sábado, 2 de febreiro de 2019

Pere Tobaruela trae novos libros

Un deles é A boa e a avoa
Así se presenta na páxina da editorial:
"A Ona gústalle ler e na casa da súa avoa atopa un libro moi especial: cada vez que o abre le unha historia diferente! Pero o que é aínda máis sorprendente é que aos protagonistas do libro lles pasan as mesmas cousas que a ela..."
Xa estamos situados: unha historia na que a forma de contar vai ser importante, onde os sons das palabras tamén o son (ese xogo entre "boa e avoa" rimando en asonante con Ona) e a maxia dun libro que se escribe cando o les para contar o que a ti che serve, o que a ti che sucede. A relación entre avoa e neta que se entenden a pesar de que a avoa xa está a perder o sentido da realidade, esa maneira de sentarse Ona ao lado de Uxía, a maior nunha randeeira, a pequena nunha cadeira, o libro de O Principiño que comparten e a afecto que vai máis alá da morte. Todo comeza co principio do libro de referencia: "Cando eu tiña seis anos, unha vez vin un libro sobre a Selva Virxe que se titulaba Historias vividas, unha magnífica estampa. Representaba unha boa tragando unha fera" E ese libro será o que se escribe cos ollos que len.

Tobaruela xoga coas palabras e, especialmente, coas repeticións, para facer rodar o relato e traérnolo con toda a frescura..
As ilustracións de Víctor Boullón axudan a completar a historia, con esa avoa de mandilón que semella sacada dun dos murais de Joseba Muruzábal

venres, 1 de febreiro de 2019

Tradución (II)


O doutor  Proctor e os pos botapeidos de Jo Nesbo, con ilustracións de Per Dybving, traducido por Moisés Barcia desde a tradución ao inglés. Publicado por Sushi books.
O primeiro que nos chama a atención cando vemos o libro é que os caracteres do título son moito máis pequenos que os do nome do autor. Aparece arriba de todo, ocupando moita cuberta. O segundo que nos vemos obrigados a facer é ver quen é ese autor, entón cóntasenos que é un músico e escritor noruegués tanto para adultos como para a infancia, un home de éxito!
A historia, xa se nos anuncia escatolóxica, pero realmente funciona moi ben, áxil, ben tramados os personaxes e a trama: inventor con pinta de medio tolo que se fai amigo dun par de rapaces que non son nada populares nin deberían ser felices (pero tampouco o levan mal). Eles probarán os seus pos botapeidos (tanto os normais coma os de superpoderes), organizarán unha venda... pero tamén estaban os malos, o pai ladrón de patentes e os fillos maleducados e abusadores que queren roubar, que meten ao rapaz e ao inventor na cadea... Polo medio tamén atoparemos unha anaconda nas cloacas da cidade, unha banda de música, o día nac
ional (17 de maio, quen o diría?), unha escola e, especialmente o personaxe de Bulle que é un ser minúsculo e marabilloso.
Un par de catas, para facer boca:
"- Eses dous eran Truls e Trym -dixo Lise-. Son xemelgos e, por desgraza, viven na rúa dos Cantóns
Bulle encolleu os ombreiros.
- Truls e Trym viven en todas as partes.
- Que queres dicir? -preguntou Lise.
- Que en todas as rúas de todas as cidades do mundo hai un Truls e un Trym. Non te libras deles por moito que te mudes."
"- Non só non tes bo oído, senón que estás xordo coma un penedo! -Madsen estaba tan alterado que tremía e cuspía ó falar-. Pecha a porta e non volvas nunca! Nin pensarías que existe algunha banda que querería admitir un neno tan pequeno que... que...?
- Que nin lle caben as raias do pantalón no uniforme -dixo Bulle-. Que é tan baixiño que arrastraría as medallas da chaqueta polo chan. Tan anano que non chegaría nin a ver as partituras do atril, e que a gorra lle quedaría tan grande que lle taparía os ollos...
Bulle sorriulle inocentemente a Madsen, que avanzaba cara a el dando alancadas.
-... e non vería por onde vai -continuou Bulle-, meteríase por unha canella mentres o resto da banda desfila pola avenida principal."
Seguide buscando pola páxina 57, 82, 110, 128 ou 161 na que Bulle é quen de opinar sobre mulleres e homes con ese humor e serenidade tan seus.  Por riba, unhas ilustracións, a lapis, seguindo certa estética alemá de humoristas intelixentes e críticos.    
Moi recomendable, moito; ademais, que haberá que interese máis aos pequenos que falar de peidos ao tempo que lle poñemos diante un personaxe tan intelixente e cuns valores tan consolidados como Bulle?

