sábado, 22 de febreiro de 2025

A incursión de Diego Ameixeiras na LIX e unha historia mítica

A incursión de Diego Ameixeiras na LIX dá como resultado Xulia Belavista, detective animalista que ilustra Jorge Campos e publica Tambre na colección Ala Delta.

Da presentación editorial: "Espertaches pola mañá e o teu gato non está durmindo no seu recuncho preferido ou afiando as unllas no sofá? A túa tartaruga marchou de excursión sen deixarche unha nota na neveira? Botas en falta as sesións de natación sincronizada do teu peixe? Non te preocupes. Os teus problemas teñen solución. Chama a Xulia Belavista, detective animalista!"

E así se presenta a protagonista ao comezo da historia que el mesma nos vai contar, en primeira persoa: "Coido que aínda non nos presentaron. Son Xulia Belavista. Gústanme os animais. Gústame axudar. Gústanme os enigmas e as emocións fortes. Dedícome a investigar. A seguir pistas, a observar, a preguntar. Cando se me presenta un misterio, quero sabelo todo. Son unha falangueira profesional." Ela é muller e ten un gato.

A Xulia aparécenlle un mundo de casos, case sempre relacionado con mulleres e as súas mascotas: unha cadela, un peixe, unha tartaruga, unha burra, un coello, unha ovella, unha pita, un hámster ou unha vaca. A súa capacidade de observación fai que sexa quen de entender aos animais, así descobre que o seu gato non quere ir á praia e terán que cambiar o lugar onde pasar as vacacións, porque ter unha mascota é unha responsabilidade.  Ao tempo que nos divirte, a lectura vainos introducindo nun mundo no que os animais son como da familia, amplía os horizontes ao colocarnos fronte a un par de homes sen fogar ou fai que reflexionemos ao redor dos nosos prexuízos. 

O pequeno libro da intrépida Éire de Juáncho está publicado por Galaxia.  

Da presentación editorial: "Cando un ousado libro quere transcender, busca o xeito de narrar unha historia épica. Poucos hai tan impetuosos coma este. Nas súas páxinas é el o protagonista. O libro dentro do libro. E, xunto a el, unha nena valorosa. Unha aventura onde a natureza, o misterio e as emocións se abren camiño a cabalo da afouteza da pequena Éire. O amor desta nena pola súa xente vaina levar tan lonxe que lle será difícil atopar o camiño de volta."

O autor Juan de la Cruz Castaño Vicente, juáncho (O Porriño, 1977) ten publicadas dúas obras, Na procura do medo esquecido (Editorial Galaxia, 2021) e Lola busca su color (2022).Licenciado en Publicidade e Relacións Públicas (Universidade de Vigo, 2004), a banda deseñada levouno a dirixir o fanzine Comikaze (1996-2005). En 2008 constrúe o seu estudio de comunicación gráfica juáncho DEBUXA & DESEÑA.Na actualidade é director de Acienciacerta, unha mostra de ciencias na rúa, que coorganiza co Concello do Porriño, onde ciencia, banda deseñada e cultura van da man.

Nin o libro é convencional nin tampouco o autor, escritor, ilustrador e deseñador. Xoga cunha tipografía de país celta, con ilustracións dixitais a modo de colaxes e a historia da nena dunha tribo. Vive nun castro, tolea por ser coma os demais ou mellor e cando toca facerse a valente... aí vai ela con decisión, decide enfrontar a adversidade no bosque e así descobre o que hai detrás da supersticións e pode salvar ao seu pobo.

mércores, 19 de febreiro de 2025

Un par de álbums: Son calado e Papóns

Son calado (Unha historia do ser introvertido que todas as persoas levamos dentro) de Andie Powers ilustrado por Betsy Petersen, traducido por María Fe González e publicado por Hércules ediciones.

Da presentación editorial: "Son calado. Emilio non é tímido. É calado. Emilio pode semellar apoucado e tímido por fóra, pero no seu interior a imaxinación reborda. Mentres que as persoas maiores, e mesmo as outras nenas e nenos, ven a Emilio como alguén tímido que non ergue a man na clase, nós sabemos que Emilio é, en realidade, un aventureiro en alta mar, un explorador intrépido e un amigo dos animais salvaxes. Este relato defende e celebra a beleza de saber quen somos verdadeiramente". 

