venres, 8 de agosto de 2025

A tradución do premio Edebé de Literatura Infantil

Sé tartaruga de Agustín Sánchez Aguilar con ilustracións de Anna Baquero está publicado na colección Tucán de Rodeira.

Así se presenta: "O galo Lourenzo está a pasar unha mala tempada. Leva moito tempo sen traballo e non ten cartos. Un día ofrécenlle ser profesor de canto e Lourenzo entusiásmase, porque a música é o seu. Pero o traballo non é o que esperaba.… As súas alumnas son as Wonderful, cinco tartarugas vellouqueiras que teñen unhas voces espantosas! E o peor é que pretenden que Lourenzo as axude a gañar un concurso de canto.… Co seu entrañable optimismo e a súa bondade infinita, as tartarugas porán a proba a paciencia do galo e aprenderanlle que, nesta vida, o que importa non é chegar lonxe, senón gozar do camiño." 

A personalización dos personaxes tanto no texto coma nas ilustracións é tremendamente interesante. Un galo personalista en tempo de derrota despois dun fallo nunha actuación, o paro e a falta de recursos. Unhas vellas tartarugas no que podería ser un centro de día, buscando alguén que as prepare para participar nun concurso de canto non pola vanidade de ganalo senón por conseguir os cartos para o tratamentodo filla dunha empregada do centro. Elas son tan amorosas, tan solidarias, tan positivas, semellan tan inocentes... que acaban ganánndolle a partida ao galo amargado e malhumorado que nun pricipio ala pero nun momento determinado dilles todo o que pensa delas, pero a vida ten as súas cousas e haberá un amaño e todo se resolverá da mellor maneira posible. Aprendizaxe da vida lenta (tan de moda) e do poder dos afectos. 

xoves, 7 de agosto de 2025

Álbums ao paso

Bruno de Emilio Urberuaga, traducido por Xosé Duncan e publicado por Bululú. Letras maiúsculas para contar a historia de Bruno, un ser que se aburre e vai xogar a transformarse mentres percorre os números do 1 ao 10 (un dromedario, dous camelos, tres ovellas, catro gaivotas, cinco peixiños, seis narvais, sete crocodilos, oito cebras, nove xirafas, dez cacas nas que non se transforma porque lle dá noxo) ata que atopa a mellor compañeira de xogos. As imaxes máis esquemáticas, as cores mínimas... ao servizo da expresividade.

A pantasma colorida de Gema García e Rocío Pedreira publicado por Hércules Ediciones na colección Novas lecturas de Hércules. No país das pantasmas todo era de cor branca agás o xardín das flores, por iso hai unha prohibición (as pantasmas non poden tocar as flores), unha pequena pantasma non o pode evitar, achégase e non quen de recuperar o branco da saba, pide axuda inutilmente e acaba fuxindo, pero vai atopar un rapaz que lle axuda e fará que o mundo das pantasmas cambie de cor. Letras maiúsculas e ilustracións axeitadas.

O misterio do tulipán de Yolanda Álvarez Castro publicado por Peruchela Edicións. Letras maiúsculas. Unha historia coñecida, a formiga diferente que gusta cantar e á que lle falta unha pata (lembramos A formiga coxa de Marilar Aleixandre?), fuxe e métese nun tulipán a vivir, alí recibe a visita doutros animais que a animan porque todos son diferentes e algún defecto (por chamarlle dalgunha maneira) sempre teñen. Ao final un poema para as nais. Unha obra prescindible (agás que demostren o contrario). 

mércores, 6 de agosto de 2025

Álbum ilustrado e Libro CD

Querémoste profe de Luís Almavisca e Mar Ferrero, traducido por Maruxa Zaera e publicado por NubeOcho

Preséntase así:"Mofeta, Esquío, Raposo, Osiña, Parrulo, Ra e Coello van todos os días á escola cun sorriso porque a súa profe, Gacela, é a mellor. Apréndelles a ler, a cantar e a bailar... e ademais, escóitaos e compréndeos. Pero un día, cando chegan á aula, non hai ninguén agardando por eles. Onde está a profe Gacela? Que lle pasaría? Mofeta, Esquío, Raposo, Osiña, Parrulo, Ra e Coello deciden ir á súa casa investigar." 