luns, 28 de xaneiro de 2019

Traducións (I)

Un libro de hai un tempo (edición de 2017 na colección Oqueleo). O ferreiro da lúa chea de Mª Isabel Molina con ilustración (da cuberta) de Carlos Cubeiro.
Un libro sobre o camiño de Santiago que ha de percorrer un mozo fillo de nobre pero ferreiro por mandato do seu gremio para curalo da súa soberbia infantil. Un libro que achega moita información acerca do poder dos gremios na Idade Media, as linguaxes secretas de canteiros  e ferreiros, a simboloxía do xogo da oca, a opresión que sofre unha moza e como ha de defenderse daqueles que a venden e pretenden aproveitarse dela... Ao final do camiño, o Mestre Mateo e o invento do botafumeiro.
Unha historia para gozar na súa versión galega (desde o castelán) de Antón Palacio.
Do catalán chéganos: Son un animal. Unha viaxe inesperada de Llort e Macip, con ilustracións de Sergi Cámara e traducido por Eva Lozano para Edicións Xerais de Galicia. 
Trátase da historia de Armán, o fillo dun par de científicos aos que pretende roubar un compañeiro , agora metido a executivo ou ministro. No medio de tanto experimento Armán e o seu lémure. O rapaz bebe algo que non debera poñendo en marcha o invento da nai (a capacidade para transformarse noutra criatura cando a toca) e tamén o do pai, unha máquina que traslada ao outro lugar do planeta. Unha aventura complicada no medio do afecto que os une a todos, familia e cincluso a filla do malo.
Este libro forma parte dunha serie da que taménb contamos en galego con Armán e a fábrica podre; de novo unha historia doada de ler, na que se mostra a bondade vencendo ao mal.


domingo, 27 de xaneiro de 2019

O outro libro ganador do Premio Meiga Moira

Auga e Lume de Pere Tobaruela, resultou ser, tamén, ganadora do VIII Premio Meiga Moira de Literatura Infantil de Baía edicións. As ilustracións son de Víctor Boullón, e nunha delas, a da páxina 115 despístanos.
Dúas épocas, a actual, e o século IV. Un lugar: o Barbanza. Un mozo e unha moa que entran en contacto atravesando o tempo. Ambos loitando contra o final do mundo  
Na Gallaecia dous pobos en contacto: os romanos e os arduanos. Estes últimos antigos, ocuparon a terra ao ter que fuxir do norte. Un comandante ao mando dunha nave de guerra romana tenta traer ao emperador o aviso dun graves perigo desde Tarraco, pero os piratas atacan o barco e Dolabella ha de pasar mil aventuras ata chegar a Roma e máis alá, sempre axudado polos oscóns, uns seres míticos.
As Terras Quebradas, a Fonte da Vida, o Deus da Auga, o Mensaxeiro de Reo, a Dama de Auga, o Outeiro dos Corvos, a Casa da Palabra, o Consello de Vellos, O Señor do Mundo, a Cerimonia da Liberación, Triángulo Máxico, Augas Mortas, Minas Escuras... nomes que nos traen reminiscencias.
Unha cata para anticipar a obra e unir un tempo con outro, uns personaxes con outros:
"- A nosa salvación está no futuro! -dille-. Aquí tres estas ámboas.Ti serás o encargado de agochalas en dous dos vértices do Triángulo Máxico: nas Augas Mortas e nas Minas Escuras. Nestas pezas están as pistas necesarias para chegar ata o lugar en que a Dama da Auga e máis eu esconderemos a Fonte da Vida: na Fenda de Reo, no medio e medio da chaira na que o cumio da Curota pousa a vista diante do Mar de Arousa, o terceiro Vértice do Triángulo Máxico. Entérraas ben. Ninguén ten que atopar estas ámboas antes de que pase como mínimo un milenio. Se non, a Fonte da Vida perderá o seu poder. E todo acabaría. Non teríamos ningunha posibilidade de sobrevivir á cólera de Edovio."

