domingo, 27 de abril de 2025

Unha serie en BD

Dila crocodila 2. Son xenial de Ana Gómez Hernández está publicado en Triqueta Verde na colección "Aprendendo a ler co meu primeiro cómic".

Todo escrito con letras maiúsculas. Presenta os protagonistas (Dila a cocodila, Mapi o gato, Miñoca, Ovella e Ovella) co que lles gusta e o que non. O gato é moi positivo, a miñoca anda de malhumor e as ovellas son pasotas, todo lles dá o mesmo e semella que non se enteiran moito de case nada.

Da presentación editorial: "Dila vive xunto aos seus amigos Mapi, Miñoca e as Ovellas en Brañavella, un lugar minúsculo onde teñen lugar aventuras MAIÚSCULAS. En SON XENIAL!, Dila e os seus amigos aprenderán que todos podemos ter un talento, aquilo que se nos dá ben facer e co que se nos pasa o tempo voando. En cada libro, atoparán situacións que se parecen moito ás que se poden atopar no patio dun colexio: amizade, rifas, xogos e trampas, xestión da frustración, descubrir os propios.talentos..."

Dila crocodila 1. Espremer os miolos.  Da presentación editorial: "Dila vive xunto aos seus amigos Mapi, Miñoca e as Ovellas en Brañavella, un lugar minúsculo onde teñen lugar aventuras MAIÚSCULAS. En ESPREMER OS MIOLOS (volumen 1), Drila e os seus amigos aprenderán que, para resolver calquera problema, o mellor é pararse a pensar (espremer os miolos) e atopar a mellor solución. E tamén que, pensando en equipo, sempre saen as cousas mellor!"

venres, 25 de abril de 2025

A nena do pixama estrelado

A nena do pixama estrelado de Eduardo Santiago está ilustrado por Eli García e publicado por Xerais na colección Merlín e no tramo de máis de once anos. 

Da presentación editorial: "Unha historia de superación sobre as mudanzas familiares e a axuda da amizade, a imaxinación e o amor." Da sinopse: "Cando espertou, a nena do pixama estrelado decatouse de que non podía mover as pernas. Calquera outra, na súa situación, asustaríase, mais a nena do pixama estrelado non se asustou, non gritou, non se puxo nerviosa, non chorou. Só pensou en cal podía ser o motivo de que as súas pernas non se movesen. No seu décimo aniversario regaláranlle cousas moi valiosas economicamente e tamén un pixama azul poboado de estrelas. Por algunha misteriosa razón, aquel pixama foi o agasallo que máis ilusión lle fixo e, talvez, un dos motivos polos que agora non poida mover as pernas. Hai outros motivos, claro que si, e a nena do pixama estrelado está disposta a descubrilos todos." 

Xa sei, o primeiro no que pensamos é no neno con pixama de raias, ese pixama que podía parecerse ao uniforma que colocaban aos presos nos campos de concentración nazis. Pero non, un pixama de estrelas é algo do que non quere desfacerse a nena, el é coma un amuleto, un obxecto marabilloso que ten o significado do agasallo que os pais lle fixeron no derradeiro aniversario no que estaban xuntos e ela compartíaos na mesma casa. As cousas cambiaron. Certo e resulta difícil adaptarse, a quen non? Esta é unha dificultade á que teñen que enfrontarse os fillos nestas xeracións e o fan con todo a súa capacidade de adaptación, pero ás veces algo falla.

