martes, 8 de xaneiro de 2019

A literatura pegada á vida



Nestes últimos tempos caeron nas miñas mans tres libros que falan dun tema a ter en conta, o daqueles rapaces e rapazas transexuais. Tardou en aparecer esa situación nos libros dirixidos á infancia e mocidade, pero tiña que aparecer porque ela nunca dá as costas ás situacións que hai que afrontar. Porque esa rapazada tamén ten que ter modelos nos que verse, espellos nos que reflectirse e non sentirse "raros" nin fóra de lugar ou tempo...
Fixérao primeiro Eva Mejuto con 22 segundos  (o tempo que tarda o arquivo en subir á rede e contar para existir sendo quen é, porque "o distinto asusta, dá vertixe porque obriga a cuestionarse tantas cousas..."). "Unha obra que busca visibilizar, desde a empatía, un colectivo de persoas historicamente silenciadas e denigradas que loita porque as leis -e a sociedade- deixen de consideralas enfermas", tal como se le na presentación editorial. Eva abriu o camiño cunha obra poderosa que obriga a derrubar valados.
Os outros dous libros saen da convocatoria do premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade. Estivo ben que a igualdade fóra máis alá dos xéneros hexemónicos e tocaran este tema no libro gañador Fóra do normal de María Reimóndez e na obra finalista: Mamá, quero ser Ziggy Stardust de Iria Misa. Se se trataba de reivindicar o papel da muller, tamén o fan, porque as nais sempre están aí botando a man, entendendo antes ca ninguén. Nos dous libros, un dirixido á mocidade e o outro ao lectorado autónomo as protagonistas son nenas que se senten nenos, e tamén en ambos, serán os superheroes ou a figura de David Bowie as que funcionarán como horizontes de referencia para poder reflexionar a realidade ou identificarse, a secas. No primeiro deles, o de María Reimóndez é o grupo quen salva de últimas, o que axuda a que cada un atope o seu lugar e a personaxe de Mucha, unha moza disposta a defender a identidade onde e contra quen sexa a que lle dá un xiro á situación.
O epílogo no libro de Iria Misa, no que autora se dirixe directamente ao lectorado para falarlle de Bowie e do que significou para todo o diferente e igual "porque o mañá perténcelle a quen o escoita chegar". 
Nesas estamos, como dicía Héctor Cajaraville ao recoller o premio "fantasmas de luz pétanme na porta pola noite": os que estiveron antes guían o camiño   

xoves, 3 de xaneiro de 2019

Dous libros dous


A manchas o a raias? é un álbum ilustrado da autoría de Estefanía Padullés, traducido ao galego por Charo Baleirón Sóñora e publicado por Hércules Edicións. Imaxinemos dúas selvas ou unha dividida por un río en dúas partes. Dun lado do río os animais con raias e do outro os animais con manchas; cada grupo tendo medo do outro, porque o outro é sempre alguén a quen non coñecemos e que nos asusta. Ata que un día alguén atravesa o río e descubre que poden ser amigos, cruzan todos e coñecen o que hai do outro lado. 
A min lembroume aquel marabilloso de Miguel Vázquez Freire que se podía comezar a ler por un lado ou polo outro, deste lado o seu título era O neno que tiña medo dos robots e do outro O robot que tiña medo dos nenos. Conforme lías e chegabas á metade atopábaste co outro e co el o susto que non ía máis lonxe que darse conta de que uns tiñan medo dos outros e os outros duns. Así son as cousas!
Outro libro que quixera comentar é o de Francisco Castro, Iridium, publicado na colección Costa Oeste de Galaxia. Na contracuberta aparecen as asociacións Alento e FEGADACE que traballan por mellorar as condicións de vida das persoas con Dano Cerebral Adquirido  pois parte dos beneficios da venda deste libro son para elas.
Iridium é o alias de istagram dunha adolescente con este problema a raíz dun accidente. Ela esperta despois de tempo en coma e loita por ir recuperando competencias motrices e lingüísticas. Sacrificio e dificultades, un pai que se pasa de mimos, unha nai que sofre ás agachadas, un mozo que se vai con outra, a amiga de sempre que non é quen de superar estereotipos e clixés e un novo amigo (o que vai de malo pero resulta ser o máis lector) disposto a acompañala. 
Un libro no que se introducen novas textualidade como o correo electrónico ou o whasap que acompañan á narración en primeira persoa da moza.
Só queda que lelo para gozar desta historia e descubrir a razón dese título. 

