venres, 8 de marzo de 2019

Libros das Letras

Ao longo do ano no que o autor ou autora é homenaxeado coas Letras Galegas saen á luz unha serie de traballos arredor da figura, e ao seu lado, materiais creativos da súa autoría que ficaban ocultos ao público. Este é o caso do volume Nosoutras de María Victoria Moreno. Nel, recóllense sete textos de diferentes épocas, diferente lingua de orixe, tamaño ou maneira. Traducidos por Xavier Senín e presentados en pública por Urco editora.
Trátase de materiais que nalgún caso puideron ser desbotados pola autora, que seguramente foron escritos cun destino determinado que agora se nos escapa, que posiblemente agardaban por un tempo de calma para ser retomados... é agora unha man amiga quen os recolle nun monllo e os ofrece ao lectora e lectora actual. A diferenza entre eles é máis que evidente: o ton no que están escritos, a lírica que envolve dunha maneira máis evidente ou menos cada título e o difícil é pasar dun a outro porque o fío que cose o pachword está desaparecido. Así, atopamos o texto que lle dá título ao libro e que quere recoller desde unha perspectiva de xénero o volume: Nosoutras, onde presenta a cinco creadoras de literatura infantil (Palmira G. Boullosa, Ana Mª Fernández, Helena Villar, Úrsula Heinze e ela mesma), con experiencia no ensino e na maternidade, dispostas a defender a lingua e o país, abrindo o camiño dun xénero imprescindible... tal vez a mellor maneira de mostralo sexa recollendo un anaco "Cando visitamos as escolas e os nosos lectores nos asedian a preguntas, cando enxuízan os nosos libros co espírito crítico que intentamos transferirlles desde eles, cando intuímos un lampo de amor á palabra e ao papel en branco, daquela sabemos que o noso traballo ten unha razón de ser. E animámonos a seguir escribindo para que os homes e as mulleres do mañá camiñen por esta terra coa seguridade que a nós nos faltou. Para que sexan máis cultos, se conseguimos, cos nosos libros, que amen calquera libro. Para que sexan máis equilibrados, se conseguimos, coa nosa compaña, que a soidade non os magoe. Para que sexan máis xenerosos, se conseguimos, coas nosas historias, convencelos de que o corazón só medra cando se entrega." E remata cun "Esperade" que remite a Ramón Cabanillas... certamente a esperanza dou os seus froitos e estas mulleres fixeron un papel monumental na creación dunha literatura, unha educación e unha identidade; mágoa que era imposible tombar os atrancos que día a día ergueron os escuros e féridos e duros. 
O resto dos textos ("Aguinaldo", "A gaiola", "A casa das Marías", "As follas feren xemendo", "Contra a noite" e "Nocturno en tres tempos") xiran arredor da inxustiza social, do papel resistente e sufrinte das mulleres... todo envolto nun lirismo puro que derrama sensibilidade por todos os poros. Así era María Victoria Moreno, unha muller de afectos e loita, tal como quedou demostrado no seu ano.

mércores, 6 de marzo de 2019

Libros de poesía infantil

Macedonia de versos de Concha Blanco, con ilustracións de Lidia Nokonoko, publicado en Aira. Esta libraría, Aira das Letras, tráenos de vez en cando algunha novidade editorial. Xa o fixo con Aler - nativo, un volume sen palabras pero moita historia, e agora faino cun libro de poemas desta veterana autora que, ademais, engade unha unidade didáctica que facilitará o traballo arredor do libro. 
Arredor das froitas xiran os versos acompañados dunhas magníficas ilustracións, nas que se combinan o terminados a lapis que semellan inacabados con aqueles a toda cor e que nos achegan unha nova lectura, neste caso de imaxes. Igual que o libro de María Reimóndez en O xeito das froitas... 
Non se pode negar o valor nutritivo e saudable das froitas nin tampouco o seu interese para a rapazada, que gusta dos seus sabores e cores, das escollelas ou subir por elas aos árbores... toda unha aventura!

sábado, 2 de marzo de 2019

É tempo de entroido!

