Na primeira cóntasenos o comezo: "Sam soña con se converter nun nobre cabaleiro, pero non sabe como conseguilo. Unha viaxe dos pais obrígao a convivir no Castelo Mothscale con Prune, a súa prosmeira curmá, co seu excéntrico tío Archibald e máis coas estrañas criaturas das que se ocupa a tía Eglantine". Alí ten lugar a primeira aventura na que consegue que a prima acepte ser a súa fiel compañeira, agora debe seguir as instrucións e lograr un corcel branco. Nesas andan os dous, coa colaboración do paxaro Garabato, e dispostos a realizar as boas obras que os conducirán a alcanzar os seus soños.
sábado, 21 de xaneiro de 2023
Unha serie: Aprendiz de cabaleiro
mércores, 18 de xaneiro de 2023
Miscelánea
O detective Gatlock en Ataque no país dos samugatorais de Sebastián Pérez e Benjamín Lacombe, publicado por Tambre. En formato pequeno unha historia ilustrada na que se xoga con diferentes formatos de ilustración, espazos moi aireados alternando con outros barrocos como con terror vacuo. Unha historia de panda de gatos, ven un gato que se repite, está quieto e move a man saudando aos transeúntes nos escaparates, cólleno e van indagar que lle sucede, será que está na sétima e última vida e por iso non fai máis que ese movemento? Percorren a cidade, pelexan cos samugatorais ata que acertan. Unha serie con personaxes definidos e axeitada para a lectura. A tradución é de Isabel Soto e está publicado en Tambre.
Camiño portugués de Costa. Busca e atopa no Camiño de Santiago. Da autoría de Noelia Muíños e Ramón Quintás, publicado por Hércules. Cada cidade á dereita en debuxo e á esquerda un poema a base de pareados. Di que busques e atopes personaxes célebres, festas tradicionais, gastronomía... Un libro, tamén para xogar.
Lúa quere ir a... Marte de Celtia Figueiras, ilustrado por Marcelo P. Fernández e publicado por Guindastre. Un deses libros que responden á igualdade, ao dereito das femias (de calquera especie) a soñar o que queiran e logralo e a que os demais se fagan cargo dos coidados que semellaban ir destinados a elas. Celtia acaba de chegar de viaxar, conta a felicidade que lle produce e seu irmán dille que agora ela coidará da avoa, pero Celtia soña con facerse astronauta, vai ao parque e atopa o amigo gato que lle di que agora que xa viaxou poderá casar e formar unha familia; de volta á casa atopa ao amigo rato e cóntalle o seu proxecto profesional... el ve difícil logralo porque hai que estudar moito, pero ela está disposta a todo... Cando chega á casa a avoa entrégalle unha carta dirixida a ela que chega dende Gatanasa e xa se aclara todo, admitírona e todo se soluciona, o irmán coidará da avoa e ela traballará moito pero logrará viaxar á Lúa. Igual, por primeira vez aparece o tema dos coidados e o futuro de muller e nai claramente. Tal vez demasiado burdo pero real e a solución moi doada como se o irmán non tivera soños propios e a avoa só quixera cumprír os dos demais. Trátase deste álbumes grandes e case cadrados con pasta blanda e con ilustracións simplemente correctas. Vemos nos gatos o que podería ser complicado mostrar en humanos.
luns, 16 de xaneiro de 2023
Unha serie: Susana Pillabana
Unha serie: Susana Pillabana de Jaap Robben e Benjamín Leroy, traducida por Antón Vialle e María Alonso Seisdedos, publicada por Embora.
Susana conta iso que moitas veces se oculta Susana Pillabana e o dedo fedento. Ela sempre anda co amigo can, neste caso o avó que a ten que coidar quedou durmido e ela ten que coidar do can, así que se botan a xogar a "adiviña a que cheira", cos ollos tapados ela debe descobrir os olores que lle trae o can, acerta pero cando lle toca a ela achégalle o dedo fedorento que el non adiviña a pesar das pistas que lle dá... meteuno no embigo, agora farano cos olores e o can tolea de pensalo. Un ritmo moi pensado, unha rima de vez en cando, unhas verbas destacadas en cor e unhas ilustracións marabillosas que pasan de plano a plano, de moito blanco no fondo a outras cheas de detalles que nos levan a lectura de imaxe e ompletar o relato, porque hai tantas historias aí detrás que poderemos ir descubríndoas... tamén.