"Cando espertou, o dinosaurio aínda estaba ali" escribiu Monterroso nese microrrelato que é a síntese do xénero. Neste caso "Cando espertou, aquela mañá, a nena do pixama estrelado decatouse de que non podía mover as pernas". Aínda podía ser peor, como lle pasou ao personaxe de Kafka que  "Cando Gregorio Smasa espertou unha noite dun sono intranquilo, encontrouse na súa cama convertido nun monstruoso insecto"  A nosa nena perdeu as forzas e non se pode mover, tirada na cama observa o teito. Xa a noite anterior non era quen de cortar a carne, algo se anunciaba. Un videoxogo, Los Sims, pode ter a clave

A referencia a outras historias como a Raíña das Neves ou Alicia. A curación por amor. A necesidade dunha irmá, dunha amiga coa que compartir o agasallo que máis importa, non o que máis custa. Unha pequena historia chea de auténtica emoción.

mércores, 23 de abril de 2025

El Hematocrítico continúa agasallándonos cunha nova entrega de Dona Problemas

Dona Problemas, rescatadora de mascotas de El Hematocrítico aparece da man de Paco Roca, igual que nas entregas anteriores. Traducido por Anaír Rodríguez co asesoramento literario de Ledicia Costas.  Despois de Dona Problemas e Dona Problemas salvadora da escola aquí está Dona Problemas, rescatadora de mascotas.

Preséntase así: "Tras o seu enfrontamento coa mestra «influencer», que foi retransmitido por televisión, Carlota (Dona Problemas) converteuse nunha celebridade entre nenos e nenas. Recoñécena pola súa cidade e mesmo lle piden selfies e axuda para problemas cotiáns. Así e todo, nin Dona Problemas nin Xoán, o seu axudante, esperaban recibir na escola a visita dunha nena preocupada pola desaparición da súa mascota: unha cacatúa chamada Riqui, pola que agora lle piden un rescate que ela non pode pagar." 

Neste caso, Dona Problemas xa ten que auxiliar máis alá da propia escola, porque xa todo o mundo a coñece e lle pide axuda: ha de botar unha man no cine para colocar a todo o mundo de forma que podan ver ben a pantalla, descubrir a un timador que entregan á policía, dar cunha nova maneira de conseguir cartos ao dar co que pode ser un bo agocho (o sofá, debaixo dos coxíns), atopar a cacatúa coa axuda dunha especialista en paxaros... A súa fama vai en aumento cando unha xornalista decide facerlles unha entrevista a dobre páxina (a ela e ao seu axudante). De todas formas, ese engado de colaboradora marabillosa disposta a axudar onde sexa necesario ou de crítica precisa e observadora do momento actual cando deixa en ridículo á profesora influencer queda nas nosas mentes. Ben é certo que o tema das mascotas tráenos á cabeza o libro de Diego Ameixeiras co que se estrea na LIXG, Xulia Belavista. detective animalista.  

domingo, 20 de abril de 2025

Varios títulos para crianzas

 

Un par de mulleres que escriben e ilustran. Un par de libros. Un par de editoriais

Eli García presenta a banda deseñada O grande aviario en Antela editorial. Imaxes moi boas porque a ilustradora é unha especialista en natureza. Seguindo o paxaro que recolle a moeda que a elas lles caera, Íar e Lea dan cun lugar máxico no medio da cidade, un bosque e unha paxareira inmensa na que as aves poden entrar e saír como e cando queiran. Lea inventa a historia dun hotel de paxaros e Íar, unha gorida na que estes gardan un tesouro... Para finalizar atopamos a referencia á realidade con actividades, máis información relacionada coa historia e un caderno de paxaros para familiarizarse cos nomes populares e científicos, as súas carateristicas e costumes. Ficción e información nun volume. 

Se queres que a crianza se habitúe a recoller os xoguetes e a deixar o seu cuarto limpiño e ben, igual non está de máis O pesadelo de Mateo, porque este neno non recolle (xoguetes, roupa e demais) e ten todo feito un desastre. Cando a nai lle pregunta bótalle a culpa a Pesadelo, pero unha noite aparece ese pequeno monstro e fai o seu traballo de verdade, daquela Mateo ten un segundo problema pero serviralle para darse conta de que hai que actuar doutra maneira, sen esquivar responsabilidades (incluso porque todo ten unha segunda volta e podes atopar a inversa). O pesadelo de Mateo de Estefanía Padulles está publicado por Belagua.


xoves, 17 de abril de 2025

Variedade

Volcán, o cabalo salvaxe da illa de Sálvora de Paula Carballeira, ilustrado por Xoana Almar e publicado por Triqueta Verde.

