venres, 1 de setembro de 2023

Un novo título en Merlín Cómics

Incoloro. A profecía dos sangues de José Malvárez Carleos publicado na colección Merlín cómics de Xerais, preséntase así:"Os sangue vermello tomaron o control das terras de Aórtica e escravizaron os sangue verde. A única esperanza deste pobo é que se cumpra a profecía segundo a cal un sangue branco conseguirá liberalos. Mentres esperan, uns rebeldes buscan a maneira de atacar o castelo dos sangue vermello, sen moito éxito. Ata que unha descoñecida rapaza chega á aldea..."

Tres sangues, coma tres aneis. O sangue branco é o que pode liberar aos sangue verde dos sangue vermello. Unha nena que non lembra nada, case nin o seu nome; ela ten sangue branco, ese que o cura todo. A historia ten interese: unha redención pendente, "a esperada" necesaria para a liberación do pobo escravizado, un personaxe que semella que axuda pero traballa para o inimigo (o home da taberna como na filla de Ryan), en realidade un traidor (que antepón os intereses da súa familia aos do seu pobo), alguén que cre o papel de liberador pero é simplemente un mártir ao que traen ao sacrificio (como en Elipse de Ferrín)

O peor: esa manía de non facer unha historia clara (o que non quere dicir transparente) pero que se entenda o que aparece no volume... Semella que vai haber un "continuará", iso está ben, pero a presentación dos personaxes e o engadido da narración só pode ter interese para poder poñer o nome de transmedia que lle pasa a moitos cómics que resultan ser produtos de autor/a pero que non dan os pasos que os vai facer tamén do lector/a? Seguiremos afondando...


mércores, 30 de agosto de 2023

Ai, o plurilingüísmo en forma de conto rimado

 

Aí o temos, un conto sobre un caraguexo que vai aumentando o seu tesouro coa axuda doutros habitantes do mar: a ameixa, a vieira, o berberecho, o longueirón, a ostra, a zamburiña e o mexilón. Un texto (conto rimado) de Alba Rozas e José Manuel Dopazo con ilustracións (que ocupan todo o libro e conseguen bos resultados coa introdución do dixital) de Iago Torres e con tradución ao portugués de Bruno Ruíval e ao inglés de Inma Pérez Casal. O tesouro do caranguexo está publicado por Boadice.

luns, 28 de agosto de 2023

Asperger e premio

Acaban de publicar o premio Carlos Mosteiro de Literatura Infantil 2022, Teño un volcán dentro de María Canosa, ilustrado por Zaida Novoa.

O retrato dunha familia na que nace un rapaz con Asperger. O seguimento da súa vida e da relación coa familia e a escola, vista dende os ollos da irmá, uns anos máis vella. Vai contando, centrándose nos sentimentos, dende o momento no que o bebé lle agarra o dedo ata ese instante no que deben tomar distancias. Mi e Lu forman un tándem, no que ela asumiu o papel de coidadora, unha coidadora que non pode mostrarlle os afectos tal como os sente, que ha de estar atenta ás súas reaccións... que, a pesar de todo, de compartir habitación e tempo, non acaba de entendelo de todo.

Así se presenta: 

"Miguel observa o mundo con ollos comúns, pero ten unha mirada diferente. A súa cabeza procesa as cores, os números e a música dun xeito especial. Quen o rodea é consciente do extraordinario do seu interior.
Miguel sente que baixo o peito algo estoupa.
Ten un volcán dentro."

Así comeza (ou case):"Miguel pasou, nese mesmo momento, a converterse no centro do meu universo. Nacera, o meu irmán, transformando a nosa vida para sempre. E eu souben, desde ese primeiro momento, que era un ser singular e inigualable. Non respondía só ao feito de que fose o meu irmán, nin de que se tratase dun ser indefenso, nin de que producira en min sensacións ata o momento descoñecidas. Como predicía a claridade do cuarto, Miguel era un ser dotado de brillo. Un ser de luz. Un faro. Por iso me atrapou desde o inicio.  

