venres, 14 de xuño de 2024

Dous álbums de Hércules

Conto da Travesía das Musas de Joao Pedro Mésseder con ilustracións de Raquel Senra, traducido por Anxo Tarrío e publicado por Hércules Ediciones. 

Así se presenta:"Travesía das Musas: unha rúa estreita, nun barrio vello e pobre dunha antiga cidade. Nin merecía que lle chamasen rúa, só travesía. Pero neses lugares é onde se agochan, ás veces, a aventura e o desexo de liberdade de quen se sente só e preso. Ademais, as Musas son as inspiradoras da poesía, dos poetas… E, naquela pequena rúa, había poesía e diversión no aire. Xan parecía respiralas. E os seus veciños tamén."

Ben contada esa historia dun neno que observa os personaxes da rúa: o borracho, o garda, os nenos pobres que xogan... Unha narración case, ao estilo de Juan Farias. 

 

A canción do cambio. Un himno da infancia de con ilustracións de Loren Long, traducido por Ivonete da Silva e Fe González, publicado por Hércules Ediciones.

Así se presenta:"Unha nena entoa unha canción de esperanza, solidaridade e coraxe e o ritmo arrastra a súa veciñanza polas estradas da cidade nunha marea musical que roxe, medra e escorrenta os medos, No camiño aprenden que temos o poder de transformar a nosa contorna e que o cambio comeza por cada quen. Un poderoso himno ilustrado que a poeta e activista Amanda Gorman dedica ás nenas e nenos que desexan erguer a súa voz para conseguir un mundo mellor." A autora é a poeta comprometida que participou na toma de posesión do presidente Obama. As ilustracións son moi boas que xogan con murais nos que aparecen figuras como Martin Luther King. Fanse presentes as diversidades funcionais e a rapazada que se vai apuntando ao cambio, uns detrás doutros, fai visita a maiores, recolle lixo, constrúen pontes e son solidarios. Repiten: sinte o cambio e une a túa voz ao son e... alá van todos desfilando, "transitando polas nosas diverxencias / para probar que somos iguais así. / Son o cambio que desexas ver. / Cando eu medro tamén el inza / Son xusto o que o mundo precisa. /Somos a onde que comeza medrar/ (...) Xa oímos os acordes do cambio, / e ti, non ves cantar?"

mércores, 12 de xuño de 2024

Aburrimento, soidade e perigos

Tarde de sapo de Maite Mutuberria está traducido por Manuela Rodríguez e publicado por Kalandraka na colección Demademora

Preséntase así: "Unha proposta divertidísima repleta de xogos fónicos e con ritmo narrativo crecente que conduce o lector ata un inesperado final." A repetición como recurso principal, unha gama de cores moi escollida, un debuxo case minimalista sobre fondo de cor, un animal que se mantén e os outros que van pasando con rapidez polo relato. Porque a historia é a dun depredador polo que os demais se preocupan porque o ven aborrecido, soíño... e póñense a facerlle a vida un pouco mellor pero o resultado para eles non pode ser peor. Quen si consegue distraelo é o saltón que o "enreda" para que se distraia "desenredándose". Creo que dá para divertirse moito pero tamén para aprender porque "a tarde coma outra calquera" pode converterse noutra cousa.

Un marabilloso álbum no que as onomatopeas teñen un papel importante!

martes, 11 de xuño de 2024

Un novo libro da colección Tucán de Edebé

A lectora de mentes de César Mallorquí con ilustracións de Sergio García, traducido por Isabel Soto, está publicado na colección Tucán de Edebé.

Da presentación editorial: "Olivia tiña catro anos cando leu por vez primeira a mente da súa nai. A partir dese momento, o poder de Olivia foi medrando aos poucos. Daquela, a cativa descubriu algo: a mente de cada persoa ten un «olor», ou un «sabor», ou un «son», ou un «tacto» distintos. Con todo, nunca topou nada tan horrible e noxento coma cando, algúns anos despois, captou a mente do monstro."

Cando revisamos a biografía de César Mallorquí atopamos perlas como esta, é fillo do autor de El Coyote,publica o seu primeiro relato con 15 anos e con 17 faise colaborador de La Codorniz. Conta con máis de corenta libros e de trinta premios.

Hai que ler o libro para ir meténdose nesa mente que vai lendo as dos outros ata case tolear co ruído cando está ante unha multitude, observar como pode superar ese problema grazas á súa alma xemelga e como xuntos han de enfrontarse ao horror de horrores: outro lector de mentes da peor calaña ao que non se lle pode ler a súa... como farán para librarse del, quen acudirá na súa axuda? Porque ás veces, os seres que semellan máis indefensos son os que gardan as forzas máis grandes, os que poden salvar asituación por difícil que sexa.

domingo, 9 de xuño de 2024

Unha novela que trata as emocións

Burbullas de calma serena de Andrea Maceiras e ilustrado por Irene Sanjuán está publicado por Cuarto de inverno.