Da presentación editorial:" Na illa de Sálvora vive Volcán, o cabalo máis salvaxe de todos os que viven alí. Un día Volcán veu algo que flotaba na agua e comezou a correr. Corría ao galope, máis que nunca, e os outros cabalos, eguas, gaivotas e corvos quedaban sen alento vendo o que facía.

Unha divertida historia para coñecer un pouco mais a fauna e a flora das Illas Atlánticas a través da historia de Volcán, un valente cabalo que soña que é libre para correr ao galope sen límites por terras onde acontecen cousas extraordinarias."

Cando a nai lle pon ao seu poldro o nome de Volcán sabe o que fai, cando el corre semella que o fai unha bóla de lume, por iso non dubida en acudir a salvar unha criatura que está a piques de afogar, daquela galopa galopa ata internarse na superficie de mar e agarrar a meniña pola roupa cos dentes para traela de volta á terra. Logrouno! Os pais recupérana felices, Nadia (a nena) volve cada vez que pode para estar con Volcán e contarlle historias para que poida soñar; Nadia significa esperanza e esa é a que mantén Volcán porque non quere ter ningunha atadura e correr sen límites e poder volver "porque sempre hai que ter un lugar onde volver e un amigo ou amiga que te espera". Unha boa ensinanza, non é? 

Rolando, un fío resistente de Alba de Evan e Xabier Domínguez, ilustrado por Paula Cheshire e publicado na colección Árbore de Galaxia.

Da presentación editorial:"Rolando é un artista que tece obras de arte co seu fío en Preto-da-Fonte. Inesperadamente, vese arrastrado a un espazo hostil do que deberá escapar. Ao longo do traxecto atopará aliados inesperados como Silvina, que lle axudará a volver ao seu fogar. No camiño urdirán unha historia de aventuras minúscula onde o máis grande é a amizade. Atréveste a acompañalos?"

Unha historia de animais, arácnidos e artrópodos, arañas, formigas e cascudas, familias que recuperar, exércitos dispostos a cargar co que sexa, animais independentes que pensan que non necesitan de ninguén e outros que tecen redes de solidariedade, buscadoras de liberdade e creadores de beleza que chegan á mesma conclusión "o fío máis resistente que podían tecer era o que os unía: o da súa amizade" 

mércores, 16 de abril de 2025

Paulo está de mal humor


Paulo está de mal humor de Natalia Shaloshvili está traducido por Iago Nicolás e publicado en Kalandraka na colección Tras os montes.

Hai días así, nos que espertas de mal humor e semella que todo é gris e a nube non se vai ir do ceo. Iso lle pasa a Paulo. Todas as propostas da nai lle parecen mal. Para todas ten desculpa: os bambáns balancéanse demasiado, o areeiro está cheo de area, o tobogán esbara moito, a auga está mollada... 

Daquela a nai decide que o mellor é dar un paseo. Aparece unha amiga de Paula que se alegra tanto de velo que lle dá unha aperta fortísima e xuntos vanse animando uns e outras. Porque para o mal humor hai remedio, porque así como ven pode irse, porque non hai nada como unha boa compañía para cambiar a cor do día.

En formato grande, con letras e parte do debuxo en releve... un marabilloso álbum sobre o humor. As ilustracións moi expresivas e ricas vannos levando por mil detalles coa presenza dos ratos aí, á volta da esquina da familia gato, os xoguetes de Paulo, os alimentos, as roupas e complementos que adornan o mundo, o resto dos animais que forman parte desa sociedade e a gran pregunta: como poden ser tan suxestivas as manchas? como se pode conseguir tanta expresión sen apenas detalle?

luns, 14 de abril de 2025

De profesións e avoas piratas


 As estañas profesións do meu pai de Miguel A. Alonso está ilustrado por María Brenn e publicado por Cumio na colección Minicumio.

