domingo, 5 de outubro de 2025

Partes de serie


Curriño. Fama ou fuga de Ledicia Costas está ilustrado por Mili Koey e publicado por Xerais. Terceira parte da serie protagonizada por ese can, Curriño, ao que lle pasa de todo. Pasa de ser un can influencer de primeiro nivel a caer de desgraza? cando a súa ama desaparece levada por unha onda mentres anda  a facerlle fotos. A segunda parte conta a vida do can abandonado na rúa sen ama, como o pasa mal ata entenderse cunha manda de cans libres. A terceira, cóntanos como é secuestrado o can ao ser recoñecido por unha nena que o adora, que ten a súa foto ocupando todo o cuarto xunto con todos os produtos do seu merchaising e como, de novo, se ve abocado a converterse nun can comercial (agor ade máis baixo nivel) ata que consegue fuxir axudado pola manda. Esa nena á que el ve cun brillo diabólico nos ollos de vez en cando, disposta ao que sexa por cumprir os seus desexos, vai ser para elmoito peor que a carracha que levaba no pescozo na vida anterior, ela, Superferolítica, será quen consiga libralo do chip... A diferenza entre as "creadoras de contido" e as seguidoras e fans, unha materia para a reflexión. Igual que a relación coas mascotas, para que as queremos?

O tempo dos influencers, eses seres dispostos ao que sexa por conseguir fama e cartos, os egocéntricos ao máximo, enfróntase ao da liberdade dos animais de rúa. Os avós permisivos pero cun toque. Uns pais dos que nada sabemos e unha nena consentida. Cores alegres, moito rosa que semella ser a cor de moda igual que os selfies...

Así se presenta: "A nova saga infantil de Ledicia Costas, protagonizada por Curriño, o can máis famoso de Internet" "Socorro! Secuestraron a Curriño! Non imaxines uns tipos fortes e con cara de malos, non. A secuestradora é Anxélica, unha nena moi fan de Curriño, que o recoñece na rúa e o leva á súa casa para coidalo e volver facelo famoso. Queira el... ou non. Curriño bota en falta os seus amigos e, aínda que Anxélica é bastante prosma, tamén bota en falta ter preto alguén que lle dea agarimo e que o adore (como debe ser!). Así que terá que escoller. Que prefire recuperar: a súa antiga fama ou a liberdade, que acaba de descubrir?"  

sábado, 4 de outubro de 2025

Traducións: Invisible e Reis da montaña


 Invisible
é un libro de Eloy Moreno traducido por Rosario Baleirón e publicado por Hércules. Un autor de verdadeiros best seller. Un libro gordo de capítulos moi curtos. O acoso, unha vez máis. Unha cita de Batman e outra de Superman dan entrada ao libro. Contado por un narrador en terceira persoa que se alterna coa voz do rapaz protagonista. Esta é a historia do neno que chega a crerse invisible para non deixar de crer na humanidade que o abandona na man dos monstros, un rapaz que pensa que vai desenvolver superpoderes como converterse en Hulk ou facerse invisible para pode escapar da violencia dun copañeiro, dos compañeiros e compañeiras. Unha muller, profesora,  que fala co dragón que leva nas costas lembrando o que lle pasou cando era pequena. 

Porque o acoso atravesa as idades e os anos, o acoso é un mal que só pode sobrevivir se hai monstros activos e monstros pasivos (aqueles que non actúa cando ven o mal, os que calan e ata rin ante a inxustiza e a violencia9, os seguidores dos líderes que se caracterizan xustamente por atacar aos que consideran maís débiles ou simplemente a aqueles que escolleron como presas de caza. Neste caso é porque saca boas notas pero calquera outra podería ser a razón...

Xa sabemos que o maltratado maltrata, coñecemos a teoría pola que fan dano os que están lastimados pero isto convértese nunha espiral sen fin na que as agresión van ser cada vez máis comúns porque cada vez haberá máis a infrinxilas. Pero, se nos parece de cobardes a reaccións do alumnado, que dicir da do profesorado, esas respostas de "foi unha borma", "cousas de nenos", "non vin nada", "Aquí iso non pasa"... entre todos buscan unha vítima que cargue coa agresividade (que de non facelo igual se revertía contra eles), todos son responsables, cada un debería cargar coa súa parte, dependendo sempre da parcela de poder que exercen. É que só o profesorado que sufriu acoso vai ser consciente cando este se produce?


