domingo, 26 de novembro de 2023

De avoa a netas, de Concha Blanco a Ana e Mariña

De avoa a netas, de Concha Blanco a Ana e Mariña: Eu tamén fun pequena

Da presentación editorial: "Todas as noites, antes de durmir, unha avoa cóntalles ás netas como foi a súa infancia na aldea." Ilustrado por Dani Padrón (recreando unha Concha Blanco do pasado que moito se parece á actual, como recuperando o seu "ser nena") e publicado por Xerais na colección Merlín. 

Comeza en poesía e remata da mesma maneira. Polo medio os contos que non son contos senón a evidencia de que a autora tamén foi pequena (aínda que ás netas lles poida custar traballo crelo). Todo comeza coma un sen querer. Unha noite cóntalles algo da cando era nena e escoitan con tanto interese que decide seguir contándolles, porque moitas veces se ten demostrado que as historias que máis lles gustan ás crianzas son aquelas de verdade, aquelas nas que relatamos algo noso, algo que vén de moi adentro e compartimos con elas, por iso, como non lles van gustar as que falan de cando as persoas que están próximas tiñan a súa mesma idade?

E di a autora, se lles gustan a elas igual tamén lles interesan ao resto da rapazada! E niso estamos, en compartir a infancia de Concha no seu Lires natal, dende que nace e o médico lle quixo poñer nome, os seus xogos, a relación cos animais da casa, de como era a vida cando non había auga nas casas, como e onde se lavaba ou como se conservaban os alimentos cando non había conxelador nin neveira, con que se alumaban cando non había electricidade fóra das casas, como era a escola daqueles tempos, como se tivo que desprazar a Ferrol para poder estudar, como se desprazaban cando non había estradas, que pasaba co galego naqueles tempos, que era andar co raposo polas casas, cando viñan cantar polas portas, como facían cando se poñían enfermos, como pescaban os rapaces ou os sustos que se pegaron o día que se foron na barca e non podían volver, se había ou non libros nas casas e na escola, as terapias con auga de mar ou con herbas ou como ían ás augas a Caldas, a relación cun fuxido da guerra que andaba escapado polo monte... E, como sucedía con Sherezade, as palabras vanse unindo unhas a outras, coséndose nas historias e alimentando os afectos, por iso, a imaxe final é unha man de adulta da que se prenden dúas pequenas. O libro é tan veraz que se recoñecen perfectamente as respostas de cada unha das netas atendendo ás súas idades e case carácter.

O que non se lle teña ocorrido a Concha...

venres, 24 de novembro de 2023

Libros que xiran ao redor de temáticas

Xa falamos de Resúltame familiar. Un percorrido actual por diferentes formas de vivir en familia sobre diferentes familias, libros que nos resultan "familiares" porque semella que para dar resposta a certas necesidades van aparecendo uns detrás de outros, formando parte da etiqueta "Diversidade familiar" que aparecía na Guía Donas no espello da LIXG

Da mesma maneira aparece Labores do lugar de Susana Peix e Víctor Mascato con ilustracións de Jaume Mora e publicado por Cumio. Este libro ten moito que ver con O marabilloso libro das profesións publicado hai pouco tempo por Baía nunha tradución de moito interese de María Reimóndez. Así se presenta:"As persoas que vivían nos pobos emigraban ás cidades en busca de oportunidades profesionais que pensaban que a contorna rural non podía ofrecer. Co paso do tempo, démonos conta de que os espazos rurais foron quedando baleiros e, en contra do que moita xente pensaba, as oportunidades que ofrecen estes lugares son, agora, cada vez máis grandes. Actualmente hai máis xente que está a facer o contrario, volvendo aos pobos para retomar oficios tradicionais. O mundo vira cada vez máis rápido e con él nosa forma de consumir e traballar, por iso cada vez buscamos profesións de proximidade que aposten pola sustentabilidade, no económico, o social e o medioambiental. Este libro recolle nove profesións con gran futuro que poden desenvolverse na contorna rural. Neste primeiro volume achegámosche a aquelas que se dan nun pobo de costa, relacionadas co campo, o mar, os animais, a alimentación ou a artesanía local.

