mércores, 26 de febreiro de 2025

Novidades de Kalandraka

 


Quero andar sen rodiñas de Tobias Giacomazzi traducido por Xosé Ballesteros e publicado por Kalandraka.

Da presentación editorial: "Un divertido álbum sobre o crecemento e a resiliencia. Rino xa non é un cágado e aprendeu a andar en bicicleta. Con todo, non está contento. Quere ir sen rodiñas e manter o equilibrio como o señor Renato, que leva o xornal debaixo do brazo, como a señora Adela, que carga coa compra sen caer, ou como Laureano, o carteiro, que reparte o correo por toda a cidade… Unha historia sobre a importancia da vontade e da resiliencia como elementos fundamentais no proceso de aprendizaxe e de crecemento, aínda que tamén sobre a relevancia da axuda colectiva e da solidariedade. Esta obra, traducida por Xosé Ballesteros, foi finalista do XVII Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados." "Unha proposta orixinal e chea de humor sobre a importancia da vontade e da resiliencia como elementos fundamentais no proceso de aprendizaxe e de crecemento." 

Un mundo de animais, unha cidade moi ben organizada arquitectonicamente, unhas imaxes moi limpas, un pequeno que quere andar na bici sen rodiñas igual que... o señor paxaro que incluso leva o xornal debaixo do brazo (e sen dicilo tamén carga unha gaiola, a propia?), unha señora que leva a compra (e, sen dicilo arrastra un carro de bebé), o avó que ten unha bici cunha roda enorme, o carteiro que reparte o correo dende a bici, o ciclista que vai a toda velocidade ou o pallaso que nunha roda vai sobre unha corda no circo (sen contar con que un rato lle roe a corda). Despois de tanto insistir quítanlle as rodiñas ... un accidente que o fai chorar. Na seguinte páxina aparecerá rindo, cal é o segredo? Teredes que ler o libro para coñecer a solución. Seguro que vos encanta!  

Un álbum enriquecido pola cantidade de datos que nos achegan as ilustracións moito máis alá dos textos.

Un libro que nos leva a outro: Veña avoa! de Gilles Baum publicado por Cumio, daquel día no que a avoa decide quitarlle as rodiñas á bici da neta.


Ningún comentario:

Publicar un comentario