xoves, 20 de decembro de 2018

Novo libro de banda deseñada

Ulf de Jacobusland. Os viquingos en Galicia de Alberto Varela Ferreiro.
Alberto Varela, o autor da serie de Anamarciana, os álbumes Brrumm, Brrumm; Lume!, Dona Landra no río revolto e as ilustracións de libros como Misterio na selva de Ngorongón, volve á banda deseñada para contarnos a historia do paso dos viquingos por Galicia. Faino acudindo á Historia para poder documentarse acompañando a historia dun mapa xeográfico e cronolóxico e dun glosario onde se recollen os nomes de deuses e personaxes, reinos e animais, lugares, batallas... que explican algo máis o que sucede no relato. Cunha estética moi acorde a ese mundo de nórdicos e galaicos, poderemos observar o paso dos tempos desde a primeira incursión ata a viaxe dun peregrino ben especial. 
Para todos os amantes das mitoloxías nórdicas, para os seguidores de Hugin e Munin, para aquelas ás que le gusta a Historia con maiúscula... para todos e todas!
Un libro publicado por Xerais

mércores, 19 de decembro de 2018

Libro premiado co Meiga Moira

As voces da auga de Ánxela Gracián, recibiu o premio Meiga Moura de Baía edicións no ano 2018.
Trátase dunha novela situada na China post comunista, nese tempo no que xa non se cre no anterior ideario e os listiños andan a facerse ricos sen importar os medios.
Un capataz que trafica cos riles dunha compañeira comunista caída en desgraza e non pon reparos no tráfico de brancas. As mulleres pero tamén os vellos e a rapazada, todos estarán en perigo ante estes depredadores que sempre teñen unha razón para querer enriquecerse, sempre hai un pai cruel, unha familia á que resarcir...  
No medio dos arrozais e a desfeita dun réxime, un vello que nun momento determinado decide salvar a unha bebé condenada a morrer por ser nena e a segunda filla dunha parella en tempos de límite demográfico. Hoxe, unha rapaza de catorce anos sen papeis, unha présa fácil para unha fera pois pódela facer desaparecer e ninguén a pode reclamar. 
Polo medio a historia dese vello que foi un rapaz adoptado pola avoa, concubina dun xeneral, que nun momento determinado ha de seguir ao pai convencido da revolución pero castigado por pertencer a esta familia. A avoa e o seu féretro, colgado do teito nos días da vida, que vai herdar o neto sentíndose culpable por non terlle dado o enterro que ela quería. Dores e amores, tempos convulsos no que acaba vencendo o peor do ser humano.
Ánxela lévanos a Oriente, igual que fixo en As palabras do silencio. Neste caso, recolle unha imaxe nada nunha das súas viaxes: "unha das aldeas un home octoxenario (...) colleume da man con amabilidade e levoume a visitar a súa precaria vivenda. Sobre a súa cama de ladrillo, colgado dunhas corda, estaba un cadaleito de madeira decorada no que, segundo me dixo, desexaba ser soterrado nunhas exequias dignas"    Unha capa desasosegante para unha novela inquietante. 