Así o presentan: "Daniel anda nunha busca intrigante por descubrir a que se dedica o seu pai mentres fai un traballo de clase sobre as profesións. Será un espía? Un axente secreto? A que se dedicará o seu pai?" 

Unhas marabillosas imaxes para acompañar un texto no que o autor xoga co lectorado levándoo e traéndoo por unha historia de indagación a través duns capítulos que van e veñen, que poden repetirse ou saltarse. Todo comeza na escola cando a profe lles pregunta cal é a profesión dos pais e acaba pedíndolles que o poñan por escrito nas vacacións. El vainolo contando todo, directamente, xogando coas palabras porque lle encanta facelo, buscar os sinónimos, el mesmo nolo explica "Por certo, perdoa que, de cando en vez, pare para escribir palabras que significan o mesmo, ou o contrario, pero encántame xogar coas palabras". Non pode negalo.

Moitas sospeitas e poucas certezas en relación ao oficio do pai ou do veciño. Tampouco nós temos moitas a respecto do que pasou coa nai, nada se nos conta e queda como esas cousas que nunca preguntamos e xa é tarde para facelo. Esa parella de pai e neno non sei se existe ou non, pero sería boa cousa coñecelos, os creadores fánnolos tenros, con moito afecto e entendemento entre ambos, compartindo valores e respectándose. O relato cobra riqueza con esa maneira de despistarnos dirixíndose a nós como lectores ou á mestra destinataria da investigación, sexa como for é ben interesante e seguiremos defendéndoo cando algún rapaz lle chame bicho polo seu costume de estar só, xogando coas palabras. De certo que o fai moi ben e merece unha boa nota.

Barbavoa é un álbum de O Hematocrítico ilustrado por Eugenia Ábalos e traducido por Ledicia Costas  para Nórdica Infantil. Imos vendo un barco e adiviñando para que serán os canóns, que tipo de paxaro teñen como mascota, para que pode ser unha táboa que levan polo lado ou a cesta que levan alá enriba xusto debaixo da bandeira negra coa caveira e os ósos cruzados... Un barco de piratas! que se nos confirma cando venos a tripulación e escoitamos que van enterrar un tesouro pero nesta aparece unha visita. Quen é? A avoa que exerce de avoa contando cousas que non se deben contar do pirata cando era neno; non remata aí, vai dando consellos en relación á limpeza, á alimentación ou á decoración; con ela todo vai cambiando, as plantas ocupan o barco así coma os adornos de ganchillo, vailles calcetando xerseis abrigosos... pero tamén lles demostra que ela segue a ser unha valente pirata pero tedes que ver como luce o barco neste momento, nunca o teriades imaxinado... O humor de O Hematocrítico, ese bo facer á hora de construír historias dándolle un golpe de man a calquera prexuízo co afecto por bandeira. Por iso carapuchiña se fixo alcaldesa e o barco pirata presenta unha imaxe tan feminina, dise así? 

As ilustracións non poden ser máis acaídas.

martes, 8 de abril de 2025

VI Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil

 

O VI Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil recaeu na obra Cartas na escuridade de Lois Pérez que aparece con ilustracións de Blanca Vila na editorial Cuarto de Inverno.

Da presentación editorial: "Olivier lembra a partida do Call of Duty ao entrar no estadio. É enorme. Non pode crelo! Vai asistir en directo a un partido do Mundial para ver a Mbappé! A algúns quilómetros de alí, nun barracón ás escuras, Denis, namentres as súas compañeiras dormen, escribe á luz da candea unha carta para seu irmán Moses. Poderán volver algún día a Uganda sen caer nas mans das bestas do LRA? Salman percorreu o deserto en autobús e agora mira en fite ese feixe de cartas. Farán un bo lume. Aluma, a estrela mundial do reggaeton, ensaia o seu novo hit antes da gran final. Mentres tanto, súa noiva Ann Drolla Ice fai globos coa goma de mascar mirando o teito. Amira camiña cara á universidade. Sabe que non hai moito tempo, pero a revolución non agarda. É o momento. Os fíos da esperanza e o medo entretécense nas historias desta xeografía dos afectos, como a calixe do deserto. Acompáñasnos?"

