venres, 13 de decembro de 2024
De educación afectivo sexual
Divídese en varios apartados: Na escola, nos espazos públicos e na intimidade para rematar cun listado de contactos útiles. Analiza os estereotipos de xéneros e as discriminacións así como o acoso e as redes sociais, que facer antes exhibicionistas e cando es vítima de tocamentos, como recoñecer e actuar ante as relacións abusivas e, sobre todo, repite un consello que se ha ter moi en conta (ante calquera tipo de situación que pode resultar agresiva) por algo que poden ser tres frases: 1º Describe friamente o que acontece (é importante que non haxa emoción nin interpretación). 2º Di o que che fai sentir como emoción. 3º Di o que desexas que pase para deixar de sentirte así
Dunha maneira divertida vaise reflexionando sobre cada un dos problemas aos que se ven sometidas as mulleres (neste caso) e como facerlles fronte. O humor está moi presente nesta obra, de forma que podemos botar unhas risas ao tempo que reflexionamos sobre esta problemática e as respostas a dar.
martes, 10 de decembro de 2024
Unha novela que se ergue dende o TDAH e o bullying
I´m Obelix de Raquel Fernández Fernández está publicado na colección Fora de Xogo de Xerais.
Da presentación editorial: "Isma, un mozo de 13 anos, afronta un novo curso do instituto cun cambio significativo na súa vida: unha diagnose de TDAH. O que en principio semella algo positivo para a familia, xa que chega acompañado de respostas -e mesmo de certo alivio-, converterase nun drama no ámbito escolar, onde o protagonista terá que enfrontarse ao descoñecemento e á falta de sensibilidade dun sector do profesorado e do alumnado. Con certos toques de humor e unha chea de referencias ao mundo adolescente actual, «I'm Obélix« achéganos á crúa realidade do día a día nun instituto calquera, onde ser diferente é un desafío e, demasiadas veces, constitúe unha traxedia para a vítima e a súa familia. XVI Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil"
O título de cada capítulo leva o nome do personaxe que o narra e nalgún caso unha frase significativa como Caramelos de pau (que Isma lle dá ao abusón Alex pensando que así o deixará tranquilo), Unha pedra no zapato (algo molesto que debes quitar pero non o das feito) ou Xeado de doce de leite (que van tomar ao final para celebrar que todo rematou, polo meos por agora). Porque o abuso é algo que continúa e continuará presente sempre que haxa quen se sinta necesitado de mancar aos demais pe¡ara sentirse máis, porque na banalidade do mal está incluído ese personaxe que fai mal, os que os secundan e os que calan, tanto dende o grupo de alumnado como de profesorado (ai! dos que queren fuxir de problemas e din que non ven ou incluso entenden que o ensino é como a mili e aí deben facerse homes e mulleres, dos que ven claramente pero non actúan porque non é a súa titoría u porque van cheos de traballo). Mentres tanto, do outro lado os machacados para os que non existe razón nin física nin psíquica, poden facerlle bullying por listos ou por torpes, por altos ou por baixos... é cuestión case de azar e eles/elas sábeno por iso buscan a sombra dos ganadores porque se non hai un "estado" que os defenda están ao dispor do peor da sociedade.
Resistir sen contar para non disgustar ou porque dubidan de que os crean, chegar a facerse daño a si mesmos de mil maneiras, sentir ganas de desaparecer (o suicidio como unha nube negra sobre a cabeza). Non atreverse a acusar (están ameazados), non querer acusar (son compañeiros, sempre tes a esperanza de que mañá amañeza doutra maneira e non queres facerllles mal). Denunciar é imprescindible por el pero tamén polos demais, para que non continúen facéndollo a ninguén máis, por iso quen o fai é un superheroe (Obelix ou non). As familias, ese retrato da nai que cre que a súa filla nunca fai mal, que sempre son os demais os que van a por ela. Os que pensan que son rapazadas, boberías que hai que superar... Todos está descrito, paseniñamente e ben vemos cal é o que pode salvar: o afecto e a comprensión da familia, os apoios que busca, o profesorado comprometido, as asociacións... e, sobre todo, que existan estruturas de seguridade coma os equipos directivos ou consellos escolares, a cosellería de educación (o Estado) que coida da xustiza social, que evita que o mundo sexa unha selva na que os fortes atacan aos débiles e os dereitos non están á man de todos e todas.
