domingo, 18 de outubro de 2020

Vai de bicos

 
Hai algúns libros que os levan no título: Bicos de Xosé Vázquez Pintor, O libro dos bicos de Xosé Luna, Bicos e non balas de Antonio García Teijeiro, Luces, bicos e cores de Concha Blanco, Unha manchea de bicos de Antonia Ródenas, Pápote a bicos de Carmen Gil, Bicos de prata de Fina Casalderrey, Nin un biquiño á forza de Marion Mebes, Bicos de música (libro con CD) de Mamá Cabra, Bicos de sol de Asun Estévez, De que cor é un bico? de Rocío Bonilla, Un bico para Osiño de Helse Holmelund, Ningún bico para mamá de Tomi Ungerer ... e agora chega Unha fábrica de bicos de María Canosa, publicado por Xerais e ilustrado por Dani Padrón
Unha fábrica de bicos é o que lle explican a Mindi que temos cando ela se nega a dalos. A verdade é que a ela non lle gustan , nadiña, fai esforzos para recibilos pero négase a dálos. A nai insiste en que non podes dicir que non che gusta algo que nunca fixestes, ela proba... pero non lle saen, igual é que a súa fábrica aínda non funciona. Nun momento determinado, ante un paxariño ferido pasa o inesperado, porque os sentimentos son así... non hai que buscalos, só agardar a que suceda. 
Moi ben tratado o tema, tanto por parte da autora como do ilustrador. Unha temática pola que hai que andar con pés de chumbo (porque o perigo está en que un determinado banco se poña a falar de emocións e a educación o escoite; neste mundo de contradicións evidentes hai que andar con tino porque os cegos están de moda)
Un bo agasallo, especialmente para toda esa cativada que aínda non ten en funcionamento a máquina, pero tamén para todas e todos os que fabrican bicos como churros e queren repartilos para que non se perdan.

Ningún comentario:

Publicar un comentario