Comeza presentándose el mesmo despois dunhas gardas con nubes, porque igual nos quere dicir que está moito nas nubes; apoiado na súa imaxinación el é quen quere ser en cada momento, tamén é quen de observar aquilo que aos demais nos pode pasar desapercibido (as gretas no chan, os sons que nos envolven...), pinta o universo e un amigo co que viaxar, fala baixiño en murmurios como se o fixese consigo mesmo, escoita o océano na buguina... E cando lle dan as boas noites el coa lanterna e os libros explora outros mundos e cando se cansa apágaa e di "boas noites", de verdade. 

En álbum con moito branco porque o silencio igual se representa así, o branco da neve que todo o amaina.

Papóns de Sandra Lodi. Premio Alberte Quiñoi de álbum ilustrado publicado por Galaxia

Da presentación editorial: "A Inés encántalle pasar tempo coa avoa e cultivar a horta con agarimo. Un día descobren que alguén fixo desaparecer a colleita en que traballaron todo o ano. Quen sería o papón?"

Gardas con froitas e verduras, ilustracións acordes coa cuberta para contar esa historia de relacións neta avoa na que a primeira terá que investigar quen son os papóns que lles comeron a colleita; eles contaranlles que os bosques xa non teñen froitos e as cidades aumentan deixándoos sen alimento, máis ben demóstranllo levándoa polo aire e a terra a observar estes cambios. Cando vai falar coa avoa atópaa cun espantallo e varios instrumentos para a destrución de pragas, terán que falar. Teñen que chegar a un acordo para que uns e outras consigan o que queren, así o fan e de vez en cando aínda se xuntan para unha merendiña, daquela a avoa sempre lle di: "Comede amodo" Non me sexades papóns!"

martes, 18 de febreiro de 2025

Os libros das Letras

Sei cantar e sei bailar de Eva Mejuto está ilustrado por Lucía Cobo e publicado por Xerais en formato grande de tapas duras.

Da presentación editorial: "Un fermoso álbum ilustrado para homenaxear a todas as mulleres anónimas que teceron, amaron e transmitiron a nosa música, poesía, lingua e cultura ao longo dos séculos." "Enfiando un ronsel de cantigas, muiñeiras, maneos e xotas, Sei cantar e sei bailar segue a pegada das viaxes de Dorothé Shubarth por Galicia. Neste álbum ilustrado acompañaremos a musicóloga suíza do Courel á Costa da Morte, recollendo as voces das mulleres que mantiveron viva a faísca da lingua no seu cantar. Tocaremos coa pandeireteiras de Mens, cantaremos con Adolfina e Rosa Casás e bailaremos con Eva Castiñeiras para homenaxear a todas as mulleres anónimas que teceron, amaron e transmitiron a nosa música, poesía e cultura ao longo dos séculos. Elas todas son as homenaxeadas no Día das Letras Galegas 2025. O álbum, con texto de Eva Mejuto e ilustracións de Lucía Cobo, conta cun apéndice informativo e cunha web para achegarlle á rapazada, e traballar na aula, un petisco do amplo universo da poesía e da música tradicional galega: a de onte e a de hoxe."

Nas capas a noite, as mulleres que cantan e bailan a modo de constelacións. Nas ilustracións as panderetas seellabn flores que nacen como remate de plantas porque a natureza está sempre presente, tal vez polo rural, porque elas sempre andaban polas aldeas e porque nelas se gardaron as cantigas e os ritmos. Dorothé é a protagopnista dunha historia coral. Busca un tesouro e vaino ir atopando nas casas destas mulleres que gardaron a tradición entre a terra quecultivaban e as estrelas que como música iluminaban as noites. Polo medio as coplas e a suíza percorrendo os camiños da patria prestada, homes e mulleres bailando.

O libro complétase con varios apartados que levan o nome de "Daquelas  que cantan (e tocan e bailan), "Daquelas que recollen os cantos" e "Daquelas que seguen a cantar" para rematar cun código QR para acceder á lista de reprodución preparada para o caso. 

