martes, 3 de xaneiro de 2023

Libros infantís con información e... algo máis

De festa en festa. Un percorrido por algunhas celebracións da península de Ramón D. Veiga, ilustrado por Sr. Reny e publicado por Edicións do Cumio. Vanse presentando as festas seguindo as estacións, en inverno (Noitevella, Vinajera, Carnaval, Fallas), primavera (cerdeira en flor, moros e cristiáns, feira de abril, os maios), verán (a noite das fogueiras, festa dos tabuleiros, descenso nacional do Sella, o cipotegato) e outono (a vendima, festa da rosa do azafrán, magosto e samaín).

Ilustracións enormes e letra pequena para explicalas, localizala, datalas e recoller a declaración, explicar a tradición e engadir unha historia, nota de prensa ou poema relacionado coa festa. 


Quen é quen? de Vera Galindo, Bululú. O mércores ás 12 é o día das máscaras na escola, desta maneira cada un pode ser o que queira. Como sempre pasa, na escola aprovéitase para ampliar coñecementos, para expandirse, polo tanto falarán das máscaras dende a antigüidade e nos diferentes lugares do mundo (Exipto, grecia para o teatro, Xapón, culturas indixenas (chamáns), Idade Media... Nesa hora, xogan, bailan, divírtense e sémtense coma os seus personaxes. Ás 13 horas todo volve á normalidade, agora, seguirán sendo o que queiran ser (científicos, músicas, pintores...) mesmo sen máscaras.

 

domingo, 1 de xaneiro de 2023

Premio Los mejores 2022 del Bando del Libro de Venezuela

 

Un comité de expertos formado polo equipo do Banco del Libro co apoio de académicos, investigadores, libreiros, bibliotecarios e autores de literatura infantil e xuvenil realiza unha seleccióndos mellores libros publicados ao longo do ano. Nesta edición avaliáronse 257 títulos do ámbito editorial latinoamericano, dos que resultaron 185 finalistas procedentes de países como Chile, Argentina, México, Colombia, Venezuela e España, entre outros. Dende que en 1980 se puxo en marcha esta iniciativa, a selección do Banco del Libro convertiuse nunha referencia internacional. Lembramos que a institución, fundada hai 62 anos, dedícase á promoción da lectura a través de diversas campañas.

Nesta edición destacouse cunha mención especial o libro Informativo, Crías de animais do Tándem Seceda e Esther García destacando a tenrura das súas ilustracións e a capacidade do texto para transmitir "esa sensación de dozora que acostuman xerar os bebés." Outros tres libros de Kalandraka, resultaron ganadores deste galardón: Ocultos en el bosque, Álbum de familia e El vuelo infinito.

mércores, 28 de decembro de 2022

Libros para prelectorado

Dentro da colección Do berce á lúa, acaban de aparecer dous novos volumes: Bebé e Dó re mi. Da autoría de Antonio Rubio e Óscar Villán, traducidos por Manuela Rodríguez e publicados por Kalandraka. Vexamos unhas contadas con outros dous libros desta coleccións que nos abrirán fiestras á nos apropia presentación deste outros dous volumes. Lembremos que sempre se trata de poesía pictográfica ou algo parello coa que xogar e entregar texto e imaxe da mellor calidade. 

Moi logrados. Dó re mi cunha marabillosa rima que nos conduce ao longo das páxinas e nos levará a outras creacións. Bebé, con esa sensibilidade que nos mostra a evolución da vida dende o pricipio e ata o final nese afirmación tan certeira de cando o bebé bota a andar fai igual igual que todos os demais (animais incluídos, por@que tods estamos no mesmo planeta). 

sábado, 24 de decembro de 2022

Novidades en Nadal

 

Marabillosos libros para agasallar ás criaturas neste Nadal.  

Libros para compartir pero sobre todo para acompañar. Neste tempo de presas, de moitos estímilos que nin siquera podemos asimilar, de tantos xogueres que nos impiden xogar de verdade (cos da casa e cos de fóra, inventar xogos co que temos a man); tempos de tanto consumo absurdo que non sabemos a onde nos levará... o que presta é un destes libros con tempo e afecto compartido, léndoo pouco a pouco, imaxe a imaxe, palabra a palabra, falando sobre o que vemos e lemos, falando do que nos vén á cabeza, falando do que nos gusta e o que non, do que faríamos nós se fosemos os personaxes, de como nos gustaría que rematase. Un libro dá para moito, o que precisa é tempo, por iso, recomendamos que se entreguen dun en un, cada vez que vemos ao pequeno ou pequena, e os que con el conviven xa saben, un por Nadal e outro por Reis, un pode traelo o Apalpador, outro Papá Noel, outro cada un dos Reis, pero sempre dun en un (porque Gaspar pode retrasarse e Melchor adiantarse).  

Así ou así? de María Pascual de la Torre e traducido por Manuela Rodríguez, publicado por Kalandraka

Fálase "dunha proposta divertida e transgresora que convida á participación e nos amosa que existe outra maneira de facer as cousas". Ben á vista está, ou non?

Un, dous, tres, Nadal é de Nadia Budde traducido por Xosé Ballesteros e publicado por Kalandraka. Na presentación editorial dise: "Divertidos versos encadeados e cheos de ritmo que nos presentan personaxes e elementos típicos do Nadal en diferentes culturas."