sábado, 26 de xaneiro de 2019

Fran Alonso e a poesía en evolución



Cóntao el mesmo, Fran Alonso, no seu último título Street poems. Porque ás veces o mellor crítico é un mesmo, o mellor analista, o mellor comentarista. A mellor viaxe ás fontes limpas...
O meu gato é un poeta profundaba na poesía como xogo, no potencial lúdico da palabra. 
Poemas birollos para ler cos ollos é unha inmersión na poesía visual combinada coa oralidade.
Steet poems penetra na arte urbana para fundirse con ela e adoptar as súas formas e linguaxes.
Atrás queda Cidades, unha achega renovadora na poesía infantil daqueles anos, ás que na última edición se engadiron as fotografías ilustradas do autor. Todas estas obras comparten unha intención modernizadora e actualizadora da poesía infantil desde unha actitude de investigación literaria."
Cada libro para unha idade Poemas birollos para ler cos ollos a partir de seis anos, O meu gato é un poeta a partir de oito, Cidades a partir de dez e Street poems a partir dos doce anos.
Sobre Street poems, engade: "Estamos vivindo un momento en que unha das características das artes é que brincan por riba das súas propias fronteiras, desdebuxándoas para apropiarse dunha nova visión interdisciplinar, mestiza, e así fundirse con novos coñecementos, prácticas e formatos."
Unha proba:
"fuximos da miseria humana que miserablemente permitides
miserablemente non permitides que fuxamos da miseria humana que permitides
fuximos da miseria humana que miserablemente permitides
miserablemente non permitides que fuxamos da miseria humana que permitides" (ata o infinito e máis alá!)


luns, 21 de xaneiro de 2019

Os contos da avoa Pepa

Os contos da avoa Pepa de Francisco X. Fernández Naval, publicados por Kalandraka e ilustrador por Manolo Figueiras, acaban de aparecer na rúa. 
De novo, Fernández Naval opta por ilustradores pouco habituais, xa o fixera por Alí Alí nun conto anterior, agora faino con Muíños, un pintor ao que non lle coñeciamos traballo para a infancia.
Os relatos son contos da memoria. É ir acompañando á avoa Pepa e á súa memoria, ir recolléndoa para devolverlla, porque ela anda a perdela. Unha enfermidade négalle as historias do pasado, a ela que sempre os contou. Así que o autor non só conta as historias de avoa (con tanta dozura como autenticidade; como se nota!) senón tamén todas as que ela contou ao longo do tempo e que eles lle contan agora para darlle un fío ao que agarrarse. Un fío como o de Ariadna, co que saír do labirinto, unha historia que nos remite a outras e á enfermidade destes tempos. A enfermidade do "olvido" á que se refería García Márquez en Cien años de soledad, pola que acabaremos poñéndolle o nome á vaca e tamén: dá leite e con el faise o café con leite para o almorzo. 
Recobrar a memoira da avoa Pepa, salvala, e ao tempo, salvar tamén a memoria dun mundo que está a desaparecer, o dos contos de tradición oral ou o dos xogos transmitidos de avoas a netos. 
Unha historia triste que lles vai gustar aos lectores e lectoras e que entenderán -como o facemos nós- como unha homenaxe á avoa dos contos.
Grazas por tratar este tema con tanta delicadeza!

venres, 18 de xaneiro de 2019

A balada dos unicornios, premio Lazarillo do pasado ano

 
Ledicia Costas ganou por segunda vez o premio Lazarillo. Primeiro fíxoo con Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta e posteriormente, no 2017, con esta novela A balada dos unicornios.   
"A Escola de Artefactos e Oficios acolle os mozos e mozas máis brillantes. Son capaces de crear casas motorizadas, sombreiros voadores e outras proezas abraiantes. Ágata McLeod é unha das mellores alumnas, pero hai moitas cousas que descoñece da institución... e do seu pasado. A inventora terá que viaxar á orixe do mundo nunha travesía ateigada de aventuras e perigos.Fantasía e ciencia mestúranse nunha loita sen cuartel que enfronta corvos e unicornios", dise na presentación editorial.  
A loita entre os unicornios e os corvos; dúas maxias, a de Wendy, a raíña albina, e a de Cornelia, a directora da escola. Un tratado de paz asinado hai trinta anos que dá as súas últimas bocanadas. Finais do XIX en Londres, Jack o destripador, facendo das súas, e no medio eles: "Unha humana mecánica, un robot e dous irmáns de sangue máxico. Non sei como criaturas tan distintas poden quererse tanto" confesara un dos irmáns.  
Unha fantasía a proba do divino e o humano, Unha tatuaxe que muda avisando á protagonista dos perigos que corre. Un robot que sente (ámote, da única forma que o poden facer os robots, inexplicable!). Os nenos amputados... "Todos os nenos amputados tiñan un don. Unha calidade que os facía brillar e ao mesmo tempo os convertía en diferentes. Mais un don pode acabar sendo unha verdadeira condena se non sabes manexar a túa propia luz" O Planeta dos Nenos a onde levar a aqueles que non teñen quen os coide. E... o amor, o amor é unha engurra no corazón, algo que nos volve vulnerables. 
Unha novela homenaxe á revolución industrial e a fantasía, aos vellos clásicos, a Alicia e Roald Dahl, á diversidade en todas as súas formas e ao amor en todas as súas vertentes. Unha novela que ha ter continuidade