A noite das bicicletas é a precuela de A filla do ladrón de bicicletas, libro co que Teresa González Costa ganou o premio Merlín en 2010.
A autora é coñecida, tamén, por Pingueiras e tarteiras (Premio Manuel Mª de literatura dramática infantil) e por Fred Quincalla, o nómade do mar. Dedícalle a obra a todas as persoas que lle preguntaban se habería continuación daquela novela; continuación igual non pero si antecedente.
Un mundo de fantasía, humor e tenrura, dise na presentación editorial. Si, un mundo especial no que a xente do circo é protagonista: a avoa Araña, o avó Saltón, a pequena Margarita que cose coa avoa, a súa irmá Pardal (estudosa das aves e narradora desta historia), Raimond (o irmán máis vello que vai sempre en bicicleta), a tía avoa Vidente, o pai escapista do que non se sabe nada, o corvo que ocupou o seu lugar, a nai... unha familia especial e un verán marabilloso. Raimond vaise namorar segundo anticipa a tía e así sucede. Unha vila con alcalde e alcaldesa imposibles e dignos de Dahl, unha familia de condes coa que queren emparentar mediante unha voda coa filla máis vella, pero as fillas non se parecen nada a eles e sucede o que ten que pasar... un amor imposible que eles viven a anacos e que vai continuar.
A autora, acada coa narración a creación dun mundo propio que nos lembra aos de Roald Dahl, con bos e malos, inocentes e parvos, xente que vive feliz con moi pouco, que se cola nas festas nas que non é convidada, que sofre as trampas dos outros pero persiste. Faranse grandes, e continuarán coa súa fama de escapista facendo verdadeiras fazañas mentres as irmás se converterán en famosas modistas e biólogas de renome. Un mundo onde a maldade non consegue vencer de todo, porque hai algo de esperanza aínda que sexa sobre unha bicicleta.
As ilustracións de Jacobo Fernández Serrano colaboran achegando ese ar un tanto surreal.