 

Reis da montaña de Daniel Hernández Chambers, premio Edebé de Literatura Xuvenil, está traducido por Belén Rodríguez e publicado por Rodeira. A presentación resulta moi semellante aos libros de peto que publican as grandes editoras e se venden nas tendas dos aeroportos. 

Preséntase a partir dunha pregunta: "O HOME É UN LOBO PARA O HOME? Din que a convivencia crea lazos de afecto, créaos e fortaléceos, pero… sucede o mesmo nunha situación extrema? Que pasaría se un virus acabase con toda a humanidade? Ou practicamente con toda? Un grupo de dez rapaces conflitivos que cumpren condena nun Centro de Menores vese abocado a organizarse para sobrevivir. Un virus letal estendeuse"

O virus é novo pero a maneira de comportarse a humanidade é vella e permanente. É o monitor que os escolleu (aos dez) para levalos de acampada quen lles fala de que a convivencia crea lazos de afecto e son eles os que os van a destruír atacándose e levando a trama a que só queden dous, como no principio dos tempos. Aí está o paraíso, a natureza, e aí están eles, dispostos a destruír o que teñan a man. Un microcosmos que pode compararse co planeta no que estamos a vivir, observando que fan entre si (homes e mulleres) e co medio ambiente, reflexionando sobre esa marcha cara ao fin no que nos destruímos a nós mesmos acabando coas posibilidades de supervivencia sen caer na conta de que non temos a man outro mundo e que somos tremendamente vulnerables.

Si, unha novela que dá para pensar en nós, igual que Invisible. Dous problemas aos que non lle damos atopado solución.  

mércores, 1 de outubro de 2025

Mundo oculto. O rescate do unicornio en Xerais

 

Mundo oculto. O rescate do unicornio de Ana Vigo con ilustracions de Paula Cheshire está publicación por Xerais.

Da presentación editorial: "Unha aventura inesquecible por lugares que todos cremos coñecer, pero que agochan maxia e seres fantásticos. Benvidas e benvidos ao Mundo Oculto!" Da sinopse: "Se a Iria lle dixesen que ía ver un unicornio de verdade, non o crería; e se lle falasen dos seres mitolóxicos que estaba a piques de coñecer (olláparos, demos, xacias) pensaría que se burlaban dela. Por iso, cando atopa o unicornio Rixo e descobre que está en problemas, deberá aceptar que a realidade non é como imaxinaba e unir forzas con Tilo (outra humana que pode ver os seres ocultos) e con Xan (un diaño burleiro queixón) para tratar de salvar o animal, e a si mesma."

Por un lado: unha nena e a súa gata. Un cabreo monumental co pai sen razón. Unha escapada ao bosque e un encontro que lle vai cambiar a vida, polo menos por un tempo.  Polo outro: unha nena todo inocencia, recollida por unha fadas e criada con elas noutro mundo pero que entra neste para axudar a un pequeno unicornio que necesita ter experiencias para conseguir que o seu corno consiga desenvolver toda a súa maxia. Os ocultos e os deste mundo, unha mestura na que os intereses espúreos tamén andan polo medio. Sempre hai malos e a bondade sacando a cabeciña entre a inocencia, esa nena que non sabe nada desta realidade pero está disposta a traballar para axudar a quen o precisa, o diaño que tampouco quere facer mal e que a pesar de querer facerse o alleo tamén está disposto a botar unha man... Unha historia enrebesada con mestura de mundos pero na que a nena protagonista aprende a ser colaboradora e a distinguir quen pode ser amiga e quen non, quen é responsable e quen só sofre as consecuencias do que fan os demais. Aparecen as nenas vivindo co pai porque a nai está fóra, xa como algo natural. 

É esta unha historia longa pensada para maiores de once anos, cunha temática -ao meu entender-  demasiado infantil para esta idade e demasiado longa para a rapazada a quen lle pode interesar a temática. 

luns, 29 de setembro de 2025

Outra novela de ciencia ficción fantástica


Os días derradeiros de Nova París
de China Miéville é unha noval ben estraña polo menos para alguén que non foi tan lonxe neste xénero.