domingo, 8 de decembro de 2024
Novos formatos, nova dimensións: "A que sabe a lúa?" e "Animais"
A que sabe a lúa? de Michael Grejniec aparece, de novo, en Kalandraka, agora en tamaño G XL, seguramente para contar a un grupo de criaturas co libro mirando para eles.
"Había moito tempo que os animais andaban a matinar a que sabía a lúa. Era doce ou salgada? Só querían probar un anaco pequeno. Polas noites, miraban ansiosos para o ceo..." Ata que un día, os animais soben uns por riba dos outros (sen importarlles cal sexa a súa natureza) para chegar á lúa. O último é o ratoque colle un anaco e o probra, despois pásalle un anaquiño a cada animal; a cada un deles sábelles tal como o imaxinaran. O peixe que o observa todo pensa que esa é unha traballeira inútil pois hai outra lúa moito máis cerca, no lago.
Darlle unha dentada á lúa, quen non o terá soñado?
Animais de Antonio Rubio e Óscar Villán, tamén en tamaño grande, non tanto coma o anterior pero si moito máis que no que estamos a costumados a ler a colección Do berce á lúa.
Poesía visual, rimas, uns versos que se van alternando para repetir " Caracol caracol crocodilo / fan xuntos unha roda de amigos" Lendo sen necesidade de coñecer as letras pasando os dediños polas imaxes.
Da presentación editorial: "Os títulos máis coñecidos da colección 'Do berce á lúa' nun formato máis grande ideal para contar e compartir. Combinando os recursos do cancioneiro tradicional infantil e recoñecibles imaxes sobre fondos claros, esta colección para cantar e contar é xa un referente da LIX para o tramo 0-3 anos e contribúe a iniciar o camiño da prelectura de moitos nenos e nenas. Cada título é un exercicio poético para «educar o ollo e adozar o oído», como explica o seu autor, e pese á súa aparente sinxeleza, tanto o seu deseño como o seu contido a partir de temas próximos aos intereses dos máis pequenos, son froito dun longo proceso de reflexión e creación.
Co obxectivo de facilitar o traballo de mediadores e mediadoras, Kalandraka retoma a publicación dos títulos máis exitosos da colección nun formato grande e ideal para compartir. Así, tras "Lúa" chega ás librarías "Animais" no que criaturas grandes e pequenas nos convidan a gozar do xogo, do ritmo, da rima e da amizade."
venres, 6 de decembro de 2024
Álbums infantís: OQO e NubeOcho
Mamá pingüín é a mellor de Chris Haughton, traducida por Maruxa Zaera e publicado por Nubeocho. O autor recolle un proverbio árabe para pórtico da obra "O Paraíso está aos pés das nosas nais"Pingüiniño pasea da man do pai observando o que fai a nai para afirmar unha e outra vez "Mamá Pingüín é a mellor". Poucas palabras, só as necesarias, unhas ilustracións case minimalistas co branco de neve e xeo, co azul de mar... cores planas, colaxes, as caraterísticas propias das ilustracións deste artista, os elementos mínimos para dar fé do máis básico e fundamental. O valor dunha nai!
Unha vez máis, a editorial non mostra o libro en galego; as linguas que aparecen na súa páxina son o español, inglés, catalán e italiano. Que está a pasar?
