domingo, 12 de febreiro de 2023

O libro da toupiciencia

 

O libro da toupiciencia de Celtia Figueiras e José Breijo está publicado por Guindastre. A toupa ten un axudante humano, xuntos vannos explicando en que consiste o método científico e aconsellando as recomendacións a ter en conta nos laboratorios e informando dos perigos que alí se poden atopar mediante sinais. A continuación preséntanse unha serie de experimentos ao redor da presión atmosférica, reaccións químicas, polímero superabsorbente, refracción da luz e desafíos á gravidade. Remata co apartado "Pensando ciencia" recollendo citas de científicos e científicas galegas.

Un libro moi visual que quere achegarnos a ciencia e divertirnos facendo experimentos que poden relacionarse coa maxia. 

Así se presenta:  "A toupiña e o seu axudante Protonio buscan persoal científico para o futuro e andan a exploralo todo para atopalo, facendo divertidos e dinámicos experimentos que utilizan o método científico, promoven a curiosidade e amosan o importante que é facérmonos preguntas para aprender e avanzar."

Un espectáculo e unha canción...

xoves, 9 de febreiro de 2023

Historias de heroínas

Max e os superheroes de Rocío Bonilla e Oriol Malet, traducido por Elvira Ribeiro e publicado por Algar. Dous tipos de debuxos: os do conto (suaves) e os dos superheroes (moi de banda deseñada e agresivos. Unha historia: a Max encántanlle os superheroes, e o que máis Mega Power, unha muller que ten todos os poderes e o fai todo mellor ca ninguén... ao final descubrimos quen é este superheroína e cando lle gusta máis é cando pon o disfrace de nai e lle dá o beixo de boas noites. Porque non hai que ir demasiado lonxe para atopar grandes heroes, está máis preto do que pensabamos... Un libro que ten o premio Kirico.

Asali e a lenda dos baobabs de Paula Merlán e Nívola Uyá. Publicado por Triqueta Verde.

O avó cóntalle a lenda da razón pola que os baobabs medran do revés e a nena conseguirá reverter o futuro. Moitas cores, un debuxo barroco e quente. 



luns, 6 de febreiro de 2023

De adiviñanzas

Adiviñacedario de José Carlos Romaín e Cecilia Moreno, traducido Iolanda Mato e publicado por Triqueta Verde.

Un libro cadrado, de pastas duras, grande... As cores pastel e planas. Moitas onomatopeas.

Así se presenta:"José Carlos Román convídanos a descubrir un obxecto escondido en cada letra do libro. Pero Adiviñacedario non é só un libro de adiviñas, nin tampouco é un xogo, senón ambas as cousas á vez. É un libro-xogo onde os máis pequenos terán a oportunidade de ampliar o seu vocabulario e coñecer todas as letras do abecedario, mentres se divirten buscando os obxectos escondidos nas divertidas e coloridas ilustracións deseñadas pola ilustradora Cecilia Moreno…"

A de abella, b de balón, c de camión, d de dado, e de espello, f de faro, g de gato...

Ao final un solucionario.

venres, 3 de febreiro de 2023

Novidades

 Imos vendo...

Portugal de Carlos Meixide. A continuidade da serie protagonizada polos cinco amigos (Anabel, Roi, Suso, Fátima e mais a Rula), que neste caso e despois do pasamento do avó de Roi viaxan ao país veciño para enfrontarse a novas aventuras. Sempre lembro aqueles primeiros de título monosílabo (Ons e Cans) para continuar con máis sílabas e topónimos (Guitiriz e Arousa), desembocando, neste caso, no nome dun país (Portugal)

Amiga lúa, amigo mar de Claudia Castro e Luz Beloso, publicado por Galaxia. Poemas tecidos a partir doutros versos de escritoras estranxeiras (maioritariaente) que, segundo a presentación editorial "nos fan vogar por augas salgadas ao abeiro do luar".