Moi tenro, tanto nas ilustracións coma no texto. Este grupiño de crías que van á escola, cando descubren que a profe está enferma, visítana, fan merendas para que coma, lenlle o conto (este mesmo) cando chega a noite... O bosque está pendente da profesora e todas as criaturas dispostas a coidala (igual ata algo de máis). Nas ilustracións descubrimos que un dos alumnos vai en cadeira de rodas, polo tanto visibiliza a diversidade funcional.

A Ramona pequena vai á lúa de Pakolas aparece na colección Sonárbore de Galaxia.

Preséntase así: "Viaxa con Ramona dende os seus pensamentos ata a Lúa, dende as súas inquedanzas ata as súas xenialidades e dende o seu maxín ata onde queiras chegar. Quebra os límites con nós nesta nova aventura rockeira!"

Paco Cerdeira, Pakolas, é músico, compositor e produtor, comezou os seus pasos como membro do grupo Mamá Cabra. En 2014 forma a banda de música infantil, A Gramola Gominola, editando o seu primeiro traballo en 2015, A Gramola Gominola, para seguir con Cancións para desafinar (2017) e Bravas. O rexurdir da luz (2019), todos en Editorial Galaxia,  e tendo como eixe central o rock and roll, sendo unha proposta didáctica para os máis cativos da casa. O seu primeiro traballo en solitario sae en 2017, Pakolas (Galaxia), co apoio do Colexio Profesional de Logopedas de Galicia.

Poemas, conto coa protagonista e material de traballo no código QR.

martes, 5 de agosto de 2025

Un poemario de Elvira Ribeiro Tobío: Mar de mazá

 

Mar de mazá de Elvira Ribeiro Tobío con ilustracións de Begoña G. Arce é unha nova proposta que non nos vai deixar indiferentes. Un percorrido poético polos mares, cun poema de entrada (Convite) e outro de despedida (Maradeus), dezaseste en total, cheos de referencias. Conta a autora que levaba gardado, como a riqueza nun cofre, todas esas ideas, palabras e historias relacionadas co mar, de tal maneira que chegou o momento de recollelas nun libro. Un fermoso volume de bo tamaño que se completa cunhas ilustracións pouco comúns (neste tipo de publicación para rapazada) de Begoña G. Arce; debuxos en branco e negro cheos de misterio e suxerencias, unhas imaxes que se prestan a buscar significado e nos poñen en situación de recoñecemento, de adiviñación, de poñer a imaxinación ao servizo da busca. Xeografías propias, mapas case imposibles, cidades irreais, illas inalcanzables, natureza inviable, mundos oníricos que semellan falar de surrealismo. Se buscamos o campo semántico de mar, o noso propio léxico e imaxinario marítimo, seguramente atoparemos coincidencias con este mundo de Elvira. Porque aquí están os poetas medievais, os piratas, os sete mares, a illa do tesouro, o "nós tamén navegar" de Xohana Torres, os faros, as crebas e os tesouros.

Xa Elvira nos trouxera o mar no libro As redes de Inés de 2014, xa limitara as vocais no poemario pAlAbrAs brAncAs e 2008 para publicar a biografía de Maruja Mallo formando parte da Mulleres bravas da nosa historia e  2017 e mais o álbum ilustrado Ola!, son un bicho bóla! en 2019. Sempre situándose en territorios propios, non repetíndose, creando con toda a imaxinación e o oficio en xogo.

Un bo libro!


luns, 4 de agosto de 2025

Varios e variopintos

 

Antonio, o pintor con texto de Sara Quintana e ilustracións de Polo correo do vento está publicado por Lela Edicións grazas á colaboración do concello de Tomiño, a A.C. Antonio Fernández e a Fundación Xavier Pousa.

A vida do pintor que nace en Tomiño e vive entre Brasil, Italia e a súa Terra. Un artista de calidade e xeneroso, que despois de entegar obra aos museos de Galicia, lega todo o que lle pertence á veciñanza. Comparte o seu tempo con Eliseo Alonso, Xoán Piñeiro, Xavier Pousa...Ben merecía este libro, a rúa e o CEIP que levan o seu nome. Benzóns!!