Todos o viron con fotofgrafías de Ylla (da que xa temos unha boa mostra na publicación Dous osiños nesta mesma editorial) e texto de Margaret Brown, traducido por Iago Nicolás e publicado na colección Tras os montes de Kalandraka. Así se presenta: "Animais grandes e pequenos sorpréndense ante algo estraño. Un clásico contemporáneo con magníficas fotografías que asombra e convida á reflexión". Que será o que están a ver?

xoves, 22 de decembro de 2022

A pé de rúa: Unha novidade da colección Verdemar de Alvarellos e Os Bolechas e o dano cerebral adquirido


A encantadora de serpes de Álex Mene e Blanca G. Crespán. Unha nena na India, gana os cartos sendo faquir (traga sables, camiña descalza polo lume, hipnotiza a cobra...)  e conseguirá moito éxito . Con eses cartos pensa pagar a escola de maxia de Bombai, despois viaxará por todo o mundo... Eses son os seus soños. Ilustracións moi vistosas que nos sitúan no oriente.

Os Bolechas. Mireia conta que é o dano cerebral adquirido de Pepe Carreiro. A asociación FEGADACE colabora na edición deste volume. Coa axuda destes coñecidos personaxes, a guía tenta dar a coñecer esta problemática ás crianzas.  Iniciativas interesantes para visibilizar e explicar as causas  destas situacións que deben enfrotarse con obstáculos que a sociedade non acababa de resolver e para os que fai falla a colaboración de todas as persoas e organizacións. Nel fálase dos 3 F (Fala, Forza e Faciana) para recoñecer un ictus e acudir o antes posible a urxencias.

venres, 16 de decembro de 2022

Un novo álbum da editorial Bululú e... algo máis

 


O sono máis antigo de Mar Benegas e Javi Hernández, traducido por Xosé Duncan e publicado por Bululú. Un álbum en branco e negro, con tonalidades de grises e unha notas de amarelo ou azul, de vez en cando. Unha nena e unha vella. A vella xa sabemos quen é, a vella sempre é a mesma. Un diálogo entre as dúas, no que a nena pregunta e a vella contesta: Beleza é o que perdura cando deixas de sentir medo, o tempo é unha gaiola onde queredes atrapar o infinito... Nesa conversa hai moita sabiduría, da antiga, da de sempre, da que perdura, da profunda, da que axuda a vivir e a morrer, a permanecer porque igual nunca nos imos de todo, nunca rematamos de marchar, proque o tempo non é lineal senón circular.

Vale a pena entrar na páxina de Mar Benegas e dan unha volta por tanto camiño que se abre. 

Bululú tamén pon en marcha unha serie de novelas para lectorado autónomo coas aventuras de Sherlock Holmes, con ilustracións de Arianna Bellucci e traducida por Maruxa Zaera. Coa presentación á que nos teñen acostumadas neste momento, de múltiples ilustracións e xogos tipográficos, con letra grande e páxinas esponxadas, con introdución de textos adoptando outros formatos... para facer máis amena a lectura, para que a rapazada quede predida dende o momento no que ve o libro na libraría...

A banda de lunares xa está na rúa. Proximamente aparecerán outros títulos, non?  


domingo, 11 de decembro de 2022

Unha nova aventura de María Canosa

Saínza a Punkiereteira de Maria Canosa e Cristian F. Caruncho é unha obra especial na que as ilustracións achegan unha nova estética que de seguro vos vai gustar. Unha nena do monte que vive (ou comparte tempo) coa avoa, empeza nun novo centro e despois de enfrontarse co mangallón - abusón coñece ás que van ser as amigas. Tres rapazas ás que lles gusta a música; con ela formarán un grupo e presentaranse ao festival de comezo de curso. Todo un éxito pero iso non é importante, o que de verdade importa é pasalo ben, crear xuntas letra e música, ensaiar no alboio da avoa, deseñar a roupa que van levar, definir o símbolo e poñerlle nome ao grupo: As punkiereteiras.

De lila porque é a unión do azul e o rosa, que os representa a todos e todas; cun puño no medio da pandeireta, cos zocos que recuperou da avoa... tan distintas e complementándose; sendo quen de enfrontar aos chuletas e, sobre todo, de ser o que queren ser, de facer o que queren facer... 

Unhas ilustracións espectaculares, cunha estética distinta, reivindicativa e chea de mensaxes, pouco convencional, un novo mundo entrando na LIXG da man dunha rapaza con referencias galegas nas paredes do seu cuarto (pegatina de Xermolos, carteis contra as eólicas, de autores/as de cartaces,  ilustracións, murais...), de cómics e libros galegos na súa biblioteca persoal, coa cociña da avoa cos azulexos e a bilbaína... 

Estamos desexando saber algo máis de Saínza, quen son os seus pais? de onde lle veu esta cultura tan propia como anticonvencional? como se chega a ser como é ela? Porque menudo personaxe nos traen María e Cristian... de verdade que llo agradecemos! 

Porque esa nena é unha guerreira, case con lanza, a avoa é de antes e de agora, (acabo de borrar algo que igual non gusta que se diga), as camisetas (con "No son fada", "A banda da Loba)... moito bo facer para que os modelos de nena non se repitan. 

Coma un violinista no tellado, Saínza toca sobr eo lousado do hórreo.

Unha obra publicada por A Costureira, un nome (non sei se algo máis) que nos remite a María Miramontes, esa outra modista que cosía os libros da xeracións Nós da man de Ánxel Casal.