xoves, 10 de agosto de 2023

Un novo cómic, dende Galaxia

Un novo cómic, dende Galaxia. Trátase de A batalla de Rande de David Braña e Pablo Prado, que se presenta así: "En 1702, durante a guerra de Sucesión española, aconteceu un dos fitos navais da nosa historia. Galeóns españois, acompañados por forzas aliadas francesas, arribaron á ría de Vigo co maior tesouro que xamais cruzara o Atlántico. Ata alí os seguiu a escuadra da coalición anglo-neerlandesa, coa idea de apoderarse do botín. A batalla foi encarnizada, as augas da ría parecían arder e, aínda hoxe, segue a ser motivo de especulacións, investigacións e, incluso, posta en relevo polo escrito Jules Verne na súa novela 20.000 leguas baixo dos mares." Acaban de chegar os "Borbóns" a España, as riquezas transformadas en tesouros viñan de América e os inimigos tentan conseguilas... Todo isto pode visualizarse mentres unha nai leva ao fillo co can ao museo de Redondela onde lles contan a historia que nós vemos en directo.

O volume comeza cun prólogo dun mestre de esgrima (Damián Troncoso Saavedra) que nos fala da batalla como desculpa para acabar contándonos a relación desta cun tratado de esgrima, Nobreza de espada, que o seu autor perdeu naqueles tempos e polo tanto é un dos tesouros que andan por San Simón. Xa vemos que hai tesouros de todo tipo...

luns, 7 de agosto de 2023

Os eólicos aparecen na LIXG (aínda que só sexa para que tropecen as naves extraterrestes)

Ánxela e Spencer de Carlos Meixide é unha novela infantil, situada entre Guitiriz e Betanzos (sei da querenza do autor polos topónimos, por algo asinou as novelas xuvenís Ons, Cans, Guitiriz, Arousa e Portugal). As ilustracións de Julia Lago (a ganadora do Premio Castelao con Nós seis son moi persoais e recoñecibles.

Así se presenta: "Na aldea onde vive Ánxela, os muíños do parque eólico deixaron de xirar coma todos os días. A xente di que houbo un accidente, que unha avioneta se estrelou contra eles, que o exército anda a facer pescudas pola contorna... As preguntas aumentan cando Ánxela atopa, no galiñeiro da súa casa, un peluchiño adorable con aspecto de toupa. Di que se chama Spencer. Pero... Quen é? De onde vén?, e sobre todo..., como se pode ser tan bonitiño? Unha emocionantísima viaxe repleta de humor e trepidantes aventuras." Tamén de tenrura, afectos que se materializan en actos e caricias, que dan resultados de tal forma que se alguén se empeña en libros de emocións igual teñen que ler este, para ver como se pode tratar esa temática sen ñoñerías.

Dúas rapazas dispostas a todo para defender a unha criatura doutro planeta, dúas familias que botan mans sen demagoxias nin mimos, a presenza do rural nunha historia moi actual, amores e celos que se tratan dun xeito san, a música galega asentada na obra (a de antes e a de agora)... e un relato para ser lido, sen dúbida. Para min, o feito de que aparezan os eólicos, aínda que sexa ao paso, achégalle un plus de autenticidade porque dende qué aldea non se ven parques eólicos?

mércores, 2 de agosto de 2023

XII Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil

Nin me amoles de Ana Carreira obtivo o XII Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil. Aparece, agora, publicado na Biblioteca Dramática Galega, con ilustracións de Noemí López que achega as magníficas imaxes ás que nos ten acostumadas de grandes distancias entre as crianzas e os maiores, de curvas que nos levan case aos castros, de seres tenros e fondos arquitectónicos recoñecibles; ela comparte con nós o mundo infantil dunha maneira que nos emociona, neste caso con cores cálidas criaturas coa redondez que lles corresponde afastadas desas "Barbies" mozas sexuadas en pequeno formato, con grandes picados e contrapicado que nos mostran a realidade a vista de paxaro ou dende o chan... Un acerto!

Así se presenta: "Lola é unha nena que sofre os abusos do seu compañeiro Mamalón, aguanta as impertinencias da súa veciña Meticona e resígnase á ausencia da súa mai, que nunca pode xogar con ela. Pero un día, ao volver da escola, da súa mochila emerxe Nin, un trasno ou trasna, segundo lle pete, a quen só Lola pode ver. Entre xogos e reviravoltas, Nin apréndelle á nena outro xeito de enfrontarse aos problemas." Moi ben resumida a historia, introducindo ese ser do que non se explicita o sexo pero que resulta ese amigo que precisa a nena sen irmáns, sen que apareza o pai, coa nai traballando sempre e cunha veciña "metichona". Un texto moi áxil, que semella brincarse máis que dicirse que xira ao redor desa nena alegre (a pesar de todo) que bota de menos as caricias da nai pero está disposta a valerse por si mesma e agradecer a axuda desa criatura Nin que cambia a realidade con humor.