Historias Colexiadas. Ilustres contadas de César L. Mougán e Héctor J. Pérez Cortizo aparece publicado por Medulia en tamaño grande. As ilustracións acomapañan cada texto e esténdense ocupando dúas páxinas. Un libro de poesía... Así aparece na páxina editorial: 

"Resumo: As tradicións populares, o mundo animal e o mundo da natureza, xunto con referencias ancestrais como os mitos e as meigas, o mar e os seus tesouros conforman as páxinas dun libro dirixido ás crianzas, moi recomendable para usar como ferramenta nos colexios de apoio á lectura."

domingo, 3 de agosto de 2025

Álbums que falan de ecoloxía sen nomeala (II)

Debaixo do asfalto, a flor de Mónica Rodríguez e Rocío Anaya traducido por José Luis Garrosa e publicado por A fin de cuentos

Así se presenta:"Neste lugar, cuberto agora de asfalto, houbo hai tempo unha terra verde e altas árbores e mesmo un río de augas sonoras. Un día, unha familia de vendedores ambulantes acampou alí. Foi León, o do riso bonito, quen descubriu a flor. Coidouna, evitou que os outros nenos a esmagasen e fíxoa a súa amiga. Sentaba a carón dela para ver pasar as nubes e contarlle anacos da súa vida. Contáballe o da súa vida errante, o da burriña Brisa, o de Camila, cuns dedos que un día se entrelazaron cos seus."

Cunhas ilustracións en base a manchas nas que as figuras aparecen case indeterminadas, un texto que nos fala do pasado, das lembranzas de alguén que pasou por un "aquí" e cóntasenos que un día houbo unha flor e natureza onde agora só queda asfalto, dos coidados que un rapaz lle prestou á flor (igual que nun planeta distante fixera o Principiño). Fálasenos da vida errante dunha xente que viaxa nun carro, do que fai cada un deles, da noite ao redor da fogueira e de coma o vello lles conta historias (ou máis ben sucedidos como ese de cando lle entrou un oso no carro). León, o neno que coida a flor, fálalle, cóntalle a súa vida, explícalle de maneira fabulada a razón pola que vai descalzo ou leva a roupa esfarrapada; é el moi sensible por iso sofre cando venden a burra Brisa ou cando tivo que despedirse da nena Camila da que estaba namorado por iso lle dará ese nome á flor.

O val silvestre, tal como era, resultaba misterioso e belo, a irmá pequena paseaba cunha manta longa nos ombreiros que cubría os prados, tal como a capa dunha raíña. Cando marchan case esquecen a León que estaba deitado a carón da flor mirando o sol no ceo, son os paxaros que comezan a facer círculos no ceo (pensando que está morto) os que delatan a súa presenza. Volven a buscalo e el asomado entre a lona  ve como se afastan o bosque, o río, os prados e a flor que nunca volverá a ser a mesma. Porque onde hai cemento houbo natureza e paisaxe, árbores, flores, prados onde quedaban as pegadas que agora non podemos deixar sobre este chan gris e frío coma os soños cando non os soñamos.

Un fermoso texto que nos leva a pensar no pasado dos lugares e nos nenos capaces de coidar flores ata o punto de esquecerse de todo o demais.

sábado, 2 de agosto de 2025

Libro de coñecemento

O gran libro dos nosos mares de Blanca Millán está publicado por Cumio formando parte desa colección "O gran libro de", todos eles desta autora que xa publicou o da nosa horta e o dos nosos montes. Unha ilustradora e divulgadora que neste caso nos pregunta: Sabías que máis do 70 % da superficie terrestre está cuberta de auga salgada? Este dato pon en valor a importancia dos mares e océanos nas nosas vidas, así como nas de miles de especies animais e vexetais que fixeron deste inmenso hábitat o seu fogar.

Nas páxinas deste libro, agardante moitos datos curiosos, ideas inspiradoras e actividades divertidas para que explores o mar en toda a súa grandeza. Ben sexa que esteas a gozar dun día de praia, explorando o porto ou practicando algún deporte acuático este libro convídate a mergullarte nunha viaxe emocionate. Embarcaste nesta aventura?

Olibro consta dos seguintes apartados que nos falan da súa riqueza e variedade: Un mar de auga, O mar sempre en movemento, Os nosos mares e os noso ecosistemas, Aves á vista!, No verán imos á praia, Na area tamén se pode vivir, O mar tamén ten plantas, Quen vive no mar?, Como peixe na auga, Tempo de deportes acuáticos, Un paseo polo porto, O mar dá moito emprego, Imos de pesca, O mar é unha delicia, Unha pesca sustentable,Un océano en perigo, Os nosos mares necesítannos,Un mar dentro da casa e E agora, a xogar! Polo tanto, remata con xogos e actividades na natureza, para diferentes idades.