Así a presenta a editorial Boadicea: "1941. No caos da Marsella en guerra, o enxeñeiro e ocultista estadounidense Jack Parsons atopa un grupo clandestino antinazi, do que fai parte o teórico surrealista André Breton. Nos retorcidos xogos de diplomáticos disidentes, revolucionarios exiliados e artistas de vangarda, Parsons acha unha esperanza. Mais o que involuntariamente libera é o poder dos soños e os pesadelos, mudando a guerra e o mundo para sempre.

1950. Thibaut, un solitario loitador surrealista, camiña por unha nova e alucinóxena Paris, onde os nazis e a Resistencia están atrapados nun conflito sen fin e nas rúas asexan imaxes e textos que cobraron vida -e tamén forzas do Inferno. Para fuxir da cidade, Thibaut debe unirse a Sam, unha fotógrafa estadounidense, e faceren causa común cunha poderosa e enigmática figura: o cadáver exquisito.

China Miéville (Londres, 1972) é un dos autores máis afamados da fantasía actual debido á súa capacidade para redefinir os límites do xénero e afondar no new weird, que borra a difusa liña entre a fantasía e a ciencia ficción, entre a cultura pop e a arte culta. A súa traxectoria foi recoñecida con prestixiosos premios como o Hugo e o World Fantasy Award ou o Arthur C. Clark que recibiu até en tres ocasións."

Ben, agora vexamos, como imaxinas que os monstros que aparecen na novela a contra os que hai que actuar sexan as criaturas creadas polo surrealismo? Ir recoñecendo cada unha delas grazas ás notas (máis de 50) coas que finaliza o libro é un exercicio de mestura a arte coa literatura. Algunha vez seguramente temos pensado que esas imaxes nos asustan, que calquera delas podería crear unha ficción literaria, pero seguramente nunca nos pasou pola cabeza que podían acabar nunha novela ambientada na IIGM mediante unha ucronía que nola fai pervivir máis anos.

O autor é home de ideoloxía esquerdista, un verdadeiro adiantado no xénero literario defínese así: "Non son un esquerdista tratando de contrabandear a miña malvada mensaxe polos nefastos medios de novelas de fantasía. Son un geek de ciencia ficción e fantasía. Encántanme estas cousas. E cando escribo as miñas novelas, non as escribo para facer un propaganda política. Escríboos porque adoro apaixonadamente aos monstros, as historias raras de terror, as situacións estrañas e o surrealismo, e o que quero facer é comunicar iso. Pero, como veño a isto cunha perspectiva política, o mundo que estou a crear está incrustado con moitas das preocupacións que teño. [...] Estou a tratar de dicir que inventei este mundo que creo que é realmente xenial e teño estas historias realmente grandes que contar nela e unha das maneiras que atopo para facer que sexa interesante é pensar niso politicamente. Se queres facer iso tamén, iso é fantástico. Pero se non, non é un monstro xenial?"

domingo, 28 de setembro de 2025

Teatro: O galo de Barcelos camiño de Compostela

 

O galo de Barcelos camiño de Compostela de Carlos Labraña está ilustrado por Gabriel Iglesias e publicado por Fervenza na colección A pinguela. Unha nova versión daquel O galo de Portugal camiño de Compostela que apareceu ilustrado por María Xosé Díaz.

Da presentación editorial: "O Galo de Barcelos salvou a vida de milagre. E para agradecerllo ao Apóstolo Santiago, decide achegarse a Compostela. No camiño, atopa unha Estrela que caeu do ceo e quere regresar aló enriba coa súa familia, pero non sabe como. O Galo aconséllalle que o acompañe, que seguro que o Apóstolo a pode axudar. Pero é unha viaxe arriscada, na que baterán con toda clase de perigos. Serán capaces de chegar sans e salvos á Catedral? " 

Os animais sáenlle ao paso para darlle consellos como fai o bufo, para negociar como fai a londra ou para tentar enganalos como acostuma facer o raposo. A estreliña vai perdendo os seus raios, un ao caer, outro gterá que darllo á londra, outro róuballo a raposa e deses dous que lle quedan un decido darllo ao Apóstolo para que ilumine a torre da Berenguela e o outro ao galo para que a lembre e poda buscala no ceo da noite. Unha fermosa historia que bebe da tradición dos milagres do apóstolo e lle busca unha fermosa explicación e esa luz que ilumina a torre ao longo do ano santo. O camiño a Santiago sempre está cheo de aventuras e encontros.

sábado, 27 de setembro de 2025

Libro informativo, libro de divulgación

A historia de Galicia en 30 obxectos é un libro informativo, un libro de divulgación que nos lembra a exposición temporal itinerante 100 Galicia cen. Obxectos para contar unha cultura do Consello da Cultura Galega comisariada por Manuel Gago. Estaba inspirada en A History of the World in 100 Objects do British Museum, estivo comisariada por Manuel Gago Mariño.