En canto a outras novas, estaría ben dicir que Violeta Parapluie (I Premio Arume de Poesía Infantil) acaba de saír en castelán na editorial Triqueta Verde en pasta dura e maior tamaño. Ou tamén, que a USC acaba de publicar O diario de contos de Gabriela do médico Manuel Martínez Pérez ilustrado por varios rapaces e rapazas do Hospital Clínico Universitario de Santiago.

luns, 31 de xullo de 2023

O sono animal

Sempre nos preocupou saber a razón pola que temos que durmir e xa non digamos, saber como dormen os diferentes animais, como o fan cando andan atravesando océanos, cando corren perigo, cando voan ou nadan, cando pasan o inverno durmindo... Pois ben, agora temos o libro que nos resolve todas as dúbidas. O seu título é O sono animal, está escrito por Silvia Lazzaribo Binelli e ilustrado por María José Arce Letelier; a tradución ao galego é de Iago Nicolás  e publicado por Kaladraka.

Preséntase así: "Un libro informativo rigoroso e sorprendente para descubrir as curiosas e variadas formas de durmir que se dan na natureza. En “O sono animal” poderás coñecer as insospeitadas formas de descanso de máis dunha trintena de animais, tan diversas como a mesma natureza. Un paxaro que apaga a metade do cerebro mentres voa, unha mosca que adormece sobre a súa flor favorita e un peixe que se recosta na súa cama de burbullas... Uns dormen escasos minutos, mentres que outros o fan durante longas tempadas. A algúns gústalles permanecer enterrados e, a outros, apiñados no alto dunha árbore para que os depredadores non os alcancen. Unha obra cuxo minucioso contido científico se complementa cunhas elocuentes e detalladas ilustracións a acuarela".

martes, 25 de xullo de 2023

Un libro cos beneficios para Save the children

A lúa de Kíiv de Gianni Rodari, ilustrado por Beatrice Alemagna e traducido por María Alonso Seisdedos, está publicada pola asociación ¡Álbum! (formada por varias editorias co obxectivo de promover a lectura e a cultura e que mostran o seu compromiso a través deste libro destinado á emerxencia en Ucraína e outros países).

Unha fermosa canción de Rodari

"Será que a lúa 

de Kíiv

é tan bela 

coma a lúa de Roma?

Será que é a mesma 

ou  tan só unha irmá dela...?"

E a lúa contesta...

Imaxes realizadas con ceras, como se fosen infantís, enchen as páxinas de cor. E ao final o poema de Rodari en italiano, para practicar idiomas, para dicilo como o facía el, para escoitalo co seu sotaque.

venres, 21 de xullo de 2023

Era outra vez

 

Non, non se trata da colección que contaba os contos doutra maneira. Ou si, porque se van contar tres contos dándolle unha volta. Era outra vez contén. O xigante egoísta por Ramón D. Veiga, O traxe novo do director por Bea Campos e Aladino e a lámpada tecnolóxica por Paula Merlán. Está publicado por Cumio. Unha actualiación!

Así se presenta: "'Era outra vez' é unha escolma deses contos que había antes da Internet, dos móbiles, da televisión ou mesmo da radio.

Como son os xigantes deste século? E se en vez dun emperador se tratase do director dun colexio? Necesitarían hoxe en día os xenios das lámpadas marabillosas wifi para conectarse? 'O xigante egoísta', de Oscar Wilde, 'O traxe novo do emperador', de Hans Christian Andersen e 'Aladino e a lámpada marabillosa', o conto popular árabe adaptado tamén por Andersen, son os contos favoritos de Ramón D. Veiga, Bea Campos e Paula Merlán.

Hoxe son reinterpretados con talento, imaxinación e un mundo de cariño. Unhas ilustracións ben interesantes de Xiana Teimoy completan unha peza de luxo para todos os públicos."

martes, 18 de xullo de 2023

Amar, a mar. Un poemario de Xosé Luna

 

Amar, a mar. Un poemario de Xosé Luna ilustrado por Olaya Naveira en Bolanda editorial. Un libro enorme cunhas imaxes en azul, que envolven os poemas xogando do deseño. 

A mar, en feminino. Case sempre. Un poema para abrir boca...

Mar que chora

      triste patera

      noite escura

      arela acesa.

Mar que chora   

        fusca travesía   

        medo mouro   

        parda agonía.

Mar que chora   

        cruel miseria  

        soños crebados   

        lúa negra.

 Mar que chora   

        bágoas molladas  

        cicatrices eternas 

        vidas roubadas.