Hai rapaces que fan a guerra con videoxogos e outros con armas convertidos en nenos soldados. Vivir en Uganda e aparecer en Qatar, das chozas aos edificios imposibles dun país árabe que consume a riqueza en chamar a atención, dunha vida normal a converterte nun monstro sen conciencia e pasar a ser explotado en calquera país nas condicións máis extremas e exclavas. Un mundial de fútbol, as negociacións corruptas para conseguilo, as edificacións feitas a golpe de explotación absoluta, o traballo das mulleres nos hoteis baixo presión sin un minuto de descanso sen unha alimentación que a manteña. O mundo dos ricos e o dos pobres, o dos países occidentais e o dos árabes, a loita das mulleres dispostas a todo para non perder esa oportunidade de liberarse a si mesmas e a todas as que o son, un adolescente francés descargando a rabia inxustamente ou fuxindo dos problemas pero namorándose e actuando a favor da Historia, un vello ao que a conciencia o obriga a colaborar coa inocencia... Porque o mundo é amplo e dispar e todo se pode atopar nel, neste momento, todas as épocas e todas as maneiras de resistencia... o que máis traballo nos dá crer é nun final feliz, nun encontro gozoso, na bondade nomedio do horror, na revolución acosada pola convención.    

domingo, 6 de abril de 2025

A ducia de traballos de Hércules vistos por Carlos López e Siro

Os doce traballos de Hércules de Carlos López está ilustrado por Siro e publicado por Hércules de Ediciones.

Da presentación editorial: "Hércules, fillo do deus Zeus e da mortal Alcmena, tiña desde neno tal forza que xogaba ás bólas cos planetas e ao aro cun dos aneis de Saturno. Xa de adulto, e a través do oráculo de Delfos,a  deusa Hera ordénalle realizar doce traballos dificilísimos que lle imporía o terríbel rei Euristeo.

Xa verás que, para ti, ler este libro non será o traballo número trece, porque é ameno e porque está cheo de tanto humor que ata o malvado Euristeo se botaría a rir. Nel veremos a historia dun Hércules moi peculiar: semideus do estrafalario, heroe do disparate, e cun aspecto físico diferente do aspecto ao que nos ten afeitos.

Agora mesmo é un bo momento para que mergulles nesta versión dos doce traballos de Hércules e coñezas o león de Nemea, cuxos cairos eran dúas medias lúas crecentes. E a hidra de Lerna de nove cabezas, que intentaba volverte tolo falándoche de nove cousas distintas a un tempo. E as eguas de Diomedes, que cos seus cascos de cortiza podían galopar sobre o mar. E o xardín das Hespérides, onde as mazás eran de ouro e o ouro era de mazá. E tamén o can Cérbero de tres cabezas, que ladraba en tres idiomas diferentes."

Diso se trata, das loucuras esaxeradas de Chinto, de estremonías sen fin, humor a "mansalva", do imposible máis alá do imposible porque xa que se trata de case deuses todo pode ser posible, así non imos quedar no máis común, iremos máis alá do máis alá! 

As ilustracións de Siro son o contrapunto aos textos, humor con humor!

venres, 4 de abril de 2025

Dúas traducións: BD e narrativa

En camiño de José Ángel Ares e Paco Hernández, unha banda deseñada traducida por Isabel Soto está publicado por Galaxia.

Así se presenta: "Emma, unha debuxante de cómics na trintena, acaba de romper coa súa parella e, guiada por un impulso, preséntase en Roncesvalles coa mirada fixa en Santiago de Compostela.
Co paso dos días -e acompañada dalgunha que outra bocha inesperada-, irá decatándose de que o camiño que percorre achégaa e afástaa de todos os que a rodean, que o peso da mochila non só o enchen os vinte quilos de roupa e as dúas tixolas que leva, e que o que cría que sería simplemente poñerse a andar e botar quilómetros ao lombo, converterase en toda unha aprendizaxe, non só pola xente que cruzará no traxecto, senón por todo o que descubrirá sobre ela mesma."