O autor do libro, publicado pola editorial Aira,  é David Gesteira e o ilustrador Miguel Robledo. Así se presenta:"Disque os obxectos son quen de gardar o pasado e mantelo vivo para nós. Con este libro vas coñecer como elementos tan cotiáns coma unha campá, un carro, unha moeda ou un reloxo nos comunican coa historia de Galicia.  Polas páxinas desta obra do historiador David Gesteira pasan libros prodixiosos, ferramentas do pasado, edificacións senlleiras e multitude de historias do noso pobo."

Cada obxecto ligado a unha época: biface,  ofrenda de Cavaladre e petróglifo da Pedra da Auga dos Cebros á Prehistoria, estatuíña de Mercurio aos romanos, o xadrez de Ilduara e Rosendo (mundo islámico), o Códice Calixtino ou o alquerque (medievo),  o muíño, a dorna, o hórreo, o lagar, o cruceiro, o carro, o reloxo de sol, o tear, a monteira... á cultura popular ao longo dos séculos. E así van pasando un a un os 30 obxectos nos que o autor se detén sen esquecer adiantos tecnolóxicos como a pila Bunsen, obxectos tan comúns coma o almanaque agrícola ZZ ou tan reivindicativos como a bandeira de Nunca Máis. Remata o libro cunha estensa bibliografía para continuarinvestigando,  

venres, 26 de setembro de 2025

Poesía e publicidade


Véndoche un poema de Fran Alonso afonda nesa relación entre a poesía e a publicidade. Publicado na colección Camaleón de Xerais xoga coas imaxes ata o punto de poder falar de poesía visual e resulta moi evidente a crítica ante a sociedade de consumo que utiliza a publicidade como o deus de todas as cousas. Fran Alonso está disposto a facer incursións na nova poesía, a experimentar  en todos os campos que se van abrindo con camiños polos que transitar. Xa o fixo en Cidades cando trouxo un tema diferentes á poesia infantil, en Street poems co graffiti e a improvisación rebelde, en Poemas birollos para ler coa ollos coa oralidade, a poesía visual e o grafismo, en O meu gato é un poeta co xogo, as novas tecnoloxías e a interacción entre as artes ou en Poetízate cando creou a gran antoloxía poética para mocidade. 

Así se presetna: "Un libro transgresor que dispara poemas á diana da comunicación máis poderosa do noso tempo: a publicidade". "Teñen algo que ver a poesía e a publicidade? A publicidade invade as nosas vidas, omnipresente. O que pode sorprender é que a publicidade bota man constantemente de moitos recursos propios da poesía. Ás veces, mesmo emprega a propia poesía para dirixirse a nós e tratar de convencernos. A partir da relación entre poesía e publicidade, Fran Alonso convídanos a explorar esa conexión amigable e contraditoria, interesada e diverxente, para ofrecernos un libro de poemas directos, incisivos e críticos, escritos desde contextos onde as imaxes de anuncios publicitarios nos rodean e acompañan no día a día. «Véndoche un poema» é un libro transgresor no seu concepto, desafiante e atrevido nos versos, que dispara poemas á diana da comunicación máis poderosa do noso tempo: a publicidade".

Os poemas reflexionan sobre o papel da publicidade nas nosas vidas, quere que axuden a pensar... É difícil diseccionar o obxecto amado e a publicidade sedúcenos coa súa fermosura e brevidade, non nos quere deixar pensar porque sabe que aí está o noso poder (en darnos conta de como nos quere enganar)

Dende a poesía fainos pensar en como nos minte a publicidade e se o fai ela para vendernos produtos comerciais, que non fará a propagando para vendernos ideas falsas ou candidatos asasinos do social e o futuro? Inmersos nun universo de imaxes e pequenos textos estamos ao servizo do consumo ilimitado, dun mundo que se esgota ante os nosos ollos e nós sen tempo de darnos conta de que imos cara a un futuro imposible.

Alguén o dixo antes "Poesía necesaria coma o pan de cada día". Gabriel Celaya non mentía. 

Véndoche un poema. Razoa a publicidade.