venres, 3 de novembro de 2023

Primeiras lecturas (I)

Laura e a randeeira espacial de Rocío Ovalle con ilustracións de Nuria Díaz publicado en Galaxia

Laura é un pouco vaga, de feito comeza a historia cando ela lle pide á nai que a empuxe na randeeira, pero a nai dille que ela sabe como empuxarse a si mesma, faino e consegue voar chegando á lúa e de aí sibida a unha estrela fugaz cruza a Vía Láctea chegando aos aneis de Saturno, sobe a un asteroide e alí métese por un crácter e a través dese burato atopa un pasadizo secreto que a leva á arbore da súa horta; un pasadizo poloque seguramente viaxaron todos os seus antepasados. Unha historia interesante que leva con ela os valores de autonomía, autoestima e viaxes polo universo, algo relacionado co lixo interestelar e a valentía. As ilustracións dialogan marabillosamente ben co texto.

Marceliña na cociña de Gracia Iglesias e Sara Sánchez, traducido por Vanessa López,  está publicado por Miau.

Da presentación editorial: "A jirafa Marceliña, que non sabe de cociña, quere facer unha gran cea que lle guste á súa sobriña. Xa podedes imaxinarvos a lea que se vai a armar! Os seus amigos aconséllanlle mil cosas disparatadas e a cea convértese nunha festa aloucada. Ai, querida Marceliña! Que desastre de cociña! Como o vas a arranxar? E que imos cear?!" Ela quere coidar da sobriña, como on sabe cociñar, cada animal que chega dáun consello e un ingrediente que se vai sumando á pota cunha onomatopea: glu, chop, puah, psss, plas... ata que se desborda o guiso noxento, daquela a sobriña vai buscar unha ensalada que con froita, pan e queixo a todo o mundo gustou. Un álbum ilustrado. Unha historia rimada.

mércores, 1 de novembro de 2023

Outro libro ao redor das Letras

Francisco Fernández del Riego. O home que valía por mil de Antón Mascato e Pepe Carreiro está publicado por Galaxia. Aínda que non sei ben se consideralo cómic ou un libro informativo, si, case mellor. Unha biografía contada a base de ilustracións, que comeza situando a Belle Époque con todo o que se ocultaba debaixo de tanto glamour: folgas e represión, Rexurdimento das nosas letras e nacemento de Fernández del Riego. Paso a paso imos seguindo o decorrer deste ilustre dende as súas lecturas xuvenís aos estudos en diferentes cidades, a súa situación de testemuña nos acontecementos históricos como a chegada da República, a descuberta do país en Madrid a través das lecturas, a celebración do Día de Galicia en Lourenzá con reparto de manifesto e discurso galeguista dende o balcón do concello baixo a bandeira galega en 1931. A relación con Carballo Calero, Risco, Castelao, Seoane, Cunqueiro, Otero Pedrayo, Alexandre Bóveda, Ánxel Casal con quen aprende o oficio de editor, a súa actividade nos organizacións galeguistas, sindicato de estudantes e SEG, as colaboracións en A Nosa Terra, a participación en mitins cando a campaña do Estatuto... O horror do golpe de estado e a guerra para a que é recrutado e a represión posterior cando é inhabilitado para o seu traballo de profesor na universidade de Santiago e como se reinventa en Vigo escribindo con varios pseudónimos, realizando programas en galego na BBC, creando e dirixindo Galaxia, escribindo todo o que era preciso, dirixindo a biblioteca Penzol e a RAG...   No final do libro, mentres se vai, afirma: "O Estado concede gratuitamente o dereito a ignorar a nosa lingua. É o xeito absurdo que se ten de culturizar o noso país: forzándoo a ignorarse a si mesmo." Outra lección!!!

Así se presenta: "Un home pode valer por mil? Vexamos: Paco del Riego foi membro das Irmandades da fala, do Seminario de Estudos Galegos, da organización xuvenil Ultreia, dirixente estudantil, fundador do Partido Galeguista, profesor na Facultade de Dereito, colaborador de prensa, secretario de Actas da Comisión para o Estatuto de Autonomía, conferenciante, crítico de arte, fundador de Editorial Galaxia, preso político, secretario do Partido Socialista Galego, director de Artes Gráficas Galicia, editor, director da revista Grial, académico e presidente da Real Academia Galega, director da Fundación Penzol, escritor, divulgador, coleccionista de arte, bibliófilo… E aínda tivo tempo para gozar da vida. Pois si, semella que Francisco Fernández del Riego foi un home que valía por mil!"