O camiño de Santiago realizado por unha autora de banda deseñada e contado por dous autores. Semella o resultado dunha experiencia de facer ese camiño, de encontrar a xente que acostuma facelo e de contar as cousas que poden pasar, o percorrido cos debuxos dos lugares polos que se pasa, as arquitecturas... Eses encontros coa xente en crise, cos persoanxes que seguramente se repiten, as situacións ou as conversas. Vidas en contacto nun camiño que desemboca nunha das cidades máis fermosas do mundo, ou nun pobo da costa que foi o fin da Terra nos tempos antigos. Toda a maxia envolvendo un relato.  

Tres contos para nenas malas de José Ovejero ilustrado por Miguel Robledo e traducido por Mariña González e  publicado por Aire editora.

Da presentación editorial: "Este libro recolle tres contos que lle dan a volta por completo ao sentido da tradición. As nenas protagonistas demostran grande enxeño e valentía para esquivar os problemas que lles pon diante a vida. O texto de José Ovejero e as ilustracións de Miguel Robledo lévannos a un universo cheo de humor e crítica social sobre temas como o patriarcado, a monarquía ou o capitalismo. Unha delicia pequena que se desfruta ao grande."

"O señor Crocodilo e a nena negra" conta a historia dese crocodilo chorón ao que escoita o paxaro dentista sen pode facer nada, por medo a que o trague coma ao avó, mentres se alimenta limpándolle os dentes. O crocodilo tenta enganar á nena negra que vai mexar á beira do río pero sae burlado.

"Conto da leiteira e o cántaro de leite" fala da diferenza de trato entre a nena e o neno, peor tamén da ahabilidade desta para saír vitoriosa da proba á que é sometida. Ir vender un cántaro de leite ó mercado, ir negociando polo camiño de forma que vai mercando diferentes animais por unha porcentaxe do que vai ganar co leite e acabar realizando unha caridade á cota dos demais...

"O sapo é un príncipe e viceversa". Cando a nena atopa o sapo que lle pide o bico acostumado, ela non se fía e esta é esa historia.

mércores, 2 de abril de 2025

Como nos sacamos os temores?


Sacapenas de Browne, Anthony traducido por Chema Heras e Pilar Martínez está publicado na colección Tras os Montes de Kalandraka.

Cando es un rapaz preocupado calquera cousa é motivo de inquedanza. No caso de Bieito cóntannos que se desasosega pensando nos sombreiros (que parece que non usa), nos zapatos, nas nubes, na chuvia,  nos paxaros xigantes... Non se pode vivir tan desacougado, así non dormes nin descansas. Os país tentan tranquilizalo dicíndolle que todo está na súa cabeza, que nunca lle vai pasar porque eles están aí... pero iso non o tranquiliza. Vai ser a avoa quen o faga por medio dos sacapenas, eses pequenos bonecos guatemaltecos que axudan a metelas debaixo da almofada. O máis importante, é que Bieito descobre que lle preocupan os demais e non quere que tampouco estean inquedos e atopará a maneira de resolver tamén ese problema. Agora Bieito xa sorrí e vai pola vida tranquilo!   

As diferentes culturas teñen maneiras distintas de resolver os problemas que nos preocupan, beber desas civilizacións é unha riqueza que non podemos perder. Anthony Browne recolle esta costume ou lenda  nun lugar afastado de Gran Bretaña, o seu país de orixe, e divúlgao da maneira máis fermosa contándollo á rapazada de todas partes do mundo. Por iso, os sacapenas teñen as cores e os tecidos de Guatemala e sempre que contamos a historia ou construímos un sacapenas nos acordamos da civilización maia. 