Canta, miña compañeira. O legado das cantareiras de María Lado está publicado na colección Merlín de Xerais.

Da presentación editorial: "Unha viaxe desde o tempo e o lugar das pandeireteiras homenaxeadas no Día das Letras Galegas 2025 ata hoxe. (...) Adolfina, Rosa, Eva, Prudencia, Asunción e Manuela son os nomes propios de seis das miles de cantareiras ou pandeireteiras que ao longo do tempo crearon e conservaron unha rica poesía popular oral, que foi transmitida de xeración en xeración. Grazas a mulleres coma elas, chegaron a nós coplas, ritmos, bailes, contos, xogos, remedios e costumes. Sen ese prezado saber, a música galega que escoitas hoxe en día e a literatura que les non serían as mesmas. Por iso, esas mulleres son as homenaxeadas no Días das Letras Galegas de 2025. Este libro é unha viaxe ao seu tempo e ao seu lugar, durante a que descubrirás cousas sorprendentes e coñecerás xente á que, como a ti, a move a curiosidade."

A través dun código QR podemos acceder a un vídeo onde a autora nos introduce nesta temática. A palabra áxil de María Lado vainos levando coma un río mentres nos fala das cantareiras e de todo o que xira ao redor. En vermello aparece documentación que complementa a informacióna respecto das Letras Galegas, de Rosalía de Castro, da infancia desas mulleres ás que se lle dedican as Letras do 2025, das cantigas e dos lugares onde se cantaban, dos contos que acompañaban as noites, dos instrumentos dos que se acompañaban, dos traballos do agro e das ferramentas que utilizaban pero tamén servían para facer música, das historia de Dorothé e da súa recolleita, do cego dos Vilares, dos instrumentais que se utilizaban para gravar os cantos, das regueifas, das recolleitas e de quen as facía, do loro Ravachol, de como chega á actualidade esta música... Todo iso adobiado con fotografías que nos sitúan nas coordenadas espazo temporais e de cantigas que nos meten en tema.

Un libro de moito interese para saber máis acerca desta celebración tan diferente, na que entran varias mulleres a ese altar no que se conmemoran as Letras.  

Ambos recoñecen o valor das persoas que recompilaron e entregaron o seu quefacer nas institucións públicaS como o APOI (Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade no seo do Museo do Pobo Galego.

domingo, 16 de febreiro de 2025

Ciencia ficción

 

Nave de Olaia Sendón forma parte da colección Fóra de Xogo de Xerais. Resultou finalista do premio Jules Verne de Literatura Xuvenil. Despois de libros tan diferentes como A crebeira Marabillas (infantil) e A fotógrafa Perpetua (ficción documental) aparece esta novela de cicncia ficción para lectorado mozo. 

Así se presenta na sinopse: "Néboa fixo dezaseis anos hai pouco e abúrrese mortalmente na clase do profesor Nogueira. Tampouco pode deixar de pensar en que lle acontecería a Noite, a súa amiga que acaba de morrer. Polo resto, a vida de Néboa é moi normal, ou todo o normal que pode ser a vida de alguén que naceu nunha nave espacial e forma parte dos últimos cen mil superviventes da raza humana.

Unha gran nave, unha orde estrita, unha ensinanza para preparar o futuro, uns colonos que terán que baixar a ocupar un planeta... Quen son os máis preparados para facelo? Que deben dominar para poder facerlle fronte a unha nova realidade? Que pasou cos enviados anteriormente? De todo isto se trata, entre máis misterio que claridade, pero tamén de amizade e amor de todo tipo, dos dirixentes que se converten en titores anodinos de novas xeracións e da escolla daqueles nos que deixan as esperanzas. 