O outro é Susana Pillabana e a tesoira. A quen non se lle ocurriu, de pequena, xogar coa tesoira e ir cortándoo absolutamente todo, dende o pelo ata as cortinas, cables, e ata patas de cadeira ou marco do cadro polo que cae o mar, seto e flores do xardín, pantalón do veciño, plumas do paxaro, pelo dos cans.... sae á rúa e alá vai a roupa dos viandanes, o peso de cebra, as bolsas da compra, os coches e semáforos... tanta imaxinación, tan... sen límites que non podemos perder estes libros. Os textos con todo o que precisan e as imaxes acompañando con toda a calidade. A estas alturas xa non temos que falar das gardas, xa todos as utilizan para acompañar e continuar a historia, iso adiantamos! Moi recomendables.
sábado, 14 de xaneiro de 2023
Un par de libros para peques
Agora somos tres, de Georgio Volpe e ilustrado por Paolo Proietti (con lapis de cores) nun álbum publicado por Edicións do Cumio. O raposo asiste á chegada da primavera. Roibo prepáralle unha sorpresa a Chío, o esquío que está a piques de espertar da hibernación. Presentaralle ao amigo que fixo neste tempo, Bas? Dubida se é boa idea. E se pensa que agora non lle quere? E se agora se fan amigos eles e non lle queren a el? Como o ve raro Bas sígueo, como o ve raro Chío sígueo... así que se atoparán os tres, el confesa os seus medos e todo se resolve. Serán aínda máis felices!
Se eu fose un gato de Paloma Sánchez Ibarzábal, Anna Llenas. OQO. Realizado con colaxe.
Respostas á pregunta: Que pasaría se fose un gato? O que lle gusta e o que non, o que faría e o que non, o que podería e o que non... pero sempre sería o teu amigo. O mundo das mascotas e o que fas ou agardas delas.
xoves, 12 de xaneiro de 2023
Miñoca e Pega de Ramón Veiga e Iván R. na colección Merlín cómics de Xerais.
Estes dous animais fanse amigos despois de falar, Miñoca vaille axudar a Pega a buscar comida mentres observan ás gavotas roubando o alimento e... cagando.
Historias sinxelas para lectorado inicial. Unha serie de banda deseñada.
A pantasma da illa de Cortegada de Paula Carballeira e Blanca Millán publicado en Triqueta Verde. Imos cambiar o sentido da lectura e facelo en vertical. Vaise presentar o Parque Natural das Illas Atlánticas e unha historia.
Din (mariscadoras e pescadores) que hai unha pantasma que vai por diferentres lugares, que se volve vento entre os loureiros. Por moito que miran con prismáticos dende Carril non a ven, ata que Maruxa a brava fai a aposta: ela pasará a noite alí a cambio dunha empanada de ameixas. E alá vai, descalza, camiñando, senta no cruceiro fronte á ermida, escoita queixas (será un moucho?), pranto (será unha londra?), un sopro frío de vento (o outono?). Ela non teme as luces entre as árbores nin aos gruñidos (xabaríns?) pero a piques de volver, na amañecida, sente algo que lle roza as costas e non é unha rama... a pantasma!, unha muller moi branca que lle sorrí. Bailan e promete volver. Cando come a empanada e lle preguntan ela contesta: Sei o que sei. O misterio debe seguir. E as maneiras galegas tamén, porque nos movemos entre a dúbida.
luns, 9 de xaneiro de 2023
Milo e loberto
de Gaston Caba publicado en Edicións do Cumio. Unha banda deseñada
infantil. Dous seres con cabeza de gato e raposo, ambos con cairos...
son monstros? son nenos?
A rede de Inés de Paula Merlán con ilustracións de Silvia Álvarez, publicado por Lata de Sal. Lapis de cores. Inés pesca con rede peixes que mete na peceira. Os pais pídenlle que libere os peixes... pero queda durmida e soña que está dentro dunha burbulla, así descende ás profundidades mariñas, sentíndose peixe, bate con plasticos e latas; cando volve á casa faino co coproiso de devolver os peixes ao mar e axudar co medio ambiente. Esperta cando os pais a espertan para levar os peixes ao mar e agora xa non pesca peixes senón refugallo.
sábado, 7 de xaneiro de 2023
De mulleres e néboas
As mulleres que cultivaban néboas de Bea Gregores.
Un álbum sobre a violencia de xénero. Mamá e papá: a representación de cada un deles, ela amáñao todo (pega os anacos dun prato roto), el fai que caian os mobles ou que as portas se batan, de feito, a nai di que o amor de papá está cheo de negróns, que as quere nunha gaiola, por iso ela vai tecendo unha manta azul e a noite na que o pai agarra a nena, ela e nai e ela saen voando ata un lugar onde outras nais viven nunha casa que flota sobre un mar de néboa. Daquela volve o sorriso que as levará a que xuntas sexan as mulleres máis fortes do mundo.
Un álbum cheo de metáforas e simbolismo, no que se xoga con nubes, néboas e chuvia, con mantas e mulleres que tecen, con dedos afilados e sombras enormes, con bolboretas que percorren as páxinas saíndo de vermes e crisálidas.
Porque hai
presenzas que impoñen, presenzas constantes como as dos ditadores nas
fotos de cada estancia. Bea traballa coas cores que lle son propias:
vermello, ocre, gris, negro, branco e amarelo, creando esa atmosfera que fprma parte da súa identidade e pola que a recoñecemos.