É tempo de entroido! dinno os días e as voces, a rapazada nas escolas e as máscaras nas rúas.
Tempo de cocido e filloas, de festa!
E un libro lémbranolo da mellor maneira que coñecemos, cunhas ilustracións e uns pequenos textos que nos traen a tradición actualizada coas cores dos soños.
Poucas veces nos atopamos cun volume tan ben axeitado ao que pretende. Coas palabras para memorizar e as ilustracións para informarnos e alegrarnos. Todos os entroidos, de todas as zonas e maneiras, todo recollido para adentrarse do mundo da etnografía. 
Un exemplar marabilloso para facer lectura de imaxes.
Quen lle deraa todos os países do mundo un libro coma este recollendo algunha das súas festas... Ogallá todos os poidan ter, e disfrutar como facemos nós. 

venres, 1 de marzo de 2019

Novela de misterio

O pasaxeiro 19 forma parte dunha triloxía (As crónicas do viaxante) da que aparecen os títulos na lapela.
CarlosVila Sexto, o seu autor, ganou sendo case rapaz, o premio Rúa Nova de narración xuvenil e posteriormente converteuse en guionista de éxito de series en español (Los misterios de Laura, Motivos personales e Presunto culpable, entre outras), ata o punto de que este libro está traducido desa lingua por Belén Rodríguez Suárez e, tamén vemos que neste momento está representado por unha axencia literaria italiana. Estamos, polo tato, ante un autor de éxito, publicado por Rodeira.
A modo de resumo…
Unha situación inquietante: o mozo protagonista esperta sen memoria, no tren de vía estreita do norte que está na viaxe de inauguración de ruta. Por se iso fora pouco, no seu baño atopa o cadáver dunha moza á que non lembra. Unha serie de personaxes pululan arredor, desde os dous empresarios rodeados de xornalistas, a muller e a filla do que foi e será traizoado nos negocios e os amores polo outro. A nena, polo tren adiante, aburrida e medio abandonada, é quen colabora co desmemoriado prestándolle todo o seu apoio. El, non pode baixar do tren, porque esta é a única posibilidade de descubrir quen é, e quen asasinou á secretaria amante do empresario burlado.
Semella unha historia de detectives na que un personaxe está condenado a levar todos os golpes, pero a historia vaise complicando cada vez máis, pois conforme quitamos unha capa aparece outra; pero ten máis, están as forzas ocultas, a parte esotérica… porque o protagonista ve mortos, porque se encontra co neno que foi e porque aí está o inimigo que se move a través do tempo.
Unha novela especial que poderemos seguir lendo nas outras entregas.
Unha obra con mestura de xéneros, desde e intriga policial ao terror.



luns, 25 de febreiro de 2019

Despois de "22 segundos" ven a "Memoria do silencio"

A carreira de Eva Mejuto, como autora de novela xuvenil, xa é imparable. 
Se con 22 segundos nos trouxo, por primeira vez, a historia dun transexual, con Memoria do silencio achéganos a historia das irmáns Touza de Ribadavia. Unhas mulleres que formaron parte dunha trama internacional que axudaba a fuxir aos xudeus da Europa nazi. Unha historia real novelada partindo da documentación existente e dun traballo de campo a través de testemuñas familiares e de veciñanza.
Unha novela de narrador múltiple con tres voces que lle dan título a cada un dos capítulos. Günter, o nazi alemán, é tratado por un narrador omnisciente, que nolo achega como home froito do seu pasado; acosado de novo, nas mans dun pai borracho e insensible, medra nas SS converténdose nun verdadeiro can que cheira o medo das vítimas. Lola Touza, a máis arriscada das irmás, achéganos ese tempo de medo e valentía, de resistencia a base de estraperlo coa garda civil aproveitándose da súa situación e os alemáns pisándolles os talóns; ela a Nai á que deben buscar en Ribadavia os perseguidos. Frieda, unha directora de orquestra que, por medio de cartas, lle vai contando ao seu irmán morto as vicisitudes polas que pasa na resistencia e agora na fuxida. 
Tres voces para contarnos a historia destas mulleres que permaneceron no silencio ata hai ben pouco tempo. Elas mesmas pediron que non se contara nada mentres estaban vivas. Esta é a nosa maneira de ser resistir nun tempo e un país no que, seguramente, nunca se sentiron libres de perigo para asumir o seu protagonismo e reivindicarse, como fixeron outros e outras por Europa adiante. 