O país dos raposos de Andrián Noia, 2º premio da Xuventude crea 2021 na categoría "Novela curta". Unha distopía, unha historia que xa comeza co máximo de violencia e á que lle debería ter dado un tempo para repousala e mellorala  tanto no continente como no contido. Porque podía ter dado algo moi especial... A présa mátanos. Así se presenta: "Nun país calquera, a vida cotiá vese alterada pola sublevación dun grupo terrorista que quere impoñer un réxime violento. Dous irmáns, membros da alta Administración do extinto Estado democrático, son obrigados a colaborar na nova causa. Con todo, a sociedade en vías de construción nace da vontade persoal dun individuo, aflixido polos seus traumas máis profundos. Amor, violencia, hipocrisía e distopía son os temas que se mergullan nesta historia inverosímil, pero factible. Así e todo, ninguén coñece, a ciencia certa, cal é o seu porvir"

xoves, 2 de febreiro de 2023

Falamos dunha colección

Continuamos falando dunha colección: Meiga Moira de Baía. O seguinte que queríamos comentar é a presenza de autores e autoras (especialmente autoras) no seu catálogo.

Chama a atención algo que é normal en todas as colección e editoriais, pois xa é común falar de "esta é a miña editora" ou é "unha autora da casa". E así atopamos autoras con varias obras como Conchi Regueiro (algunha delas finalista do premio -Un marciano neste mundo e outros libres como O tesouro das ánimas, A herdanza do marqués, A cerna do segredo ), María Solar (cunha intervención na que xungue libro de ficción e coñecemento en O tempo do revés e Boa sorte), Andrea Maceiras (con dous premios e unha publicación a maiores), Ánxela Gracián con dous premios (ex aequo o primeiro, As voces da auga con Pere Tobaruela e o segundo pleno: Donas de nós), Pere Tobaruela (co premio ex aequo Auga e lume e o libro Catro pedras vellas), Natalia Carou (A Cova da Moura, O alento nas costas), Xabier A. Barreiro Liz (A cova dos mouros, A pantasma telefónica)... 

Certamente, case poderiamos falar de que hai unha temática e maneira de facer na que coinciden varios, pero penso que o mellor son as sorpresas. A última entrega, de María Antonia Quesada, é a primeira incursión desta escritora en galego e semella que buscou a colección que mellor lle ía á historia (mosteiro de Caaveiro, liberais perseguidos por Fernando VII, unha casa en Redes...) pero semella un pouco apertada a letra, como se tivesen que diminuír a tipografía polo tamaño da obra.

sábado, 28 de xaneiro de 2023

Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil

O XIII Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil 2021 foi para Berta Dávila por Un elefante na sala de estar

Un suicidio. As voces da familia e amigos dan achegando a súa visión sobre Rosa. "Diferentes xeitos de afrontar a dor, a culpa e o estigma social durante o proceso de loito". A problemática do suicidio "que é xa a primeira causa de morte non natural entre a poboación adulta e moza" colócase sobre a mesa para diseccionala ou como  nun calidoscopio o retrato da muller para que sexamos conscientes de que nunca coñecemos de todo, nunca temos todos os datos e poucas veces coinciden.

A imaxe da cuberta con ese calidoscopio no que as imaxes se multiplican, esa parábola hindú na que catro sabios cegos queren saber como é verdadeiramente un elefante ao que o rei lles contesta "o que cada un de vós dixo é unha cousa certa, pero todos estades equivocados. Un elefantes é a suma de todo iso (unha corda se tocas a cola, un tambor se tocas o bandullo, un abano se tocas unha orella, o tronco dunha árbore se tocas unha pata) e, se ademais de vós houbese aquí catro sabios máis, outras catro cousas máis sería."

Porque un elefante na sala de estar é tamén iso que está á vista de todos pero ninguén nomea...

Aproveitemos para darlle voltas a algunhas frases..."É coma se as nais gardasen unha parte de nós e coma se quedar orfa fose unha amputación", "Cadaquén ten unha febra de distinta cor, que se vai combinando para facer un debuxo deste tempo."

luns, 23 de xaneiro de 2023

Un libro dunha escritora clásica: Ana María Machado

Publicado por Xerme no 2018, traducido do portugués por Manuel Barbadillo, o libro que aparecera en castelán en 1996, O domador de monstros de Ana María Machado

Así o presentan: "A Serxio non lle gustan nada os monstros que aparecen cada noite no seu cuarto. Son realmente arrepiantes! Pero un día encontrará a maneira de acabar con eles..."

E así é, porque el enfróntase ao monstro dicíndolle "Ti pensas que me pos medo porque es moi feo? Como me sigas mirando así, chamo un monstro máis feo ca ti para que te asuste" e nun xogo acumulativo vaille engadindo a ese monstro todas as monstruosidades posibles ata que lle dá a risa (e non só a el senón tamén ao coelliño de peluche que o acompaña todas as noites); daquela o medo estará superado porque a mellor arma é o humor.