A colleita de ratiño de Leticia R. Gancedo e Mar Ferrero, traducido por Marisa Núñez e publicado por OQO. Asi se presenta: "Achegábase o final do verán, a terra estaba seca e os froitos escaseaban. Entón Rato atopou un garavanzo e pensou que podería preparar un bo guiso, pero un tropezón inesperado e, máis tarde, unha divertida cadea de sucesos entre os habitantes do campo, fixeron desaparecer “o seu pequeno tesouro”. Vai o garavanzo dende a tobeira dos coellos ao niño dunha pega, dunha charca á boca dunha ra da que sairá disparada ao petarlle no lombo o sapo... pasa o outono e o inverno e coa primavera ratiño atopa o seu garavanzo, pero ten sorpresa: ao erguer a cabeza descubrirá que o campo está ateigado de garavanzos, daquela... que será o que sucederá agora?
Unha marabillosa historia que segue o ritmo da natureza e o ciclo das sementes.
mércores, 4 de decembro de 2024
O bosque é a nosa casa
O bosque é a nosa casa de Sara Fernández e Sonia Roig con ilustracións de Jesús Ortiz e traducido por Eugenia Sanmartín para Hércules de ediciones.
Da presentación editorial: "Sabes, de verdade verdadeira, como é que funcionan os bosques? Nun bosque todo está conectado. Pero ademais, todas as persoas estamos tamén conectadas cos bosques. E é que, sen dúbida, o bosque é a nosa casa. Entra neste libro e descubrirás unha chea tan grande de cousas alucinantes (e que moi pouca xente sabe) que te converterás en especialista en bosques. Garantido!"
Confesan as autoras que este é o libro que lles gustaría ter cando eran pequenas, por iso o escriben agora e encárganlle a unha personaxe, Silvia (unha nena) que sexa a guía ao longo daa páxinas, porque ela é unha apaixonada polos bosques, tamén é unha científica porque cuestiona as cousas, observa, experimenta e saca conslucións. Imos percorrendo o libro seguindo os títulos de cada un dos capítulos: 365 días para estar no bosque (as estacións), (Case) todos os bosques do mundo (diferente tipoloxía segundo a situación no planeta), Todas árbores, todas diferentes, A historia dos bosques (dende o principio dos tempos), Cando as árbores si te deixan ver o bosque (dende macro a micropaisaxe), Cos pés no chan (o solo), Como é que funciona un bosque?, Silvia e a fábrica prodixiosa, Que foi antes, a semente ou a árbore?, Sabes todo o que che conta a madeira?, Non só de árbores se vive no bosque, O bosque que nos coida, O bosque na cidade e a cidade no bosque, Bosques en perigo, Lume!, Como é que se coida dun bosque?, Novos bosques que non é pouco, Que podes facer ti polos bosques?, Algunhas cousiñas máis (con índices de vexetais, animais, materiais tecnolóxicos e personaxes famosos que pasean polo libro).
martes, 3 de decembro de 2024
"Cousiña linda" de Anthony Browne en gran formato
Cousiña linda de Anthony Browne en gran formato, traducido por Sandra e Óscar Senra Gómez, publicado por Kalandraka na colección Tras os montes.
Da presentación editorial:
"Unha das obras imprescindibles de Anthony Browne, un álbum tenro e con
doses de humor sobre o valor da amizade e a solidariedade.
En 1974, Koko, unha gorila adestrada na Universidade de Standford para
usar a lingua de sinais, pediulles un gato aos científicos que a
observaban e coidou del coma se fose o seu fillo. Uns meses despois o
gato desapareceu e durante varios días Koko expresou a súa tristura a
través de sinais. Este feito, que provocou a discusión sobre se
outras especies poden sentir emocións humanas, serviulle de inspiración a
Anthony Browne para a creación dunha das súas obras máis coñecidas.
