Sei cantar e sei bailar de Eva Mejuto está ilustrado por Lucía Cobo e publicado por Xerais en formato grande de tapas duras.
Da presentación editorial: "Un fermoso álbum ilustrado para
homenaxear a todas as
mulleres anónimas que teceron, amaron e transmitiron a nosa música, poesía, lingua e
cultura ao longo dos séculos." "Enfiando un ronsel de cantigas, muiñeiras, maneos e xotas, Sei cantar e
sei bailar segue a pegada das viaxes de Dorothé Shubarth por Galicia.
Neste álbum ilustrado acompañaremos a musicóloga suíza do Courel á Costa
da Morte, recollendo as voces das mulleres que mantiveron viva a faísca
da lingua no seu cantar.
Tocaremos coa pandeireteiras de Mens, cantaremos con Adolfina e Rosa
Casás e bailaremos con Eva Castiñeiras para homenaxear a todas as
mulleres anónimas que teceron, amaron e transmitiron a nosa música,
poesía e cultura ao longo dos séculos. Elas todas son as homenaxeadas no
Día das Letras Galegas 2025.
O álbum, con texto de Eva Mejuto e ilustracións de Lucía Cobo, conta cun
apéndice informativo e cunha web para achegarlle á rapazada, e
traballar na aula, un petisco do amplo universo da poesía e da música
tradicional galega: a de onte e a de hoxe."
Nas capas a noite, as mulleres que cantan e bailan a modo de constelacións. Nas ilustracións as panderetas seellabn flores que nacen como remate de plantas porque a natureza está sempre presente, tal vez polo rural, porque elas sempre andaban polas aldeas e porque nelas se gardaron as cantigas e os ritmos. Dorothé é a protagopnista dunha historia coral. Busca un tesouro e vaino ir atopando nas casas destas mulleres que gardaron a tradición entre a terra quecultivaban e as estrelas que como música iluminaban as noites. Polo medio as coplas e a suíza percorrendo os camiños da patria prestada, homes e mulleres bailando.
O libro complétase con varios apartados que levan o nome de "Daquelas que cantan (e tocan e bailan), "Daquelas que recollen os cantos" e "Daquelas que seguen a cantar" para rematar cun código QR para acceder á lista de reprodución preparada para o caso.
Da presentación editorial: "Unha viaxe desde o tempo e
o lugar das pandeireteiras homenaxeadas no Día das Letras Galegas 2025
ata hoxe. (...) Adolfina, Rosa, Eva, Prudencia, Asunción e Manuela son os nomes propios
de seis das miles de cantareiras ou pandeireteiras que ao longo do tempo
crearon e conservaron unha rica poesía popular oral, que foi
transmitida de xeración en xeración. Grazas a mulleres coma elas,
chegaron a nós coplas, ritmos, bailes, contos, xogos, remedios e
costumes. Sen ese prezado saber, a música galega que escoitas hoxe en
día e a literatura que les non serían as mesmas. Por iso, esas mulleres
son as homenaxeadas no Días das Letras Galegas de 2025.
Este libro é unha viaxe ao seu tempo e ao seu lugar, durante a que
descubrirás cousas sorprendentes e coñecerás xente á que, como a ti, a
move a curiosidade."
A través dun código QR podemos acceder a un vídeo onde a autora nos introduce nesta temática. A palabra áxil de María Lado vainos levando coma un río mentres nos fala das cantareiras e de todo o que xira ao redor. En vermello aparece documentación que complementa a informacióna respecto das Letras Galegas, de Rosalía de Castro, da infancia desas mulleres ás que se lle dedican as Letras do 2025, das cantigas e dos lugares onde se cantaban, dos contos que acompañaban as noites, dos instrumentos dos que se acompañaban, dos traballos do agro e das ferramentas que utilizaban pero tamén servían para facer música, das historia de Dorothé e da súa recolleita, do cego dos Vilares, dos instrumentais que se utilizaban para gravar os cantos, das regueifas, das recolleitas e de quen as facía, do loro Ravachol, de como chega á actualidade esta música... Todo iso adobiado con fotografías que nos sitúan nas coordenadas espazo temporais e de cantigas que nos meten en tema.
Un libro de moito interese para saber máis acerca desta celebración tan diferente, na que entran varias mulleres a ese altar no que se conmemoran as Letras.
Ambos recoñecen o valor das persoas que recompilaron e entregaron o seu quefacer nas institucións públicaS como o APOI (Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade no seo do Museo do Pobo Galego.
Ningún comentario:
Publicar un comentario