O seu argumentairo de venda dános idea do que imos atopar: "Un libro divulgativo para entender e facer un percorrido polos labores dun pobo. Axuda a entender como se establecen vínculos entre as distintas profesións de ámbito local. Pon en valor oficios que respectan o medioambente e xeneran un importante valor para a sociedade."  

mércores, 22 de novembro de 2023

Para o inverno...

O camiño á casa de Katie Cotton e Sarah Jacoby, traducido por Fe González e publicado por Hércules de Ediciones na colección Novas lecturas de Hércules. 

Da presentación editorial: "Cando chega o inverno, un paxaro foxe coa súa cría, un rato constrúe un niño para o seu fillo e os coellos escapan dos lobos que vagan polos bosques ao escurecer. O camiño á casa é longo e duro, pero os animais téñense os uns aos outros nesta meditación poética sobre a natureza, a supervivencia e o amor." Un verdadeiro poema textual e visual, os versos con rima e as ilustracións suaves. A repetición do retrouso: "É un camiño duro, un camiño longo / este camiño á casa, de retorno." vai acompañando a cada familia de animais que busca o refuxio para os días máis fríos do inverno, pero estando xuntos... iso non importa.

domingo, 19 de novembro de 2023

Un par de libros informativos

A lingoaxe das plantas. Os seres máis fascinantes do planeta de Helena Haraštová con ilustracións de Darya Beklemesheva, traducido por María Reimóndez Meilán e publicado por Baía.

Da presentación editorial: "Que pasaría se as plantas tivesen súper poderes dos que nada sabemos? Podería ser que as plantas sexan as donas do mundo? Cando miras para as plantas e as árbores seguramente dirás: moi bonitas, pero un pouquiño aburridas. As plantas nin andan nin falan e aínda por riba non fan nada cando as arrincamos, cortamos ou cando lles prendemos lume. Pero sabemos o que facemos? Hai moitos científicos recentes que poñen patas arriba a nosa percepción tradicional das plantas e das árbores. Agora non só sabemos que se interesan polo mundo que as rodea, senón que reaccionan ante el. Ademais, comunícanse de xeitos que quen nos dera aos humanos!"

Un libro de moito interese para ir estudando as plantas, as súas partes, tipoloxía, medio natural no que se asentan... para rematar cun glosario que axuda a entender toda a información.

O gran libro dos nosos montes de Blanca Millán está publicado en Cumio. Otro libro para non perder con todo tipo de documentación básica e tamén complementaria (como facer un colar de bugallos, as regras do sendeirista...) en recadros que complementan a información central.

Así se presenta: "Un álbum divulgativo repleto de ideas orixinais para saír de excursión e aprender a observar a natureza dependendo da estación do ano."

venres, 17 de novembro de 2023

Novembro, mes da ciencia en galego nas bibliotecas

Elena Vázquez Cendón, coutora en Matemáticas e decana da súa Facultade na USC  escribe o manifesto deste ano 2023.

Fala da divulgación como ese compromiso de compartir a ciencia. Saber, curiosidade, preguntas. Tamén di:"Cada libro que enche os seus andeis (dabiblioteca), ao pasar polas nosas mans, convértese nunha semente viva que activa as cores coas que o noso maxísn ilustra as persoas que nos permitiron chegar a este momento, e transmiten as vibracións das persoas que os abrimos. Esta conexión cos libros sacia inicialmente a sede de querer entender e deixa unha valiosa semente para ser as científicas e científicos que acharán as solucións aos problemasque hoxe nos formulamos. Convídanos a visitar o Álbum da Ciencia do Consello da Cultura Galegas e a asistir ás actividades (conferencias, obradoiros, observacións do ceo nocturno, exposicións, contadas, experimentos, cursos...) que se desenvolven  nas diferentes bibliotecas ao longo deste mes.  No folleto publicado pola Xunta de Galicia aparece, a maiores, inforacións sobre a furgoteca, a ciencia en galego nos equipos de dinamización da lingua galega (congresos, aplicacións e xogos, programas e presentacións, revistas, vídeos, xogos, concursos e cancións, xogos de mesa, biografías...) e nas bibliotecas escolares (recursos a través das páxinas ciencia en galego nas bibliotecas, seleccións de ciencia en galego, libros informativos en galego, proxecto biblioteca creativa, metodoloxías activas e traballo por proxectos)

Todo un mes para gozar coa ciencia ao tempo que se aprende. No medio de todo iso os libros que podemos ver a través dos seguintes enlaces: 

Un libro informativo

Divulgación científica. Neuroloxía

Aumentan os títulos da serie "Crías de animais"

O sono animal

Unha biografía, unha novela, un libro de divulgación científica...