Un bo traballo de dous magníficos creadores, ao servizo das Letras, da cultura do país e da memoria democrática.

luns, 30 de outubro de 2023

Aí vén o samaín (II)

Máis libros relacionados co samaín...

Bromas na escuridade, o marabilloso A casa enmeigada  que se fai acompañar de fiestras aos monstruoso e ruídos aqueloutrantes, libros en bilingüe galego inglés Os vampiros non existen ou As dúas meigas, libros de personaxes terroríficos (O pequeño vampiro, Violeta quere ser vampira, 1 2 3 vampiro ti es, Onde viven os monstros, Somos os monstros, Carabuñas, A min non me comas!, Queda sitio na vasoira?, A bruxa regañadentes, O manual das bruxas, A bruxiña que era boa, As bruxas, Palabra de bruxa... E falando de bruxas habería que pensar en todas as series de bruxiñas que van aparecendo, por exemplo na editorial Cumio na colección Meigas ou Malvarina. A Colección O baúl dos monstros con todos eles: O monstro do armario, O esqueleto, O ogro, O zombi, A pantasma, O home do saco e O home lobo.

Falando de difuntos... Contos no nicho de varias autorías, publicado por Alcaian.

As series como a de Martiña de Bárbara Catini, publicada por Hércules cos títulos Unha historia para esmendrellarse de risa, Unha sorpresa maravillosa, O amigo pantasma, Un curmán repugnante…

 Os libros de Jack Mircala, o mago da ilustración con papiroflexia. Del son  Pánico no bosque dos Corazóns Murchos (Nos arredores de Malvadia existe un inquietante bosque onde habitan as Criaturas Pánicas. Estrañas, horrendas pero inofensivas criaturas que endexamais durmen e, capitaneados polo violinista Fastido, asustan os días de todos os habitantes da aldea, menos de Bladis, unha pianista que axudará a Fastidio e os Pánicos a cambiar as súas vidas.), Baixada á esquela (Dante, un mozo soñador, enfrascado na escritura de contos de aventuras, morre mentres trata de concluír o último capítulo da súa máis romántica e fantástica narración. A súa amiga Corintia atopa no manuscrito, que o conto de Dante non está concluído e relata unha fatídica peripecia que agarda ao pobre espírito do raparigo tras a súa morte: o seu secuestro e escravitude nun lúgubre sub-mundo chamado Necrolóxica. Corintia tratará de rescatalo e liberalo así do castigo máis cruel: a Inexistencia) ou Lóbrego, Romance, Pálida Pantasma (ruídos e voces doentes, lendas de antepasados, retratos de tristes rostros, espectros namorados, unha ciénaga apestada e mesmo un bico envelenado. Contos rimados que nos trasladan a un mundo romántico dominado por paisaxes impenetrables, cantís escarpados, encantos eternos e todo cun halo de melancolía ao que non é alleo o imaxinario da literatura gótica, a estética do XIX, o expresionismo, a influencia de Gorey e Burton, así como das súas particulares técnicas.

E acabado de saír do forno...

Sibila e a monstruosa festa do Samaín  de Marta Lado. Da presentación editorial: "Unha historia sobre os medos. Nace, por unha banda, do pánico dunha nai a transmitirlle á súa filla os medos herdados e, pola outra, vén da reflexión sobre a necesidade do medo nas crianzas como mecanismo de protección e de formación da propia personalidade. É, tamén, unha historia dos  monstros do ideario popular tradicional cun chisco de humor".

venres, 27 de outubro de 2023

Aí vén o samaín (I)

Chega o samaín e con el as lecturas de medo (ou non tanto) para o que lembraremos algúns dos textos ad hoc:

O noso samaín de Galaxia

Indo para o Samain de Sabela e Carlos Labraña

A serie dos Minimortos, Vampira de biblioteca ou Esmeraldina, a pequena defunta e Escarlativa, a cociñeira defunta de Ledicia Costas, publicados por Xerais.