 

 

xoves, 24 de agosto de 2023

NEE BARROS e o V premio Mª Victoria Moreno de Literatura Xuvenil

 

Eu descubrín a Nee Barros nos vídeos de literatura galega que colgaba en Neumatiko. Un luxo, alguén adolescente contaba aos pares a historia da literatura, coas súas palabras, tal como a entendía e a divulgaba, algo marabilloso que nos facía lembrar a aquela xente do Seminario de Estudos Galegos estudando e divulgando.

Logo comezou a falar de obras particulares, foi dunha cousa a outra como algo natural. E rematou (por agora) falando de xénero e escribindo. Acabo de ler Nom estamos quebrades, publicado por Cuarto de inverno despois de ter recibido o V Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil. Cóntase en primeira persoa o tempo dunha estudante de filoloxía, autista, e a súa busca de quen é: heterosexul, homosexual, bisexual, asexual ou...? Nesas estamos, en descubrir quen é e o que sente, como se relaciona cos demais nunha obra que profunda nesas interioridades que tamén son política e sociedade. Tal como se di na nota de prensa "en linguaxe non binaria e galego reintegrado, representa a a diversidade, a empatía na descrición da amizade e os conflitos e dúbidas que xorden nas relación sociais. Non faltan nela unha morea de referentes do panorama galego a nivel musical e literario". Carmen Fouces declara "Unha temática que sempre estivera aí pero invisibilizada. É preciso escoitar e aprender do que a xente moza ten que contar. Penso que a obra vai ser referencial para o universo xuvenil e un espello para moita xente. ” Nee afirma: "Procuro representar realidades que vivo ou presencio a diario e que non están representadas, falo de modelos de relación que non coñecemos tanto, persoas racializadas, autistas, busco normalizar o uso do pronome elu e do xénero neutro, o galego reintegrado, etc.”

Un libro valente, sen dúbida!

martes, 22 de agosto de 2023

Os libros das Letras

Aquí está Francisco Fernández del Riego. O legado silandeiro da man de Héctor Cajaraville. Este autor xa leva realizado as correspondentes aproximacións aos anteriores homenaxeados: Antonio Fraguas, Carvallo Calero e Delgado Gurriarán. Un verdadeiro experto nos ilustres.

Neste caso, faille fronte á figura de Fernández del Riego a través dunha biografía que vai salpicada de cartas que, en momentos determinados este lle escribe a diferentes persoas: Álvaro Cunqueiro, Valentín Paz Andrade, Ramón Piñeiro, Celso Emilio Ferreiro, Antonio Fraguas e o propio autor. A continuación realiza unha cronoloxía recollendo a relación da biografía con cada un dos anos vividos e algún feito histórico de relevancia. Continúa cun listado de obra publicada nos diferentes xéneros: ensaio, narrativa, edicións, antoloxías e traducións. Recolle tamén os recoñecementos que recibiu don Paco e, para finalizar, a bibliografía utilizada tanto en papel como dixital.

O legado silandeiro é un bo título, porque del Riego foi un home silencioso que non se fixo ver a pesar de traballar moito e ben. Ademais dos seus estudos sobre o país, a literatura galega, os diferentes escritores e artistas, as cidades e provincias... hai que ter en conta as edicións de obras e as escolmas que divulgaron a obra dos escritores e tamén a narrativa de creación. Pero, ademais de estudoso, del Riego foi un home "de relación" que puxo a escribir a moitos autores que sen o seu apoio non o farían, axudou á publicación das súas obras... polo tanto fixo posible unha literatura máis rica. Creou as bases para posibilitala por medio da creación da editorial Galaxia e os estudos a través da revista Grial. Puxo en pé e mantivo a Fundación Penzol nesa Casa da Cultura Galega en Vigo onde el mesmo deixou os seus arquivos, biblioteca e colección de arte. Un home da literatura e do xornalismo, un pensador e activista galego a favor da identidade, un home de acción que fixo pola RAG en catro anos o que outros non conseguiran, un activista que levou a cabo o seu proxecto dentro do exilio interior. Un home de ben!

domingo, 20 de agosto de 2023

Unha nova obra de Eric Carle en galego: A araña moi ocupada

Unha nova obra de Eric Carle en galego: A araña moi ocupada publicada por Kalandraka, na colección Tras os montes.