As cores das ilustracións obrígannos a pensar nas emocións que embargan a Bieito: as páxinas en branco e negro son como pesadelos e o surrealismo fai acto de presenza nun universo onírico. O resto da obra está realizado en cores vivas. A imaxe da cuberta é case a mesma que a da primeira páxina pero cambia a expresión, de tal maneira que a rapaz semella máis pequeno nunha delas. Vémolo tamén máis pequeno cando está cos pais que parecen enormes. A habitación da casa da avoa é espectacular: o papel pintado dun barroquismo extremo, o cadro "O camiñante sobre o mar de néboa" de Friedrich fainos pensar no romanticismo. A avoa é quen lle vai dar a solución, pero aí non remata o conto e nesa "continuación" está para min a meirande riqueza e o punto de empatía e solidariedade que vai salvar a Bieito para sempre. Así achéganos unha ensinanza que non debemos pasar por alto: contar o que nos preocupa a outros axúdanos pero non podemos cagar aos demais con esas preocupacións, temos que axudarlles a levar as nosas e as súas.  

Que sabias son as avoas! Que marabillosos os grandes autores de álbum!  Podemos recoñecer a man de Browny nas cores, nas figuras, nas expresión que nos achega aos pais simios, na cantidade de chiscadelas que nos obrigan a repensar todo o que vemos porque nada é gratuíto e canto máis o miremos máis detalles imos descubrir (por exemplo que o papel pintado do cuarto de Bieito vai cambiar co obxecto que lle preocupa en cada ocasión, o poder das sombras e as enrugas nos medos, as manciñas do neno aguantando das sabas cando está temeroso... a min atráeme esa imaxe do neno de costas construíndo sacapenas para os sacapenas que relaciono coa de Friedrich polo xogo coa pirámide e o contraste entre a luz e a sombra porque ese home que sobre a montaña mira o mar de néboa (aquilo sobre o que non ten poder) é agora un neno que dende a luz constrúe pequenos obxectos que se converten en amuletos para enfrontar os seus medos.

Neste caso, o libro vai acompañado dun boneco sacapenas de comercio xusto, pode pedirse máis? Kalandraka sempre indo un pouco máis alá, engadindo valores, sumando causas.

PARABÉNS por tan bo facer!

martes, 1 de abril de 2025

Unha nova novela de Conchi Regueiro

 

Meigallo_98H de Conchi Regueiro aparece publicado na colección Meiga Moira de Baía.

Da presentación editorial: "As cousas prometíanse felices. Cambiar ao instituto Vicencio non tiña por que ser tan malo como semellaba ao principio, se alí ían estar tamén esas novas amizades do campamento de verán. 

O que Constanza nunca esperara é que precisamente entre bromas e risos naquelas vacacións puideran ter invocado esa presenza arrepiante que agora pon en perigo todo o mundo. Ten que facer algo, e só Amelia, esa misteriosa amiga da que nunca lle falou a ninguén, entende o risco.

A ameaza está máis próxima, e cada vez son menos. Serán capaces de salvarse, e salvar os demais?

Esta novela xuvenil non só combina as características da novela de misterio con elementos clásicos da narrativa de terror, do horror de corte lovecraftiano, ou das presenzas inquietantes propias das películas de slashers. Nas súas páxinas tamén se mesturan recursos tan actuais como os creepypastas, nun diálogo entre as vellas e as novas formas de asustar."

Pois si, unha novela de terror e pantasmas, de adolescentes que cambiar de instituto a colexio privado de clase alta, cambios de amizades tamén, novos ricos que buscan estar perto dos ricos de sempre porque as relacións sociais son un valor... e no medio de todos isto un campamento de verán, un xogo de invocacións que ten resultados inesperados. Diferentes clases en contacto pero sin mesturarse, emigrantes buscando o medio de sobrevivir da maneira máis rápida e produtiva, casas que levan algo dentro, sociedades secretas que perviven no tempo, a informática cos móbiles e as buscar en internet ao lado das máis vellas lendas, o valor da amizade, a descuberta do amor... e case no punto final unha descuberta inesperada que amplía o campo achegando novos valores.