Un futuro incerto que deriva dun presente que todos/as coñecemos e do que descoñecemos se vai poder sobrevivir. A filosofía, as castas familiares, as bibliotecas e arquivos... teñen un papel nesta historia. O mellor é esa imaxe dunha inmensa nave na que se garda a humanidade á espera de atopar o planeta no que instalarse, un planeta do que non se sabe o nome (ou si?), un planeta no que repetir a historia (ou partir de algo aprendido?). Así é a humanidade, capaz de aprender ou desaprender, capaz dos máis altos ideais e dos máis baixos instintos.

venres, 14 de febreiro de 2025

Aurora austral, unha distopía para a reflexión

Aurora austral de Héctor Cajaraville resultou premiada co último Meiga Moira (2.024) e polo tanto publicado nesta colección de Baía. 

Na presentación editorial recóllense as palabras do xurado: “Historia de aventuras ambientada nun universo distópico non moi distante do noso, con gran dose de crítica sociopolítica e que busca poñer o foco sobre o modelo de mundo ao que nos diriximos. Escrito nun estilo dinámico e fluído, con diálogos cribles que interpelan ao público lector”.

Unha historia ben contada na que seguimos o fío do relato con interese e sen perdernos, o que non é pouco, nestes tempos, nos que a labor de edición por veces non chega ata onde pode e debe facelo. O que se nos conta sucede no 2053, a Terra pasou por unha catástrofe global e dende aquela está baixo o control férreo (cada vez maior e xa case definitivo) dunha ditadura "neixente". As elites teñen ao seu dispor a existencia das persoas, da supervivencia do planeta así coma do satélite e outros planetas aos que estás planificando a explotación. A enerxía e a tecnoloxía están na base do abuso e asoballamento de terras e persoas, só debe sobrevivir a élite, os demais son carne de canón que traballa en condicións infrahumanas como produtos de usar e tirar. 

Todo se pon en marcha despois da explosión que remata cunha cidade. Tres irmás que se atopan guiadas polas forzas do Réxime, un pai nas redes do poder, humanos e novas mesturas creadas con produtos que levan parte do seu ADN e deben ser actualizados mediante programas (igualiño que os nosos ordenadores e móbiles). Tres mozas moi diferentes que van percorrer a Terra buscando unha oportunidade, un tempo de percorrido (dende o 18 de xuño ata o 21 de decembro), un narrador omnisciente que lle dá a palabra á irmá máis vella no último capítulo, capítulos integrados en conxuntos que levan títulos tan significativos como Os tempos están a mudar, Aboiando no vento, Coma un pelouro, Petando nas portas do ceo, Vai caer unha boa e Ao abeiro da treboada.  

Non hai saída e a reflexión vén agora por parte dunha lectora que vive no 2024 e observa a actualidade: non hai saída porque a maioría anda na escolla dos neofascismos e populismos de baixa "calaña", na volta dos Trump, Bolsonaro, Milei e demais, en darlle todo o poder para que poidan desfacer a estrutura dos Estados e entregarllos ás grandes corporacións. Non hai saída porque non atendemos aos avisos, aos mayday de Manolo Rivas ou dos grandes defensores do decrecemento e profetas do colapso como Carlos Taibo... Somos nós quen imos camiñando cara ao abismo mentres berramos os nomes dos que están traballando para acabar con todo o que demos conseguido ao longo de séculos de humanidade e loita polo progreso humano. Si, son os nosos veciños e veciñas as que co seu voto están acabando con todo o que queren igual que os novos ao mercar en Amazon están acabando cos seus empregos. Un velo cubre a realidade e non é de néboa senón de tecnócratas ao servizo dese inimigo anónimo e oculto.

Aínda así, as preguntas xorden buscando a esperanza na novela: será que ese grupiño e marxinais, situado en Ushuaia, será o xermolo dun futuro? será posible procrear e criar humanos ao que o poder non poida enganar? será posible que alguén esperte antes de que isto non teña remedio? 

E a gran pregunta: que pasou coa educación (dende a casa á universidade) para que se perdera a consciencia e a alienación se fixera dona da humanidade.

A cuberta cunha imaxe de Rodrigo Chao axuda a situarnos na actualidade pero agardemos que ninguén a confunda cun líder que está afastado de nós, polo ben da humanidade...

martes, 11 de febreiro de 2025

O último libro de El Hematocrítico

Dona Problemas, salvadora da escola era o libro no que estaba a traballar El Hematocrítico cando nos deixou.Pertence á serie de Dona Problemas e está publicado por Xerais na colección Sopa de Libros con ilustracións do gran Paco Roca.