O vento trae unha araña e todos os animais da granxa pasan por onde ela a convidala: a dar un paseo co cabalo, comer herba coa vaca, a correr polo prado coa ovella, a saltar nas rochas coa cabra, a envorcallarse no barro co porco, a perseguir un gato co can, a durmir unha sesta co gato, andar no estanque co parrulo... ela non contesta porque está moi ocupada tecendo a súa tea, cando o galo lle propón atrapar unha mosca pesada ela atrápaa e logo durme porque está moi cansa, leva todo o día ocupada e non contesta ó moucho que pregunta quen construíu unha tea tan bonita... 

A repetición "Pero a araña non respondeu. Estaba moi ocupada tecendo a súa tea" vai con nós, ao longo do álbum, creando un ritmo e un acompañamento no que as persoas adultas poden colaborar coas prelectoras lendo a pares.

A tea e a araña están feitas en releve e poden seguirse cos dedos dende as primeiros pasos da elaboración ata o produto final. As ilustracións están realizadas con colaxes e xogando con cores en combinacións diversas e abstractas.

luns, 14 de agosto de 2023

Unha novela de temática transexual acada o XIX Premio de Literatura Infantil e Xuvenil "Pura e Dora Vázquez"

Unha novela de temática transexual acada o XIX Premio de Literatura Infantil e Xuvenil "Pura e Dora Vázquez" da Deputación de Ourense.

Un premio que se caracteriza por unha mala distribución de forma que non sempre damos accedido ás obras ganadoras pero que conta cunha característica moi especial: premiase a obra e máis tarde premiase á ilustradora ou ilustrador que mellores imaxes lle pon. Pois ben, na letra Francisco Castro Veloso e nas ilustracións Elena Andrés. O seu título Xoán, Xoana

Na nova de prensa recóllese, a respecto do libro, que defende valores a ter en conta como a reafirmación da identidade na adolescencia, o bo manexo do rexistro de personaxes e do ritmo narrativo ou o a visibilidade dos aspectos de xénero que trata con naturalidade nun contexto educativo, a maneira na que aborda situacións de conflito como é o acoso, ou o tratamento do fútbol e a distribución dos patios de recreo e como reflicte un problema que se presenta tanto entre a rapazada como entre as persoas adultas (no colexio, e na familia), pon sobre a mesa a perseveranza e a loita, pero tamén o respecto, a empatía e a integración, así coma a necesaria convivencia en sociedade, co cal provoca que o lector sinta empatía polas persoas que son diferentes e ponnos -a nós- diante do espello. 

Xoán séntese Xoana, quere que lle chamen así, porque se percibe nena, quere vestirse como unha rapaza e actuar como tal. Faino dunha maneira moi natural e ten a sorte de contar cunha amiga que a acompaña neste proceso de cambio. A nai tamén o fai e un profesor que está disposto a colocarse na diana vindo ao centro en saia para obrigar a enfrontar o problema... pero son moitos os que non poden admitilo: ao pai cústalle traballo, os avós non dan reaccionado, os compañeiros acósano, a directora do centro reacciona da peor maneira posible, as familias no whp, o ciberacoso... e como detonante unha liga de fútbol. Os de Atrás sempre dispostos a atacar e fronte a eles só pode resistirse, ademais, da súa posición clara e valente, pode contar co apoio de xente que decide actuar e non gardar silencio ante o asoballamento, os prexuízos e a inercia de querer que todo continúe igual. Realmente, só cando se provocan iniciativas de respecto e igualdade son posibles os cambios.

Sexto de primaria, dez días cara ao final de curso, días que se contan cara atrás (quedan 12 /9 7/ 8 /...)  días para o comezo da liga), a violencia vai en aumento e pode estallar en calquera momento, van necesitar axuda... e conseguirana (hai xente disposta a pintar a bandeira multicolor na patio unha noite, a roubar as porterías de fútbol outro e incluso e levar os balóns para que nons e poda xogar). A voz protagonista, resulta por veces algo infantil e outras moi madura, seguramente son así cando teñen once ou doce anos, sempre decidido e con argumentacións fronte á violencia, disposto a recibir golpes e insultos antes de volverse atrás, a pesares das dúbidas que por veces a asaltan. A pesar de tantas bágoas, de tantos malos momentos, Xoana resiste e o mundo vai ser algo mellor.