En Cousiña Linda, coma no caso real, un gorila que sabe comunicarse por
sinais, e ten todo o que desexa, séntese só e decide pedirlles aos seus
coidadores un pouco de compañía. Así coñece a Linda, unha gatiña coa que
toma leite e mel, pasea, xoga... Xuntos son felices, mais unha noite,
mentres ven unha película, o gorila ponse moi nervioso, enfurécese, e os
seus coidadores deciden separalos. Nese momento, Linda mira para o
gorila e na súa reacción revélase o verdadeiro valor da amizade.
Anthony Browne sente unha gran paixón polos gorilas, e esa fascinación,
que xorde do contraste entre a forza e a tenrura destes animais,
reflíctese en boa parte da súa obra. Nas coloridas ilustracións deste
álbum, combina elementos realistas cun toque de fantasía e humor, dando vida a dous entrañables personaxes."
Máis tenrura non é posible, nin nas ilustracións cheas de expresión nin nos textos, escasos e xustos. As gardas a modo de papel pintado nunha soa cor con motivos vexetais achegan unha sobria elegancia. A cuberta co inmenso gorila portando na cabeza o gatiño , ambos cunha expresión plácida abren a porta da dozura. A rosa é esa flor perfecta que non admite aditivos "déixaa que así é a rosa", e o autor ingroduce o volume cunha branca que leva dentro a cabeciña do gato e outra vermella que leva a do gorila. E... empeza a historia co gorila nunha sala de estar elegante e convencional, con todas as comodidades pero só, as-í se sente e pide compañía... A bela e a besta, o afecto entre especies diferentes, o grande e o pequeno, os coidados, a delixadeza coa que se tratan, a rabia do gorila que esperta cando ve King Kon, a película, e esa maneira tan marabillosa sde resolvero conflito, cando vai ser castigado por romper a televisión, a gatiña decide asumir a culpa para que non os separen. Porque xuntos son felices! Cousiña linda... pensará o gorila e pensamos nós cando os vemos aos dous.
Un issu para facerse idea.
luns, 2 de decembro de 2024
Premio Simbad para o Recordo e o Alzhéimer 2023
O Premio Simbad para o Recordo e o Alzhéimer do ano 2023 correspondeu a Ignacio Vidal Portabales coa obra Sucos que agora aparece publicada por Galaxia na colección Árbore con ilustracións de Sandra Lodi.
Da presentación editorial: "O avó de Aldara, o vello Moncho, comeza a facer cousas raras. Preocupada por el, a súa neta vaino acompañar nunha extraordinaria aventura enriba dunha padeadora amarela, coa que percorrerán camiños e leiras. Moncho ten un plan con catro ideas que mudarán para sempre a aldea de Xavestre e os seus veciños e veciñas."
Unha nena e o seu avó manteñen unha relación moi especial, el ensínalle canto ela quere saber, ela acompáñao a onde el queira ir, el chámalle parruliña ou miña ruliña... por iso ela entende que el queira manexar unha padeadora porque quere ter esa experiencia e gardaralle o segredo. Ver a avó e neta percorrendo os campos sobre o aparello, ler as conversas entre os dous ou dela co irmán, observar a actuación do concello por medio do conserxe (que fala cos seus pés: Adolfo e Rodolfo) e a corporación municipal introdúcennos nun mundo onde o realismo acada certa maxia con gotiñas de tenrura e intervención no medio, porque certamente o avó fai cousas: dende unha escultura amoreando pedras no medio dun parque que non acaba de ser, ata desviar os regos para que aí naza herba, cortar os eucaliptos para que no seu lugar podan nacer árbores autóctonas e saudables... igual facían falla máis velkos con alzhéimer para mellorar o medio.
Unha historia ben contada, cunhas ilustracións interesantes especialmente cando a fantasía entre tamén na imaxe ou nese título no que avó e neta camiñan pola O. Novas tipoloxías de texto en letra caligráfica coma os litados nos que tamén introduce a cor ou certas palabras en gran tamaño falan de deseños novidosos que se están incorporando.