Carlota, á que chaman Dona Problemas que anda iso, resolvendo os problemas de toda a rapazada do colexio. Sempre con algún axudante que lle bota unha man (unhas veces mellor e outras peor). Falando disto, hai que quitarse o sombreiro diante deste autor e o coñecemento que ten da rapazada, neste caso non podemos por menos que rir cando vemos que o pequeno axudante se distrae con calquera cousa e esquece as súas obrigas dunha maneira absolutamente natural. Tamén é de destacar ese sentido do humor que rodea as súas obras e esa crítica que ataca no mesmmo centro da diana a tanto certame do "Mellor profesor" a tanto/a profesor/a influencer ao que se lle vai a vida na foto e o sorriso. ATPR (a túa profe riquiña) é unha nova especie que pasa a formar parte dese retrato do profesorado que nos adianta Miguel López. Paco Roca interpreta a historia con esa mirada que envolve a crítica en humor pero sen perdoar o desfile militar no recreo, a modernidade da profe comercial a tope e a personalidade de cada un dos alumnso e alumnas que enchen as páxinas coa súa diferenzaaínda cando pretendan colocarlle uniforme.

Así se presenta: "Durante unha das súas misións, Carlota, Dona Problemas, ten un accidente cun mestre, e este ten que coller uns días de baixa. A substituta será, nada máis e nada menos, que A Túa Profe Riquiña, unha «influencer» especializada en educación que, ademais, expón toda a súa vida nas redes."

luns, 10 de febreiro de 2025

Certame de textos teatrais Roberto Vidal Bolaño de teatro, 2024

 

O Premio Roberto Vidal Bolaño de teatro do 2024 recaeu na obra Fóra de campo de Rosalía Fernández Rial, que aparece editada por Galaxia na colección Costa Oeste.

Da presentación editorial: "Nere, @nerenao para as escasas seguidoras de Instagram, é unha moza dilixente e vivaz que adora as súas amigas e se leva ben coas compañeiras do equipo de volei. É unha adolescente máis, unha estudante máis dun instituto máis, coma calquera outra.

Pero todo cambia cando Gladius, o influencer máis admirado pola comunidade, repara nela. En canto lle pide participar na súa nova serie, a vida dálle un xiro radical. Entra no reino das elixidas e nada volve ser coma antes.

Fóra de campo enfoca o que fica alén do plano, o que se pode intuír pero non se ve, nese espazo onde se revela a cara oculta das redes sociais, o poder das contendas cotiás, os fíos que unen as mulleres que non se deixan enredar. 

Fóra de campo fala unha linguaxe contemporánea onde conflúen as artes escénicas, plásticas e musicais."

Moitos personaxes. Un instituto. Deporte. Instagram, Redes sociais e o que se move ao redor.  Un comezo magnífico coas tres mozas na bancada observando o partido nunha conversa e unha situación que deciden repetir cando ven que a cousa vai por mal camiño. Teño unha preferencia especial por esta escena fronte ás outras que me resultan máis esquemáticas aínda que o xogo entre as manifestacións artística acade moita altura. A escena final coa mensaxe "A xente ten o poder" e o "Que non te enreden" como lema, con esas mesmas características ainda máis visibles.

O kickboxing e o kung-fu, artes marciais. O xogo entre a actuación e a pantalla onde aparece o que se escribe ou se fotografa. As clases de filosofía. As marcas de xénero na linguaxe, as diferentes tendencias sexuais, o feminismo, a competitividade e a solidariedade ("-Somos un equipo. -Por iso non imos ser ruíns as unhas coas outras"), a pintura e a música como parte esencial da obra e a filosofía dándolle sentido ao que sucede, o maltrato e a vítima do abuso...    

O obra entendese moito mellor se somos coñecedoras do ensaio Mover ficha. Proposta didáctica para as aulas de linguas e literatura na que esta interrelación das materias se explica e podemos entendela en toda a súa profundidade.