infantil debemos deixar unha físgoa de esperanza, neste caso non o hai agás que se asuma que non é necesaria neste lugar, entre esta xente xa acostumada a agardar a que o mar devolva os corpos que leva.
A ambientación compleméntase cos lugares que se citan e cos poetas da zona ou que teñen relación coa zona e que van pasando polas páxinas: Fernández Naval, López Abente, Alexandre Nerium, Xurxo Souto ou o músico Pazos de Merexo.
En canto ás ilustracións, están ben escollidas a que se coloca na cuberta e a que vai permitir un marcalecturas, pero eu pediría un pouco máis de coidado na realización das mesmas para non dar pasos atrás no que xa temos avanzado.
Ningún comentario:
Publicar un comentario