Así se presenta na páxina da autora: "Burbullas de calma serena fala de Casiopea, unha gata doméstica, pouco afeita ás aventuras. Non pode imaxinar que será a primeira gata de Agarimo en ver un alien, tampouco que o acollerá na súa casa nin o desastre que se vai formar. Do outro lado da rúa, Alma vive con ansiedade a chegada dos seus tres terribles curmáns. Noa está sempre enfadada, Luc non para de chorar e Nico só cala e observa. Así é imposible concentrarse nos deberes de matemáticas!  Malia todo, Agarimo non é un lugar tan tranquilo como parece… E un alien capaz de fundir todas as luces da urbanización cando perde os nervios non é un segredo fácil de agochar. Se cadra, no planeta Sosego teñen razón e a calma é a solución perfecta. O problema é que, ás veces, as emocións estouran coma burbullas."

As ilustracións non defraudan, conseguen levar ao lectorado nesa viaxe por Agarimo acompañando aos personaxes por unha historia que arraigan no posible dentro do xénero infantil. Extraterrestre que pode converterse no que lle gusta, casa de astrónomos que están fóra e na que a nena veciña coida do gato, os primos que veñen para darlle a volta ao mundo tranquilo e amoroso de Alma... con ese cóctel asistimos ao mundo visto dende a mirada dunha gata que adopta a un extraterrestre; este vailles mostrar a forma de poder controlar as emocións, si farao despois de ter fuxido do seu planeta por non aguantar tanto sosego.

sábado, 8 de xuño de 2024

Obras traducidas (I) Banda deseñada: unha aventura de Ideafix o can irredutible.

Ideafix e os irredutibles en loita contra os romanos de R. Goscinny e A Uderzo con textos de M. Choquet - Y Coulon - J. Erbin e debuxos de J. Bastide - P. Fenech, traducido por Isabel Soto, Xavier Senín e Alejandro Tobar. Publicado por Xerais.

Da presentación editorial: "Ideafix, o fiel compañeiro de Obélix, protagoniza agora unha nova colección de cómics baseados na primeira serie de animación para televisión derivada do universo Astérix. Nela descubriremos a historia de Ideafix e a súa banda de irredutibles antes de que o carismático cadeliño coñeza os famosos heroes galos. Nas páxinas deste libro, Ideafix e os seus amigos (cans, gatos e mesmo aves) loitan sen cuartel contra o invasor romano, que trata de romanizar a Lutecia antiga, e establécese así un paralelismo co que ocorre nos famosos álbums creados por Goscinny e Uderzo."

Realmente chama a atención o traballo profesional de guionistas e ilustradores que funcionan a modo de equipo de guionistas de serie de televisión dando vida e continuidade á creación dun imaxinario que seguimos recoñecendo.

mércores, 5 de xuño de 2024

A última obra de Ledicia Costas, un álbum

Sete dentes de león de Ledicia Costas e David Sierra é un álbum publicado por Xerais.

Da presentación editorial: "Esta historia sucedeu cando o mundo era gris. A vella tivo sete soños durante sete noites e naceron sete dentes de león que acenderon o mundo."

Un novo mito da creación do mundo, a aparición das cores e a explicación do nome do arco da vella.  Plantas que nacen de soños e soños que provocan nacementos. Nubes que podes pescarse e gardarse.

Un libro para ler e ver, para mirar paseniño e paseniño, observando cada imaxe e cada detalle. Unhas ilustracións que poden lembrar as de artistas do Leste dunha determinada época e que colocan a historia nun mundo propio

luns, 3 de xuño de 2024

Un novo título con premio de Carlos Labraña

Carlos Labraña como moi ben explica Montse Presas escribe un teatro infantil que non só non lle fuxe á problemática actual senón que se apoia nela. Ese punto de compromiso coas dificultades que, tamén a rapazada, percibe achégalle unha dose moi importante de especificidade.

Se en Moito Morro, Corporation falaba da situación ante os bancos, en O valo faino ante unha guerra que semella non ter fin, en Mambrú volveu da guerra intérnase na memoria histórica e en Ícaras nos desafiuzamentos.

Ícaras ilustrado por Lara Méndez (de xeito moi pero que moi correcto representando eses dous personaxes femininos de maneira sinxela pero con moito acerto) é o último libro, preséntase así: "Lía garda un segredo, a súa nai fíxolle unhas ás con plumas de cores, pero non lle ensinou a voar. Ana, unha estudante universitaria que traballa na hamburguesaría do barrio, nin sequera ten ás. Nun anoitecer, vanse cruzar os seus camiños e descubrirán que hai máis cousas que as achegan, que aquelas que as separan. Indo xuntas, serán capaces de voar?" Esta obra acadou o premio O Facho de teatro infantil 2022.

Unha historia lírica para envolver a crueza dunha situación á que non debería verse sometida a infancia. Un final aberto que permite a esperanza ou a desesperación máis absoluta. Un acerto esas ás, esa acción de voar como un acto de liberdade ou de abatemento total, esa mirada á casa que foi fogar e na que agora vive outra familia...

Os seres humanos, de un en un, fronte ao que comercia coa vida, as grandes cadeas que non perdoan.