luns, 17 de decembro de 2018

Traduccións de libros clásicos para o lectorado autónomo

Os Nicolasiños, porque así lles chamamos, con esa confianza e ese afecto, porque foron deses libros que nos fixeron rir e que continúan a facelo. Aínda que as súas historias xa semellen avellentadas, porque os colexios xa non son ou non deben ser unicamente de rapaces, porque tampouco está ben visto que se pasen a vida pelexándose incluso sen consecuencias, simplemente por demostrar que non se está de acordo, porque así eran os tempos nos que vivía Nicolás, a criatura de Goscinny e Sempé, o fedello que desborda humor e tenrura. Nicolasiño é especial, pero os seus compañeiros de clase tamén: o comellón Alcestes que só o podemos imaxinar cargando alimentos e tragando, Agnan o chichi da mestra ao que todos odian ata o punto de querer levar gafas para ser os primeiros da clase e quitarlle ese protagonismo, Clotario que é o último...
Acaban de aparecer, da man da colección Oqueleo de Santillana Obradoiro dous títulos traducidos á nosa lingua: Os problemas de Nicolasiño e Os amigos de Nicolasiño. Un bo momento para relelos ou lelos por primeira vez, para demostrar que podemos rir cun rapaz que naceu alá polo 1963 e falando francés.
Reviso "Filatelias", un capítulo, e non podo deixar de rir, porque con Nicolasiño hai que deixarse ir; é a lóxica da infancia, o descontrol, o reinado do que cada un di sen ter en conta o que diga o outro, pero tamén o sentido común fóra de todo prexuízo. Non deixedes de lelo!  
Xa contamos con O Nicolasiño, Os recreos de Nicolasiño, Os amigos de Nicolasiño e Os problemas de Niocolasiño. Un bo agasallo para o Nadal, para comezar a ler e ter por onde seguir acompañando a ese pequeno ao que xa non podemos chamar "o pequeno Nicolás" porque alguén tomou o seu nome para facer algo que el bunca tería feito, nunca llo permitirían os pais.  

martes, 11 de decembro de 2018

Clásicos infantís en galego

Novos amigos de Tomi Urgerer, traducido por Sandra e Óscar Senra e publicado por Kalandraka
A historia dun rapaz e unha rapaza de diferentes orixes e etnias que coinciden como veciños e comparten moitas cousas: a creatividade, o gusto polo traballo, a reciclaxe... e unha gran amizade. O que comezou sendo un problema cando cando converten o patio nun gran obradoiro de arte lixo que será visitado pola policía, acabará nun museo... E o que comezou compartindo tempo e complementando gustos, rematará nunha grande amizade. E como sempre sucede con Ungerer, a historia rematará ben, porque ademais eles será un famoso escultor e unha poderosa deseñadora de moda.
O Nadal de Ernesto e Clementina de Gabrielle Vincent, chega a nós despois de Ernesto e Clementina perderon a Simeon da man de Kalandraka. Un oso e unha ratiña. A tenrura en estado puro. Ela quere unha festa de Nadal e el failla para convidar a todos os amigos e amigas, e aínda o máis rosmón e negativo de todos despedirase agardando volver o próximo ano. Expresividade ao máximo: sentimentos, afectos, emocións detrás de cada liña. Para agora mesmo, para Nadal!

luns, 10 de decembro de 2018

Tradición e música





"En ben vin, virivín". Cancioneiro infantil para dicir, cantar e contar. Un libro de Manuel Rico Verea con ilustracións de David Rodríguez, é unha novidade da colección Álbums de Xerais.
Este libro compendia as prosodias, rimas, recitados, fórmulas máxicas e encadeados máis representativos do cancioneiro de tradición oral infantil que nos falan do mundo dos animais e que, por seren transmitidos de xeración en xeración, están moi ligados á cultura popular e ás veces a ritos ancestrais.
O libro acompáñase dun CD no que intervén o  Obradoiro Experimental de Música Tradicional, formado por Nani García e Manuel Rico, Acompañan os textos unhas actividades didácticas para traballar con cada unha das cancións e remata o libro con cantos e contos encadeados. 
A casa do terror, un libro CD de Xoán Curiel e a banda do verán, con ilustracións de Iria Fafián e publicado por Galaxia na colección Sonárbore.. Di a presentación editorial que "A casa do Terror está chea de monstros e pantasmas que te sacarán a bailar e te farán rir e desfrutar. Ten coidado porque non desexarás saír desta aventura. Un libro CD para gañar e facer uns amigos de medo!!"