ESTRELAS GALEGAS DA CIENCIA

Un magnífico libro sobre a gran teoría

E moitos máis que pdoerás atopar neste blog... 

martes, 14 de novembro de 2023

Os migrantes en Kalandraka

Un novo libro para a colección MareMar de Kalandraka, con texto de Marcelo Simonetti, ilustracións de María Girón e tradución de Iago Nicolás.

Os migrantes. Que son os migrantes? esa é a pregunta que se fan os dous irmáns. El cóntanolo todo, estaban a piques de saír e a profesora Alicia dilles que van ter na clase dous migrantes, pasan a tarde e a noite dándolles volta ao que serán os migrantes: un tipo de pasteis, unhas mascotas (ourizos cachos, concretamente, deses que se converten en boliñas e rodan igual que pelotas), palíndromos... pola noite chegan os malos pensamentos (coa escuridade): e se son espíritos malos? Dormen mal e van con medo para a escola, cando entran fano collidos da man, dispostos a todo; cando entran na aula só hai dous novos co pelo moi rizado e os dentes moi brancos, sentados, cóntanlles como era a súa vida lonxe, fanse amigos e andan tan abstraídos que se esquecen dos migrantes que non apareceron pero se o fan non haberá perigo, agora son un equipo de catro imposible de derrotar.

Pauli, a irmá, para pensar mellor ponse na postura da famosa estatua O pensador ou colócase coa cabeza para abaixo... Cando falan dos palíndromos crean algún máis que non deixan de sorprendernos. En fin, unha marabillosa historia, moi ben contada e ilustrada con lapises de cores en estilo realista, un relato que, no medio do terror nos abre a mirada á natureza ("mirei o ceo e convencinme de que, polo menos, era un día moi bonito para morrer")

A presentación editorial, inmellorable: "Unha proposta orixinal que aborda o encontro co diferente con humor e intelixencia, a través da mirada curiosa e inocente da infancia."

domingo, 12 de novembro de 2023

VI Premio Agustín Fernández Paz pola igualdade

O VI Premio Agustín Fernández Paz pola igualdade recaeu na obra Ringo. Memorias dun coello fedello de Pablo Nogueira

Da presentación editorial: "Ringo é un coello que forma parte dun impresionante número de maxia do mago Leo. A causa dun erro na execución do truco, un día aparece nun lugar descoñecido, lonxe do circo. En compañía de Brétema, que o atopa perdido, e dos amigos Gada e Aldán, vivirá aventuras e enfrontarase a perigos mentres tenta regresar ao Circo Fantabuloso: unha comunidade de artistas onde cadaquén expresa a súa singularidade. Imaxinación, enxeño e humor intelixente mestúranse nesta aventura que aborda temas esenciais como o valor da amizade, a diversidade, a empatía e o amor."

Ringo vainos contando a súa historia, a do circo no que traballaba cunha serie de personaxes ben curiosos e tamén o presente cuns compañeiros marabillosos, capaces de salvalo das mans dun mago tolo e interesado. Ter como amigos a unha nena que o adopta, unha rapaza saharauí e un neno cego que se fai acompañar dun can que o axuda. Eles son quen de resolverlle o futuro a un antigo actor, de escribir novas no xornal de escola ou de vivir felices mentres agardan que o mago manco de nome Leo e poda volver ao circo para compartir os seus días con toda aquela troupe de extraordinarios seres.

O autor utiliza a rima para facer máis alegre a prosa ou inventa un xogo de cromos de escritores e escritoras galegas para aproximalo máis a nós, o que tamén fai co nome da nena, Brétema, ou do neno Aldán que é forte coma unha rocha, e compensa a falta de vista coa agudeza nos outros sentidos.  As ilustracións de David Pintor non defraudan, o seu estilo aparece depurado e a expresión na cara dos personaxes é magnífica.