Publicados por Kalandraka: Os esqueletos divertidos1 2 3 vampiro ti es, Sete monstros e un gato... Este último acaba de chegar ás librarías, con texto de Rafa Ordoñez, coas ilustracións características de Christian Inaraja,  traducido por Xosé Ballesteros para a colección Demademora. Un conto de mostros, acuulativo ou máis ben restante pois os monstros vanse perdendo de un en un ata queda o gato soíño, disposto a loitar contra todo tipo de perigos ata que baixo a tormenta volve á casa, cea a carón da chimenea e ponse a ler un libro, sabes cal vai ser?... Ese mesmo! para que o conto non tiña fin.




mércores, 25 de outubro de 2023

Monstr3s de Laura Parrula e Óscar Villán

Monstr3s de Laura Parrula e Óscar Villán é unha boa historia que nos fala dos medos, do temor ante "o outro", o descoñecido ou descoñecida e a amizade que salva todas as dificultades.

O pai ou a nai, arroupa e despide ao pequeno ou á pequena, un ten medo do que hai debaixo da cama, outra do que hai enriba da cama e outro ao que hai fóra do armario, as conversas son marabillosas de tan doces:

"Como cada noite, chega a hora de durmir

- Boas noites, meu amor.

- Boas noites, papi.

-Lavaches os dentes?

-Si!

-Gustouche o contiño?

-Si, moito!

-Pois agora, a durmir!

-Vale, pero deixa a luz acesa porque teño medo do monstro de debaixo da cama.

-Eu deixo, pero ti durme tranquilo, meu ben, porque debaixo da cama sabes que non hai nada de nada. 

E cun bico na fronte o pequeno quedou pracidamente durmido. "

E o final: grandioso, de verdade!!!!  Non vos apetece lelo despois deste bocado?

domingo, 22 de outubro de 2023

Un cómic de Queipo & Primitivo

 

O paso do Noroeste de Queipo & Primitivo é unha boa banda deseñada desas de debuxo clásico, só coas elipses necesarias, e branco e negro, publicada por Galaxia.

Preséntase así: "No século XVIII un buque francés ao mando do capitán Duchesnoy inicia unha épica travesía na procura do mítico paso do noroeste, unha ruta entre o Atlántico e o Pacífico a través do Ártico. Un relato pleno de aventura, emocións, descuberta e coñecemento."

Unha novela gráfica que bebe da novela do mesmo título coa que ganou o premio García Barros en 1996.  Expedición científica, a honorabilidade dos antigos capitáns que levan unha carta sen abrir ata chegar a un lugar determinado e alí, ao lela descobren que as ordes levan outra dirección e a misión cambia, pero máis alá de todo iso está o naufraxio e a volta a Europa para atopar que o mundo cambiou e xa non hai lugar para alguén coma o capitán Duchesnoy.

venres, 20 de outubro de 2023

Novo premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola Igualdade

O novo premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola                    Igualdade acaba de publicarse.

 E que vai ser? de Adelaida Vidal, ilustrado por María Montes e publicado por Baía. Despois de A reconquista e Vermella, de O país do Gran Furado e A pita xefa, chega agora E que vai ser?

Así se presenta:"Unha bebé escoita desde o inicio da súa xestación como a nai ten que responder da forma máis sorprendente a familiares e amizades as preguntas que lle fan sobre que vai ser ela unha vez naza. Tanto importa? Obra gañadora do IV Premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola Igualdade (2023), polos motivos que indica o xurado: E que vai ser? é unha historia divertida, contada en verso, que posibilita o diálogo entre a familia e as crianzas nas primeiras idades.
Empregando maxistralmente a linguaxe inclusiva e facendo un hábil uso do humor e a retranca, esta obra fainos reflexionar sobre os estereotipos de xénero que proxectamos nas e nos bebés desde o momento da concepción. Cun final inesperado, E que vai ser? mantennos ao longo das súas páxinas un sorriso cómplice e esperanzado que nos fai repensar como nos enfrontamos aos estereotipos antes mesmo de nacer e lembra que somos persoas e non tanto xéneros."

As ilustracións achegan unha riqueza que parte da imaxe ao pé da letra para avanzar nun imaxinario propio de adobíos e telas, plasmación visual de metáforas, asociacións e introdución de novos personaxes, un mundo propio e recoñecible no que a imaxe dese bebé do que non sabemos o sexo se proxecta en cada páxina, o peluche aparecendo cando a nai lle di "Que ganas de coñecerte!". So daquela, cando remata o conto sabemos que é unha nena, pois a linguaxe foi tan escollida que en ningún momento o puideramos adiviñar.