domingo, 17 de febreiro de 2019

Adeus a un clásico: Tomi Ungerer

Así aparece Tomi Ungerer (Estrasburgo, Francia 1931) na páxina de Kalandraka
O ambiente bélico dos seus primeiros debuxos reflectía o seu rexeitamento á guerra e ao fascismo. En 1956 emigrou a Nova York, onde comezou a escribir libros infantís que tiveron moito éxito. Publicou en medios tan importantes 
como The New Yorker, Esquire, Life Show ou Fortune. Xa no cumio da súa carreira durante os anos 60, Ungerer plasmou na súa obra a súa reacción contra a hipocrisía e a superficialidade da sociedade americana. Mudouse a unha granxa en Canadá e a finais dos 70 trasladouse a Irlanda coa súa familia. A súa produción, que abrangue catro décadas de creación, calcúlase entre 30.000 e 40.000 traballos de diferentes estilos, e máis de 120 libros. Entre outros galardóns, recibiu a Medalla de Ouro da Sociedade de Ilustradores e o Premio Hans Christian Andersen en 1998. Ademais de debuxante, tamén desenvolveu outra faceta como filántropo, colaborando en causas humanitarias. 
Nas nosas bibliotecas aparecen os seus libros, en galego, dando razón dunha lingua na que se pode ler ademais do producido nela, o mellor da LIX internacional: Os tres bandidos, Adelaida, Crictor, Onde está o meu zapato?, Emilio; Rufus, o morcego que adoraba as cores; Caracol, onde estás?, Novos amigos e Alumette
Só a bondade pode imaxinar uns bandidos que se enternecen ante a inocencia, volver a traernos á nena dos mistos que morre na noite fría para a nosa vergoña ou mostrarnos como se pode superar... incluso a natureza.
Foi unha sorte a súa existencia, un agasallo as súas obras que seguiremos lendo. Grazas! 
Que do outro lado o acollan, tal como fixeron eses tres bandidos na súa ficción.

venres, 8 de febreiro de 2019

O premio Raíña Lupa 2017

A filla do Minotauro de Marilar Aleixandre publicado na colección Costa Oeste de Galaxia.
Este libro conseguiu o premio RaíñaLupa de literatura infantil e xuvenil, da Deputación da Coruña, na convocatoria de 2017.
O xurado destacou a calidade literaria dunha obra que permite varios niveis de lectura. Tamén sinala unha serie de aspectos que a enriquecen como a mestura de tempos históricos e unha relectura moi actual da mitoloxía grega cunha particular sensibilidade co patrimonio cultural.
Colocar aos personaxes mitolóxicos na Sicilia da II Guerra Mundial pode resultar innovador, pero aínda máis cando estes non se manteñen absolutamente fieis á súa historia. Penélope marchará nun barco, porque non aguanta que Telémaco a mande calar. Polifemo é un cego, respectado e querido aínda que se move como un sen teito. Minotauro rexenta unha taberna, casado coa muller que o salva do labirinto, a súa filla é a moza protagonista da novela que entra a formar parte da clandestinidade. Ulises vaise converter nun traficante de pezas arqueolóxicas, disposto a todo para acadar un bo botín, mentireiro e falso é un dos personaxes máis temidos na illa, pois cando el aparece o perigo está preto. Fronte a el e os seus secuaces da mafia que se aproveitan dos máis pobres que por comer farán calquera cousa, está a liga da Gorgona, unha organización clandestina de resistencia que defende o patrimonio e loita contra a escravitude nas minas e contra o negocio das augas explotado pola mafia.
Cada capítulo comeza cunha cita clásica, maioritariamente da Odisea, que abre a modo de pórtico o relato.
Unha narración de narracións. O poder da contada, esa supremacía da historia e da palabra. A amalgama de tempos mitolóxicos e históricos. A cultura como unión de ciencias e letras, a defensa da matemática.
Cando o inimigo é tan forte a loita semella inútil, pero aínda así, ante a evidencia de que se vai perder… hai que actuar. E nós, que somos herdeiros pola forza, como dixeran Xurxo Ayán e Manuel Gago, teremos que ver o papel do patrimonio como a historia que nos construíu, aquilo que outras e outros fixeron por nós.
Certamente, o que menos me gusta do libro é esa parte final na que aparecen os agradecementos como se fora un capítulo, igual que o glosario. Tocará estudar este tipo de presentación, esta maneira de entregar unha historia aos lectores e lectoras, pois hai unhas horas escoitei en relación a unha novela: “Non me gustou a edición: a letra é moi pequena e o papel escuro. Non apetece ler”.E se non apetece non se produce o gusto pola lectura, non hai fomento lector.